A normalización do disparate

Isto de saír da crise botando á xente á rúa é algo que algún día estudarase nas escolas e todos botaremos unhas risas. Porque se neste ano catro do cambio de réxime algo quedou claro é que nunca nada volverá ser como foi pola sinxela razón de que hai tempo que vivimos instalados na normalización do disparate. Nas últimas décadas, cativo e desarmado o bloque comunista, todos viviamos felices no soño eterno do libre mercado sen maiores consecuencias máis que as puramente derivadas da lóxica darwinista. A socialdemocracia fíxolle o traballo sucio aos fillos de Milton Friedman polo que estes agora campan ás súas anchas polo mundo civilizado que se cría libre de pecado. Como deixa ver Naomi Klein en La doctrina del Shock todo responde a un plan premeditado e nós simplemente somos os miolos nos que aplicar os eléctrodos para que todo este disparate sexa unha realidade.

A socialdemocracia fíxolle o traballo sucio aos fillos de Milton Friedman polo que estes agora campan ás súas anchas polo mundo civilizado que se cría libre de pecado

Como non podía ser doutro xeito toda normalización do disparate comezou cun disparate aínda maior. Foi o momento en que triunfou entre os altofalantes do neoliberalismo o que o secretario xeral de CCOO chamou "aplicar o comunismo por un rato". Quen nos ía dicir que foran precisamente os pais do libre mercado os encargados de poñeren en práctica a mesma política que levou a quebra ao sistema comunista: socializar as perdas privatizando os beneficios. Así, para salvar o sistema rescatamos bancos incluso contravindo a primeira máxima do capitalismo: a bancarrota da empresa privada como síntoma de que algo non funciona e necesaria autodefensa do propio sistema para autorregularse. Os estados de medio mundo civilizado, comezando por EEUU e rematando pola moribunda Unión Europea, aplicáronse en evitar a caída dos bancos a costa do incremento da débeda sen sospeitar que o pecado levaba impresa a penitencia. Os mesmos bancos salvados son os que hoxe piden contas aos salvadores pola factura do rescate. Mentres, somos nós os encargados de pagar a conta a base de recortes necesarios porque "non hai alternativa", primeiro mandamento do shock económico da Escola de Chicago tan ben levado á práctica no Chile de Pinochet após do ano 73.

Somos nós os encargados de pagar a conta a base de recortes necesarios porque "non hai alternativa", primeiro mandamento do shock económico da Escola de Chicago tan ben levado á práctica no Chile de Pinochet após do ano 73

Xa instalados no disparate a ninguén lle resulta estraño que os bancos rescatados desafiúcen á xente das súas casas por non poder pagar unha hipoteca ao teren perdido un traballo eliminado polo mandato divino duns bancos disfrazados de mercados e inversores que establecen que para que todo siga igual é preciso premer a tecla de reset: "vivimos por riba das nosas posibilidades e gastamos o diñeiro que non tiñamos". O grande axioma da nosa época e que é o colmen do disparate no que vivimos. Ninguén pode gastar máis do que ten pola sinxela razón de que é empiricamente imposible. Se un gasta é porque ten. Se un compra unha vivenda a sobreprezo é porque previamente o banco taxou esa vivenda a sobreprezo e concedeu unha hipoteca a sobreprezo en base a unha taxación inchada. Como ben saben os norteamericanos, isto é capitalismo baby e o resto historia.

No disparate é normal criminalizar a quen non pode pagar as débedas mentres se premia vía amnistías fiscais a quen podendo facelo prefire dar leccións de patriotismo gardando os cartos nas contas de Suíza, que para iso inventou o sistema os seus propios paraísos estivais. O diñeiro, a fin de contas, é como a enerxía: nin se crea nin se destrúe, simplemente se transforma. O carallo é saber cando volverá aparecer o carto e baixo que forma. Polo demais, nada que non podan arranxar uns cantos mortos para que os nosos representantes se decaten de que algo cheira mal en Dinamarca aínda que ao final fagan o que sempre: non atopar unha solución porque nunca houbo problema algún.

Namentres, aquí estamos aplicando unha reforma laboral que tras ano e pico de Goberno disparou a taxa de desemprego do 21 ao 25% facendo de España un caso único so comparable ao milagre dos pans e os peixes a ollos da ministra Fátima

Namentres, aquí estamos aplicando unha reforma laboral que tras ano e pico de Goberno disparou a taxa de desemprego do 21 ao 25% facendo de España un caso único so comparable ao milagre dos pans e os peixes a ollos da ministra Fátima: "esta reforma laboral está mantendo moitos postos de traballo". Ninguén lle poderá nunca reprochar a Báñez a súa fe cega no sistema, xa sexa este terreal ou divino. Non en van, estas alturas tranquiliza saber que o de parir sen coñecer varón foi comprobado cientificamente mentres que o do boi e a mula era pura ciencia ficción. Malo será que boi e mula, desafiuzados, non puideran aforrar estes séculos 160.000 euros cos que mercar a residencia en España e, de paso, levar un piso de balde. É tan sinxelo o disparate que un xerifalte do poder veu explicar o conto de maneira excepcional: "Non se pode poñer un prezo máis baixo, porque xeraría unha demanda masiva de permisos de residencia". Eís, por fin o que os críticos literarios deron en chamar realismo máxico que traducido é: tampouco queremos que se nos encha isto de xentuza.

E nesas estabamos cando chegou a Xustiza a dicir que o decreto do galego é un compendio de disparates o que non fixo máis que reforzar a teoría do Goberno de Núñez Feijóo de que traballa na dirección adecuada xa que diso se trata: de pór en práctica o disparate. Sorte que a Xustiza española comezará a cobrar nunhas semanas.  Pero non desesperen, non cabe dúbida algunha de que seguirá sendo cega.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.