A nova andaina grega

O trunfo de Syriza constitúe un feito histórico. Nunca antes –no ámbito da UE- o goberno dun Estado estivo nas mans dun partido de esquerdas que non se ubica na corrente oficial de matriz socialdemócrata. Estamos, pois, ante unha situación nova que abre notábeis incertezas sobre as dinámicas futuras no proceso de construción dun espazo unitario europeo e que representa, ademais, unha esperanza estimulante para millóns de persoas que padecen o empobrecemento derivado da grave crise económica existente.

O trunfo de Syriza constitúe un feito histórico. Nunca antes –no ámbito da UE- o goberno dun Estado estivo nas mans dun partido de esquerdas que non se ubica na corrente oficial de matriz socialdemócrata

No Estado español, as baterías mediáticas comezaron o seu traballo dende a propia convocatoria electoral no País heleno. Diversos creadores de opinión avisaron das supostas consecuencias apocalípticas que provocaría un eventual trunfo da forza dirixida por Alexis Tsipras. Agora, consumado o resultado que temían, continúa a ofensiva coa vista posta nos efectos inducidos que puideran aparecer no escenario da política española.

Os mesmos que acusan a Tsipras de encabezar unha oferta programática de imposíbel cumprimento non foron quen de reparar que Mariano Rajoy –nos comicios xerais de 2011- prometeu certas medidas económicas que non podería aplicar

Constitúe un insulto á intelixencia comprobar que os mesmos que acusan a Tsipras de encabezar unha oferta programática de imposíbel cumprimento non foron quen de reparar que Mariano Rajoy –nos comicios xerais de 2011- prometeu certas medidas económicas que non podería aplicar. E se , despois, apoiaron o argumento exculpatorio da herdanza recibida dos gobernos de Zapatero, que deberían recoñecer agora sobre o tráxico balance dos mandatos de Samarás e Papandreu?

O sucedido coas urnas gregas coloca un test de grande relevancia no taboleiro da UE: acéptase ou non a vontade democrática dunha sociedade cando se expresa mediante o sufraxio universal?

O sucedido coas urnas gregas coloca un test de grande relevancia no taboleiro da UE: acéptase ou non a vontade democrática dunha sociedade cando se expresa mediante o sufraxio universal? Certamente, poden existir pronunciamentos democráticos contraditorios: a maioría do electorado alemán ou finés apoiou a forzas partidarias da política económica dominante no espazo da UE. A menos que se considere que unhas consultas electorais son mais lexítimas que outras, o que se impón é un proceso de diálogo e negociación entre os respectivos responsábeis políticos. En pé de igualdade, sen hexemonismos ditados por poderes económicos que non se someten periodicamente ao veredicto da cidadanía.

Os que se escandalizan coa opción tomada por un sector maioritario dos votantes de Grecia asumen o fundamentalismo que predican –e practican- os representantes da troika: para eles non hai salvación fora do particular modelo de construción europea que están promovendo. Por iso non dubidan en recorrer á mentira, caricaturizando a Syriza como unha organización defensora da saída do euro e mesmo da UE. As inmediatas declaracións do presidente do Bundesbank, cuestionando as novas políticas comprometidas por Tsipras, son ilustrativas do fanatismo que exhiben os defensores do statu quo comunitario. As recentes palabras do ministro alemán de Finanzas, W. Schäuble, (“Síntoo polos gregos, elixiron un goberno bastante irresponsábel”) carecen do pudor democrático que cabe esixir a calquera cargo institucional:se os resultados das urnas non son os que queren, ameazan con boicotear aos mandatarios electos. Samarás era o seu home en Atenas. E a Mariano Rajoy encargáronlle desempeñar o triste papel de ser o único dirixente da UE presente na campaña electoral para facer o ridículo como mensaxeiro enviado en defensa dun candidato que xa non proporcionaba confianza aos seus xefes de Berlín e Bruxelas.

As inmediatas declaracións do presidente do Bundesbank, cuestionando as novas políticas comprometidas por Tsipras, son ilustrativas do fanatismo que exhiben os defensores do statu quo comunitario

Un dos lugares comúns mais invocados polos apoloxetas da troika é a lembranza dos exercicios de “contabilidade creativa” realizados –hai algúns anos- pola elite política grega para agachar os dados reais da súa situación económica. A falta de mellores argumentos, practicase unha memoria selectiva. Por unha banda non se alude aos autores desas trampas: os dirixentes de Nova Democracia e do Pasok, asesorados por Goldman Sachs, un banco de investimento cuxo vicepresidente para Europa –entre 2002 e 2006- foi o mesmísimo Mario Draghi. Ou sexa: as trapalladas contábeis foron consentidas polo aparello dirixente de Bruxelas. E ademais, non se aporta outra circunstancia relevante: a enxeñaría coas contas tamén se fixo no Estado español e noutros países candidatos a figurar no club da nova moeda común.

O nerviosismo do goberno de Mariano Rajoy ante a nova andaina que se rexistra na política grega resulta patente e provoca situacións esperpénticas

O nerviosismo do goberno de Mariano Rajoy ante a nova andaina que se rexistra na política grega resulta patente e provoca situacións esperpénticas. A obscena e populista comparación realizada polo ministro Margallo, utilizando os 26.000 millóns que figuran no saldo acredor do Estado español a respecto de Grecia, é suficientemente ilustrativa do talante dun goberno habituado a practicar a submisión cos fortes e o matonismo cos débiles.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.