A oposición galega xa comezou a perder as próximas eleccións

Rueda amosa o seu discurso de investidura antes de comezar o pleno o pasado 9 de abril no Parlamento © Parlamento de Galicia

Que a hexemonía do Partido Popular en Galicia está asentada e ten profundas raizames sociolóxicas, políticas, económicas e culturais é case imposible de negar tras máis de corenta anos – case ininterrompido – de maiorías absolutas; agás que se sexa un obtuso.

A oposición en Galicia ten adoptado a posición de enroque para tranquilidade do Partido Popular e limita o seu repertorio ao que mellor sabe facer: axitar a rúa mobilizando aos incombustibles, ben sexa por razóns ideolóxicas ou ben como parte das súas obrigas profesionais

Múltiples motivos hai detrás dese incontestable dominio político e electoral. Algúns xa os teño referido noutros artigos e análises e outros autores tamén teñen dado recado dos mesmos. Para min, quizais, a mellor descrición metafórica do mesmo a ten feito Joám Lopes Facal ao dicir que a política en Galicia ilustrase coma “o PP pastoreando aos partidos da oposición”.

Tras o resultado electoral do 18F un tiña a esperanza - remota, iso si - de que a oposición, desta vez, tomara nota e asumira un cambio de rumbo. 

Lamentablemente o debate da sesión de investidura de Alfonso Rueda e as reaccións da oposición ao nomeamento dos novos conselleiros e conselleiras non deixa lugar a moita esperanza.

A oposición en Galicia ten adoptado a posición de enroque para tranquilidade do Partido Popular e limita o seu repertorio ao que mellor sabe facer: axitar a rúa mobilizando aos incombustibles, ben sexa por razóns ideolóxicas ou ben como parte das súas obrigas profesionais.

Do debate de investidura pouco hai que referir. Visto un, visto todos. Os papeis se repiten e o único que muda é sobre quen pon o foco como líder da oposición os medios. Presedo, Beiras, Villares ou Pontón foron confrontando con Fraga, Feijóo e Rueda respectivamente. Imos deixar a Touriño á marxe pois alúmenos soubo aproveitar a ocasión dunha crise nacional para darlle un interregno de catro anos á Xunta de Galicia.

E namentres que nos cambios de liderado dos populares vaise vendo a evolución do país, nos lideres da oposición indistintamente de quen ocupe ese lugar privilexiado non se chegan a observar grandes diferencias.

Os dirixentes de BNG e PSOE non se dan conta que a mesma preguiza analítica que eles transmiten sobre a realidade do país convértese en preguiza da cidadanía cara aos seus ‘sabios’ análises

Segundo a oposición, case cincuenta anos non son suficientes para mudar a estrutura caciquil dunha Galicia chea de cidadáns submisos acogotados, aínda, mentalmente polo franquismo. A vasta obra de privatizar a sanidade ou o ensino público posta en marcha pola dereita é constante, aínda que non se dea culminado tras corenta anos de (in) competencias. Neste case medio século a desfeita territorial non ten parangón con ningún outro lugar do planeta, agás Chernóbil. E a lingua galega, aínda que está sigue a ter os mesmos problemas de normalización que outras linguas sen estado como a catalá ou a vasca que apostaron hai tempo por propostas mais decididas, non se entende como resiste o paso do tempo.

Así que entre este panorama apolítico e o panorama idílico, presentado por parte do ‘Goberno Permanente de Galicia’, pouco deu de si o debate de investidura que, ademais da presenza dun parlamentario estrafalario no Grupo Mixto, todo se resume na frase coa que o portavoz parlamentario popular iniciou a súa intervención: “pasada a campaña electoral está de volta o vello BNG”. Sentencia que seguramente para os seus adentros concluía con un: “cousa que nos alegra”.

Días despois do debate veu o nomeamento do novo goberno co consabido repertorio da oposición de “continuista”, “desastroso para Galicia”, “submiso con Madrid”, ... ¿De verdade que a intelixencia política da oposición non da máis de si que esas ladaíñas intemporais de lugares comúns?

Os dirixentes de BNG e PSOE non se dan conta que a mesma preguiza analítica que eles transmiten sobre a realidade do país convértese en preguiza da cidadanía cara aos seus ‘sabios’ análises.

O Partido Popular leva anos asegurando unha hexemonía esmagadora sustentada sobre dous piares relacionados. O primeiro é un tecido social afianzado sobre unha transversalidade ampla. O segundo, só posible desde o anterior, un proxecto político para maiorías que ten como continuidade no tempo valores asumidos nun amplo consenso: galeguismo con identidade dual, liberalismo con pequenos pinceladas socialdemócratas nos servizos públicos, equilibrio entre os valores conservadores dunha parte importante da poboación e aceptación de prácticas vitais de moralidade progresista doutra parte. 

A sociedade galega desde finais dos setenta do século pasado ata hoxe mudou e moito, e ao seu ritmo mudou o Partido Popular. Pola contra o fío discursivo da oposición non mudou un ápice desde hai varias décadas. Albor, Fraga, Feijóo e Rueda conforman unha continuidade política pero en cada momento exerceron a presidencia do país cun estilo diferente, acorde co que demandaba a sociedade galega en cada momento

Nestas circunstancias non parece raro que unha boa parte da poboación poida ter a percepción que namentres nestes últimos anos o PPdeG ten se ido achegando a parámetros dunha dereita europea moderna e laica, namentres que da esquerda so sintoniza discursos de épocas pretéritas.

A consecución dunha vitoria electoral pode ser conxuntural - como pasou co bipartito - ou deberse a un acerto concreto, pero a hexemonía política ao longo de varias décadas só é explicable desde un proxecto ben definido e que se vai adaptando ao paso do tempo.

A sociedade galega desde finais dos setenta do século pasado ata hoxe mudou e moito, e ao seu ritmo mudou o Partido Popular. Pola contra o fío discursivo da oposición non mudou un ápice desde hai varias décadas.

O liderado da Xunta de Galicia o exerceu o mesmo partido pero os seus inquilinos foron marcando estilos moi diferentes. Albor, Fraga, Feijóo e Rueda conforman unha continuidade política pero en cada momento exerceron a presidencia do país cun estilo diferente, acorde co que demandaba a sociedade galega en cada momento. Nos primeiros pasos da autonomía Albor era o vello médico galeguista que precisaba o país para un tempo de reencontro. Fraga foi o político bregado e formado culturalmente que necesitada a construción do autogoberno nun momento de despegue. Feijóo apareceu, libre de cargas co pasado ideolóxico da vella dereita, nun momento de incerteza económica e social para ‘asegurar unha xestión eficaz’. Rueda asume a presidencia nun momento de crise política para dar seguridade no temón da Xunta de Galicia nun tempo de turbulencias no conxunto do Estado.

Liquidado o último dos grandes baróns proviniciais, Rueda aborda un goberno sen cotas territoriais. A desaparicións das vicepresidencias é unha sinal nese sentido. Outro dos elementos rechamante é o ascenso ao goberno da Xunta de Galicia dalgúns dos novos alcaldes cunha boa valoración entre os seus veciños máis aló da súa influencia político

Estilos distintos que coinciden con momentos políticos diferentes e demandas cidadás diversas.

En dous anos de Alfonso Rueda ao fronte do PPdG a sociedade percibiu un liderado pouco ruidoso pero seguro. 

Atrás quedan as baronías provinciais e a división histórica da dereita entre “os da boina e os do virrete”. Ese proceso que iniciou Feijóó culmínao Rueda coa arriscada operación de apartar do poder provincial ao último dos Baltar. Alguén pode dicir que a cafrada automobilista de Baltar júnior axudou pero hai que ter en conta que maiores cafradas e mellores oportunidades houbo de retirar da circulación ao clan Baltar e nin Fraga nin Feijóo atoparon o momento axeitado. Ademais, a operación salvouse sen penalización para o PP na provincia de Ourense. Nas últimas autonómicas o PPdeG revalidou nesa provincia os seus excelentes resultados e a aparición de Democracia Ourensá faise a costa do PSOE.

Liquidado o último dos grandes baróns proviniciais, Rueda aborda un goberno sen cotas territoriais. A desaparicións das vicepresidencias é unha sinal nese sentido.

Outro dos elementos rechamante é o ascenso ao goberno da Xunta de Galicia dalgúns dos novos alcaldes cunha boa valoración entre os seus veciños máis aló da súa influencia político.

No inicio deste século Xosé Manuel Beiras percibiuse disto e fixo un movemento moi arriscado de achegamento a Manuel Fraga que quedou asolagado pola crise do Prestige. A oposición necesita facer un novo movemento arriscado ou esperar a que no camiño se cruce unha nova Marea Negra

Por último, cabe destacar, o nomeamento do novo Conselleiro de Sanidade. A sanidade é unha das políticas máis definitorias do autogoberno e cobren a parte maioritaria dos orzamentos da Xunta de Galicia

Tanto é así que desde os inicios da autonomía á fronte desa consellaría estiveron persoas de máxima confianza política e dun grado absoluto de compromiso co partido. Romay Beccaría foi o que deseñou o modelo do SERGAS e despois asumiu esa carteira no primeiro goberno Aznar.

Pois ben, a diferenza doutras ocasións, esta vez - e por primeira - á fronte desta importante consellaría vai a estar un profesional de prestixio que non destacou precisamente polo tempo dedicado á vida partidaria.

Suficientes e rechamantes mudanzas para que a oposición sairá da súa permanente escleroses política e enviara á cidadanía mensaxes novos, mesmo arriscándose na procura dun movemento político que lle permitira abordar a recen estreada lexislatura con algo máis de creatividade e credibilidade. 

De non ser así, é de esperar que en catro anos a noticia volva a ser os cambios que se producen na oposición e non os que se producen no goberno. 

Nestes primeiros días da nova lexislatura todo parece indicar que a oposición galega xa empezou a labrarse a derrota que de seguro atesorará dentro de catro anos.

No inicio deste século Xosé Manuel Beiras percibiuse disto e fixo un movemento moi arriscado de achegamento a Manuel Fraga que quedou asolagado pola crise do Prestige

A oposición necesita facer un novo movemento arriscado ou esperar a que no camiño se cruce unha nova Marea Negra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.