A nova política fala galego

Hai dez meses semellaba que as novas respostas á corrupción e ás crises económica e institucional virían no noso país de formulacións estatais, como Podemos e Ciudadanos. Semellaba que o galeguismo ía ficar á marxe desta corrente, arrombado na vella política partidaria, sen pulo fronte ás novas esixencias da cidadanía, nomeadamente nos espazos urbanos.

Foi na Coruña onde xurdiu a primeira resposta nada da cidadanía (a Marea Atlántica) e á que seis partidos, quer galeguistas, quer estatais déronlle o seu explícito apoio, mais que xurdía como resposta cívica, galega e coruñesa

Foi na Coruña onde xurdiu a primeira resposta nada da cidadanía (a Marea Atlántica) e á que seis partidos, quer galeguistas, quer estatais, déronlle o seu explícito apoio, mais que xurdía como resposta cívica, galega e coruñesa. O mesmo ocorreu meses despois en Lugo con Lugonovo e en Santiago coa Compostela Aberta. O manifesto Somos Maioría fixo posíbel outros instrumentos análogos con diferentes graos de éxito, en Sada, Cambados ou Gondomar. Tamén Ames, Culleredo, Pobra do Caramiñal e Noia deron pé a mareas municipalistas dende unha concepción galega e cívica. Mentres, en lugares como en Ribadeo ou Pontevedra, candidaturas máis improvisadas e menos plurais bateron contra proxectos representados por alcaldes galeguistas solidamente enraizados na cidadanía, como en Pontevedra ou Ribadeo.

Estes meses viron tamén o nacemento da plataforma Somos Nós, que non operará en clave local e partidaria, senón galega e social e que xa anunciou a súa proposta de rebeldía cidadá fronte á secundarización de Galicia na nova escena política, advertindo que moitos dos problemas de Galicia non han ser vistos en perspectiva de clase, senón territorial e precisan de solucións de noso.

O galeguismo, entendido máis na súa vertente cívica ca identitaria, non pode ficar á marxe, senón que habería ser parte esencial dese relato

O propio líder de Podemos, Pablo Iglesias, recoñeceu este día  a singularidade do espazo político galego, mentres Anova, Compromiso por Galicia e o BNG, con  matices diversos, veñen de chamar por unha candidatura galega común e plural para as vindeiras eleccións xerais.

Os partidos e, nomeadamente, os axentes cidadáns semellan ser quen de construír un relato galego para dar solucións aos problemas da rexeneración democrática, da reactivación económica e do mantemento do Estado do Benestar con centro de decisión no país. O galeguismo, entendido máis na súa vertente cívica ca identitaria, non pode ficar á marxe, senón que habería ser parte esencial dese relato.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.