A nova directiva de hipotecas

O Parlamento Europeo reanudaba a súa actividade en sesión plenaria na semana do 9-12 de setembro na cidade de Estrasburgo. Naquela cita, deuse luz verde á posta en marcha dun Mecanismo Único de Supervisión Bancaria que, xunto co Mecanismo Único de Resolución e un Fondo Europeo de Garantía de Depósitos, parece crucial no obxectivo dunha Unión Bancaria que conte con verdadeiras autoridades e mecanismos europeos que rompan co círculo vicioso entre debeda soberana e debeda privada.

Cabe así mesmo salientar a adopción da primeira Directiva de Hipotecas da historia da Unión Europea. Un texto do que foi poñente o eurodiputado socialista galego Antolín Sánchez Presedo

Nesta primeira sesión do novo curso parlamentario 2013-14, cabe así mesmo salientar a adopción da primeira Directiva de Hipotecas da historia da Unión Europea. Un texto do que foi poñente o eurodiputado socialista galego Antolín Sánchez Presedo no que pode considerarse un primeiro punto de inflexión cara ao préstamo responsable e fronte á desregulación do mercado hipotecario europeo.

A nova lexislación establece un marco robusto para un mercado hipotecario máis transparente e profesional, mais seguro e competitivo e cun alto nível de protección dos consumidores e de inclusión financiera

A nova lexislación establece un marco robusto para un mercado hipotecario máis transparente e profesional, mais seguro e competitivo e cun alto nível de protección dos consumidores e de inclusión financiera, o que coloca na vanguarda mundial á regulación hipotecaria da UE. Quizáis aínda non suficientemente ponderada pola opinión pública, a nova Directiva constitúe un fito no proceso de reforma financeira da UE xa que regula por primeira vez un produto da banca minorista: as hipotecas, que cun valor que no 2009 sobrepasaba os 6 billóns de euros representan un volume que supera a metade do PIB da UE.

O 70% dos europeos habitan unha vivenda da súa propiedade que, maioritariamente, ten sido adquirida mediante un crédito hipotecario. Trátase por tanto dun texto lexislativo de enorme importancia tanto para as familias como para a reactivación da economía de moitos Estados membros. Nun contexto aínda marcado polas hipotecas basura dos EEUU que no 2007 provocaban unha crise financeira mundial e que, xunto co estoupido da borbolla inmobiliaria en España, convertiríase en parte esencial dunha crise que ten significado o drama de milleiros de traballadores e as súas familias.

Trátase por tanto dun texto lexislativo de enorme importancia tanto para as familias como para a reactivación da economía de moitos Estados membros

Continúan a ser necesarias respostas de urxencia que atendan as necesidades máis perentorias pero, para sair do buraco económico, debemos crear confianza nun mercado hipotecario danado polas malas prácticas financeiras do sector inmobiliario.

Tras dun libro verde do 2005 e un libro branco do 2007, a Comisión propuxo no 2011 unha Directiva sobre os contratos de crédito para bens inmobles de uso residencial. O texto adoptado pola Eurocámara, froito do acordo interinstitucional entre Parlamento e Consello, mellora substancialmente a proposta inicial da Comisión, entre outras cousas, no referente á comercialización, asesoramento e información ao consumidor que disporá dun período de reflexión de sete días sobre a oferta ou de retractación trala firma do contrato, ademais da posibilidade de recibir asesoramento baseado no seu mellor interese e diferenciado das recomendacións comerciais. As entidades financeiras non poderán comercializar produtos vinculados artificialmente que limitan a capacidade de elección do consumidor.

A primeira resposta en caso de problemas non poderá ser a execución hipotecaria

A primeira resposta en caso de problemas non poderá ser a execución hipotecaria. O texto do Parlamento Europeo inclúe tamén un novo apartado sobre demoras e execucións. A nova norma esixe unha tolerancia razonable antes de proceder ás execucións, limita os cargos por impago (os recargos deben limitarse a compensar os custes causados e só autorizaránse recargos adicionais se se establecen teitos aos mesmos), impide aos Estados oporse á dación en pago acordada entre as parte e, ben ao contrario, estes deben asegurar que se realizan os mellores esforzos para conseguir o prezo do ben executado e quedan mandatados para adoptar medidas para facilitar o pago protexendo aos consumidores e evitando o sobreendebedamento a longo prazo e, cando a débeda subsista, haberán de garantir un mínimo vital. Aínda así, os Estados membros sempre poderán adoptar medidas adicionais compatibles para dar solucións xustas aos problemas derivados da crise.

Ademais, a fin de garantir os préstamos responsables, esixirase aos prestamistas que valoren os bens inmobles de uso residencial e a solvencia en consonancia cos principios para unhas prácticas saneadas de concesión de hipotecas, publicados polo Consello de Estabilidade Financeira no 2012, establecéndose a necesidade dunha tasación independente da propiedade.

Por primera vez abórdase na lexislación europea a cuestión da educación financeira, regulando tamén condicións estrictas para os préstamos en moeda estranxeira e con tipos de interese variable. Prestamistas, intermediarios e os seus representantes deben reunir uns requisitos mínimos de competencia e coñecementos, e cumprir obrigas respecto á súa conduta de negocios polo que se introduce a admisión e supervisión de todos eles, incluso dos prestamistas que non son institucións crediticias.

A pesar das importantes diferenzas existentes entre os Estados membros, polos distintos enfoques, normativas nacionais, nacionalidades e grupos políticos que conforma o Parlamento Europeo, foise quen de atopar compromisos que buscan o máximo común denominador e alcanzan solucións prácticas e razoables para o beneficio dos consumidores europeos. O resultado é unha obra coral cun amplo consenso, como evidencia o feito de que ningunha enmenda foi presentada no Parlamento, no que constitúe un bo exemplo de que, a pesar das nosas diferenzas, os europeos somos capaces de traballar xuntos para proporcionar solucións razoables e ambiciosas. Agora, os Estados dispoñen dun periodo de dous anos para a transposición da nova Directiva, que deixa aos Estados membros certa marxe para aplicala con arranxo ás súas prácticas nacionais.

Agora, os Estados dispoñen dun periodo de dous anos para a transposición da nova Directiva, que deixa aos Estados membros certa marxe para aplicala con arranxo ás súas prácticas nacionais

Queda pendente unha única cuestión, de caracter técnico, que fai referencia á obriga dos Estados membros de informar sobre a transposición da Directiva cando así o solicite a Autoridade Bancaria Europea.

Seguirá sendo necesario traballar para asegurar un préstamo responsable e a Directiva sinala temas para abordar en profundidade na súa primeira revisión, como os relativos á trazabilidade, á fase post-contractual, á disponibilidade e comparabilidade de datos sobre prezos ou a transparencia nas sancións. Ademais, mandata á Comisión para que elabore un informe sobre o sobreendebedamento privado, a supervisión dos rexistros de crédito e a evolución hacia mercados máis flexibles e fiables. Parece o punto máis destacable dunha sesión pleanria que reanudaba o derradeiro curso político desta VII lexíslatura coa lembranza do seu presidente, Martin Schulz, ás vítimas do accidente de tren de Santiago de Compostela do pasado 24 de xullo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.