Escribín este día nun artigo doutra xeira que Galicia aproveitara ben a súa competencia en Dereito Civil para se aproximar ás novas realidades sociais ao lexislar unha substancial liberdade de disposición testamentaria, ao tempo que se axustaba á tradición xurídica galega ao recoñecer institucións tan útiles como o testamento mancomunado ou os pactos sucesorios. E axiña houbo quen defendeu a unificación lexislativa, sen matinar nas diferentes realidades sociais que esixen pluralidade de respostas normativas e sen se decatar que a autonomía política diferénciase da mera autonomía administrativa precisamente na capacidade de lexislar distinto.
É evidente que a coordinación ou mesmo certo grao de unidade lexislativa da fiscalidade e dos Dereitos Mercantil e Laboral é precisa para dotarmos a Unión Europea dun acervo común coherente. Mais as respostas lexislativas no Dereito Civil e Administrativo haberían ser diferentes, como diferentes son cadansúas realidades sociais e estruturas cívicas e económicas de, por exemplo, Galicia, Canarias, Murcia, Bavaria, Escocia ou o Piamonte.
Cal é a causa desta obsesión uniformista, deste eterno pulo irracionalmente centrípeto que adoitan exercer dende o centro do Estado os media e determinadas elites financeiras, universitarias e políticas? Por que un país como Galicia, coa metade dos núcleos de poboación do Estado e sen unha gran capital ha partillar a lexislación de horarios comerciais madrileña, pensada para un macroespazo urbano de seis millóns de persoas? As razóns son tanto de prexuízo ideolóxico (as elites da España tradicional non aturan a distribución do Poder nin a autonomía dos distintos territorios á hora de elixiren cadansúas decisións) como do interese económico destas elites pola recentralización. Dito doutro xeito, que Galicia, por exemplo, non poida pór canles á cobiza de determinados axentes económicos.
En realidade, tras desta obsesión uniformista latexa o medo ao cambio e a dificultade para operar en espazos máis libres e participativos. Ou, se preferir, o medo a traballar en rede e horizontalmente e a pulsión para manter un Estado xa inviábel, cun só cerebro que pense e dirixa todo. A pulsión, xa que logo, por parar as agullas dun reloxo que camiña inexorábel.