A onde vas, Israel? I. Da liberación nacional á colonización

O pecado orixinal de Israel é o uso masivo da violencia contra os árabes durante o proceso de fundación do Estado xudeu. Os pioneiros, que se vían a si mesmos como un pobo sen terra, pretenderon atopar en Palestina unha terra sen pobo. Desde logo, alí podía non estar asentada unha nación palestina –de feito, foi despois cando os palestinos desenvolveron o seu nacionalismo, precisamente como reacción fronte ao nacionalismo xudeu–, pero si había poboacións estruturadas e lexitimamente estabelecidas. O pobo elixido actuou pois de acordo cun discurso nacional etnocéntrico que aínda hoxe xustifica a violencia exercida sobre os palestinos.

A colonización só adquiriu visos de éxito cando se fixo cargo dela o sionismo socialista. En efecto, foi o idealismo dos kibbutzs o que, coa súa forza identitaria, a súa determinación e mais a súa acción comunitaria, logrou superar as dúbidas morais inherentes á colosal empresa de ocupación; logrou, con outras palabras, lexitimar un proxecto que, doutro xeito, non sería máis que un mero colonialismo. No medio daquela revolta contra a orde mundial capitalista, contra a Europa cristiá e contra a existencia improdutiva do pobo xudeu, os árabes simplemente non foron percibidos.

Nos anos trinta do século XX, a violencia entre xudeus e árabes acadou unha intensidade bestial, e os colonizadores decidiron organizarse militarmente. Mentres a shoah arrasaba co xudaísmo europeo, o plan inicial dun crecemento lento e orgánico da comunidade xudía en Palestina substituíuse pola esixencia dun Estado propio, que se viu referendado en 1947 co plan de partición de Palestina acordado na resolución 181 da Asemblea Xeral da ONU, onde se avoga pola creación dun Estado xudeu e outro árabe.

Os movementos nacionalistas árabes rexeitaron a resolución. Tras a fundación do Estado de Israel, en 1948, Exipto, Xordania, Iraq, Siria e o Líbano decidiron invadir o país.
En resumo, o sionismo naceu como un movemento de liberación e acabou transformado nunha ideoloxía colonial validada en 1947 pola ONU. A historia posterior foi a dun rotundo éxito militar, demográfico e económico. Israel converteuse nunha potencia militar nuclear, gañou as guerras de 1948 e 1956, multiplicou a súa poboación mediante unha inmigración impresionante e desenvolveu unha industria boiante. A lingua hebrea normalizouse e creouse unha escena cultural viva. A nación dotouse de institucións sólidas e converteu o país nun Estado cohesionado e moderno e nunha das democracias sociais máis igualitarias do mundo.

Agás, por suposto, para a minoría árabe. A finais do século XIX había en Palestina ao redor de 50.000 xudeus. Actualmente viven en Israel seis millóns e medio, case a metade da poboación xudía do planeta. A taxa de nacementos é a máis alta de todos os países da OCDE. Pero Israel borrou violentamente as trazas árabes do país: expulsou centos de miles de persoas dos seus fogares, destruíu vilas, confiscou terras, impuxo unha nova toponimia. Hoxe segue a negar a existencia da nakba, a catástrofe palestina, e non hai espazo nin para o sentimento de culpa pola inxustiza cometida nin tampouco para a compaixón.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.