A vindeira lexislatura nas cortes españolas non parece que vaia a ser unha lexislatura como as anteriores. Existen polo menos dous factores que abren a posibilidade de cambios substanciais no marco político e institucional xurdido na transición do 78. Por unha banda, o impacto do proceso soberanista iniciado polo pobo catalán, que terá o vindeiro domingo un importante fito coas eleccións autonómicas, cuxo carácter xa todo o mundo asume que é plebiscitario. Se hai algún proceso de creba no estado, ese é o que ten a súa orixe en Catalunya. Pola outra, a crise na que están inmersos os dous partidos que veñen dominando a escena política española durante practicamente todo o período democrático. Os continuos casos de corrupción así como a xestión da crise económica explican que o modelo bipartidista español estea tocado, se ben non afundido, se atendemos aos estudos demoscópicos. Ábrese por tanto un escenario de cambios, tanto no eido dos actores e das políticas como no eido do encaixe territorial, sexa cal sexa a resultante do proceso catalán. Ámbalas dúas lóxicas cremos ademais que se reforzan mutuamente, toda vez que un debilitamento do bipartidismo a favor de posicións máis proclives a entender o carácter plurinacional do estado pode crear as condicións para unha mudanza constitucional cara o recoñecemento explícito de dito carácter plurinacional. E viceversa, a irrupción de forzas que impulsen mudanzas no referido aos dereitos nacionais dos distintos territorios do estado, entre eles o galego, axuda a debilitar ao bipartidismo.
Compromiso por Galicia, a forza á que pertenzo, fixo súa a diagnose anterior cando o pasado mes de xuño aprobou unha resolución que apostaba por impulsar unha candidatura ás xerais con protagonismo cidadán e co duplo obxectivo de que Galicia teña voz propia nas cortes e o de contribuír ao cambio no estado. E dende aquela levamos traballando, quer no ámbito máis ligado á cidadanía, quer no plano das organizacións partidarias, para que esa candidatura sexa unha realidade. Tamén decidimos, como facemos sempre coas decisións importantes, que a postura final de Compromiso se resolvería por unha convención onde participarán todos os nosos afiliados. Ao tempo, foi collendo forza a nivel social e político a idea de que unha candidatura única –que competise con PP e PSOE en Galicia- tería unha grande potencia electoral. Sería unha ferramenta útil para acadar os dous obxectivos planeados. Tamén foi collendo forma a concreción desa voz galega, que pasaría por un grupo propio nas cortes, sen menoscabo de que se deran acordos con outros grupos cos que se compartan obxectivos.
O ideal, polo que aínda apostamos moitos, dun movemento ou plataforma cidadán que servira de espazo de confluencia e participación dos partidos, non parece estar dando os froitos que algúns desexábamos
Non vou dar aquí a miña versión dos pasos que se veñen dando na dirección desa candidatura, tanto por parte dos partidos como por parte de movementos cidadáns. O caso é que a estas alturas do conto, a piques de finalizar setembro, segue sen despexarse a incógnita de se seremos capaces de ofrecerlles aos galegos unha proposta electoral potente, única, alternativa ao PP e ao PSOE. O ideal, polo que aínda apostamos moitos, dun movemento ou plataforma cidadán que servira de espazo de confluencia e participación dos partidos, non parece estar dando os froitos que algúns desexábamos. A estas alturas a falta de unha temos dúas grandes plataformas que, sexa polas razóns que sexa, non son quen de actuar coordinadamente.
Se realmente se acredita en que unha vitoria de parte é unha derrota de todos, o que haberá é que actuar con xenerosidade e altura de miras
Mais a expectativa e o valor desa candidatura sigue en pé e sería irresponsable ficar nun stand by sen que os partidos tratásemos de avanzar e darlle continuidade aos contactos bilaterais que xa fomos mantendo, ao tempo que os movementos cidadáns amañan as súas desavinzas. Algúns deses partidos, con máis afinidades previas, parece que quren avanzar máis á presa. É lexítimo, sen lugar a dúbidas. Pero sería un erro que o fixeran co obxectivo implícito de deixar fóra a actores relevantes sen os cales esa candidatura unitaria xa non sería tal. Do mesmo xeito, mal farán os que vexan nese movemento o portazo definitivo á candidatura única, dando por autocumprida unha profecía que agora algúns medios se afanan en anunciar. Se realmente se acredita en que unha vitoria de parte é unha derrota de todos, o que haberá é que actuar con xenerosidade e altura de miras. As opcións para salvar as trabas existen, entre elas a coalición instrumental –con personalidade xurídica propia- onde esteamos as organizacións políticas participantes neste proceso, sen menoscabo do protagonismo cidadán e asumindo as metodoloxías participativas que algúns xa vimos practicando dende fai tempo. E tamén será preciso o consenso, que evite enfrontamentos e tentativas de control estériles en tódolos sentidos. Aínda estamos a tempo, agardo. É a nosa obriga.
Coda: A nivel persoal e por razóns que alongarían este artigo non se me ocorre ningunha outra figura da potencia electoral para unha candidatura única ao congreso que a de Xosé Manuel Beiras, elixido en todo caso mediante un proceso de primarias abertas á cidadanía.