A noticia e a picaresca

Informan os medios que Angela Merkel volve imporse e consegue que só unha das 426 caixas alemás vaia ser supervisada polo novo mecanismo de control da Unión Europea. A noticia non é que a Canciller volva imporse, ou que consiga evitar someterse ás normas comúns: a iso xa estamos tan afeitos como a que os Estados Unidos non asinen os tratados internacionais. Os imperios só se someten aos seus intereses e fan que as lexislacións se adapten a eles, o contrario é o que lles receitan aos demais como imprescindíbel. A noticia é que en Alemaña existen 426 caixas de aforros! Que non van ser bancarizadas nin engulidas! Que vos parece o conto?

A noticia é que en Alemaña existen 426 caixas de aforros! Que non van ser bancarizadas nin engulidas! Que vos parece o conto?

Nunha televisión estranxeira unha correspondente no Cairo informa do desenvolvemento do referendo para lexitimar a nova orde ditatorial de Mohamed Mursi. A xornalista está ás portas dun colexio electoral e di que in situ a xente vota con normalidade e non se observan irregularidades que contraveñan a validez da consulta. Detrás dela vese a xente a facer cola e por un minuto, coa súa voz de fondo, emítense imaxes doutros centros de votación con cadansúa cola de votantes. A correspondente non menciona o dato que todas as imaxes amosan, o único que as diferencia de calquera proceso electoral no que a propia xornalista pode participar no seu país de orixe: que hai colexios electorais para homes e colexios electorais para mulleres. Ou que hai mulleres a saír da cabina e a introducir a papeleta na urna co burka posto. Alí, todo normal. É verdade o que nos conta a informadora ou o que vemos nas imaxes?

Hai tempo que me deu por interpretar a crónica do tempo pola contraria, como dicían que debía interpretarse a moral da novela picaresca

Nun telexornal coméntase con alarma e erguemento de cellas que un tifón se achega a Samoa, no Pacífico Sur, con fortes chuvias e ventos que poden acadar os cento setenta quilómetros por hora. Vemos imaxes dos Samoanos a preparárense defendendo as casas e mercando alimentos nos supermercados. Ese mesmo día o temporal rexistra en Carballeda de Valdeorras ventos de cento setenta e dous quilómetros por hora e en Forcarei recóllense 225 litros de auga por metro cadrado. Velaí outra proba de que as noticias non saen dos datos senón da simpatía e da facilidade para conseguir imaxes, simpatía e facilidade que son moito maiores no caso de Samoa que no de Forcarei ou Valdeorras, a onde vai parar! A consecuencia é que a ameaza de temporal nas antípodas é moito máis real que as árbores derrubadas e as terras, casas e estradas asolagadas en Galiza.  

Agora, se nunha televisión española afirman que vai lucir o sol, eu ármome de paraugas. En realidade, esta estratexia non só resulta útil no terreo meteorolóxico… val tamén, por exemplo, para a información política.  

Hai tempo que me deu por interpretar a crónica do tempo pola contraria, como dicían que debía interpretarse a moral da novela picaresca. Cando o pícaro se abandonaba ao desexo ou a inmoralidade, explicábannos que a mensaxe debía ser xusto a oposta, o pícaro ofrecíanos un modelo a non imitar, viamos unha cousa pero o significado era supostamente o contrario. Agora, se nunha televisión española afirman que vai lucir o sol, eu ármome de paraugas. Se aseguran que vai chegar o frío polar, fago plans de terraceo. En realidade, esta estratexia non só resulta útil no terreo meteorolóxico… val tamén, por exemplo, para a información política. Facede a proba coas declaracións e os compromisos solemnes dos gobernos do PP: “Tal agravio nunca”, “Tal dereito por enriba de todo”… Pensade na Xunta dicindo que o TSXG lle deu a razón no decreto do galego e ao mesmo tempo anunciando o recurso contra a sentenza. O dito, a picaresca. Aqueles mestres debíannos tomar por parvos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.