A onde vas, Israel? II. Unha democracia que coloniza e segrega?

Israel –un minúsculo Estado xudeu no medio do enorme mundo islámico– é o único país occidental baixo ameaza, aínda que desde a Guerra de Yom Kippur de 1973 nunca foi atacado por outro Estado. Controla militarmente gran parte de Cisxordania, incluídos os barrios orientais de Xerusalén, e mais os Altos do Golán, territorios capturados todos en 1967, na Guerra dos Seis Días. De feito, Israel é o único Estado occidental que mantén outro pobo baixo ocupación. O seu argumento é que adquiriu eses territorios tras librar unha guerra defensiva. Retirarse significaría que toda agresión sae gratis. Un argumento que non semella convencer a comunidade internacional. Desde 1967, a resolución 242 do Consello de Seguridade da ONU esíxelle a Israel o abandono dos territorios ocupados; tamén desde 1967, a resolución 2253 (ES-V) da Asemblea Xeral insta a Israel a desistir da súa política verbo de Xerusalén leste; e desde 1981, a resolución 497 do Consello de Seguridade declara nula a decisión de Israel de anexionar oficialmente os Altos do Golán.

É obvio que este anacrónico proxecto colonial non se pode prolongar indefinidamente sen un impresionante arsenal represivo que inclúe violacións sistemáticas dos dereitos humanos (toques de queda, detencións masivas, malos tratos, torturas e asasinatos, proliferación de checkpoints, limitación das liberdades políticas, control dos medios, censura, etc.), a reordenación traumática e ilegal dos territorios (anexións, expulsión da poboación nativa, demolición de innumerábeis vivendas, construción de asentamentos de colonos xudeus, explotación da man de obra local, etc.), e mais a intervención permanente das estruturas político-administrativas palestinas (incluído un angustioso sistema de permisos e licenzas que fai imposíbel a vida cotiá). Esta colonización das terras situadas ao oeste do río Xordán obedece a razóns fáciles de comprender: prácticas (toda a economía de Cisxordania foi convertida nunha economía colonial para servir as necesidades de Israel), militares (a construción de asentamentos permite controlar Cisxordania e incrementar a seguridade de Israel) e relixiosas (son as terras prometidas por Deus ao pobo elixido).

Un caso especial é o da Franxa de Gaza (duns 360 km2, unha extensión non moi superior á do concello de Lugo). Israel colonizouna e controlou todos os seus recursos até que, en 1994, abandonou unha boa parte dela e lles concedeu alí aos palestinos un autogoberno moi limitado. En 2005, para dar un golpe de efecto diplomático e á vez reforzar a súa presenza en Cisxordania, Israel retirouse por completo de Gaza, un territorio miserábel e literalmente inhabitábel que de feito considera un lastre. Con todo, mantén a franxa dobremente controlada: por unha banda, vixía o seu espazo aéreo, as súas augas territoriais e os seus pasos fronteirizos; por outra, subminístralle á poboación local a auga, a electricidade, o combustíbel, etc. En consecuencia, Israel, malia a súa desvinculación da franxa, mantén alí a súa dominación efectiva. Gaza segue a ser pois un territorio ocupado de facto.

Cisxordania está dividida en tres áreas: a A, gobernada pola Autoridade Nacional Palestina, a B, onde os palestinos son unicamente responsábeis dos asuntos civís, e a C, baixo control israelí. A maiores, os asentamentos xudeus son, desde 1967, un obxectivo estratéxico de todos os gobernos israelís, independentemente da súa cor política. Os asentamentos están protexidos polo exército e interconectados mediante estradas seguras; estradas, por suposto, construídas sobre terras expropiadas aos mesmos palestinos que teñen prohibido o acceso. Deste xeito, Cisxordania queda configurada como un mosaico de territorios illados entre si. Pensar que nestas condicións é posíbel a formación dun Estado palestino territorialmente viábel entra plenamente no terreo do wishful thinking.

A represión da poboación palestina que implica esta ocupación é un gravísimo problema político, xurídico, moral e demográfico, ao cal hai que lle sumar a situación, absolutamente impropia dunha democracia, dos árabes que son cidadáns de Israel (e constitúen a quinta parte da poboación do país). Son cidadáns de segunda clase que xamais foron debidamente integrados na sociedade xudía, sofren discriminacións e dispoñen dunha renda media inferior á dos demais grupos étnicos do país. Neste punto xorde inevitabelmente unha pregunta. Israel presume de ser a única democracia da rexión. Pero como cualificarmos un réxime político que mantén un pobo baixo unha brutal e ilegal ocupación e ademais practica no seu propio territorio un segregacionismo de base étnica e confesional?

Publicidade

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.