A orixe e o destino

Hai unhas semanas distintos medios de comunicación españois facíanse eco das conclusión dun informe elaborado pola Social Mobility Commission (SMC, Comisión para a Mobilidade Social) de Reino Unido.  O informe trata sobre á diversidade socioeconómica no acceso a postos de traballo en diferentes ámbitos: un deles a banca de investimento. A SMC, unha entidade pública de carácter asesor creada en 2010, ten como obxectivo facer un seguimento dos progresos que se producen na mellora social das clases sociais menos favorecidas, realizando estudios e informes para os diversos ministerios.

No informe ao que fixemos referencia unha das conclusións que mais chaman a atención é que mentres só un 7% dos estudantes en Reino Unido asisten a escolas privadas, de marcado carácter elitista en non poucos casos, as persoas graduadas nestas escolas supoñen un 34% do persoal  junior contratado na banca de investimento nos tres anos anteriores á realización da investigación. A banca de investimento é, como sabemos, responsable de non poucas decisións (investimento ou desinvestimento en compañías, creación de produtos financeiros...) que teñen logo un impacto importante na vida de todos nos. Outra forma de dicilo: unha persoa de orixe medio alto ou alto ten cinco veces mais posibilidades de entrar neste sector financeiro do que unha persoa que procede das clases traballadoras ou das clases medias baixas.

Os motivos son varios: por unha banda a elevada posibilidade de que tendo estudado nunha escola privada logo continúense os estudos universitarios nunha universidade privada, o que dará acceso non só a unha educación de primeiro nivel senón tamén a unha rede de contactos sociais moi útiles na vida profesional e nos negocios. Por outra parte o propio orixe xa facilita, dende o berce, acceso a esa rede de contactos e proporcionará un coñecemento de códigos de conduta, de comportamento, de estar, mesmo de vestimenta, inaccesibles a quen se criou nunha barriada obreira.

Entre nos a situación, sen dúbida, reprodúcese dun xeito semellante. A historia do fillo, ou da filla, dun traballador asalariado de baixa cualificación que chega a ser o directivo dunha grande multinacional pode ser moi edificante, pero non nos enganemos: é unha historia excepcional. Excepcional no senso de que é a excepción a unha norma moi distinta:  por riba doutros condicionantes mais persoais, a orixe dunha persoa condicionará en grande medida toda a súa vida, tamén a posibilidade de acceder a un posto de traballo ou a outro.

A popularización do ensino universitario nas pasadas décadas desde logo, é algo que se pode comprobar mirando ao noso arredor, democratizou o acceso a postos de carácter semidirectivo, e mesmo directivo, no mundo empresarial a persoas dun diverso orixe social, pero ata certo punto, cuns límites mais claros do que ás veces semella.

Descoñezo os estudos, que sen dúbida existen, sobre o acceso a postos directivos nas grandes empresas españolas, e en que medida estes postos son ocupados por persoas dunha única orixe social. Seguramente as conclusión dos mesmos, de coñecelas, non nos sorprenderían o máis mínimo. Abundarán, sen dúbida, os titulados en escolas de negocio como ICADE, ESADE, IESE (por citar as españolas mais reputadas e caras!!) e titulados cuxos país xogan ao golf ou ao tenis coas persoas adecuadas.

O sector público, non nos enganemos, non está ao marxe deste proceso de selección segundo a orixe social, en contraposición extrema co principio constitucional de igualdade no acceso ao emprego público. E habería que cuestionarse en que medida os principios constitucionais de mérito e capacidade son de xeral cumprimento, pero iso daría lugar a outro debate.

A aplicación parcial do  principio de igualdade no acceso a algúns corpos da Administración Xeral do Estado, os corpos de elite, é tocado polo profesor Carles Ramió, catedrático de Ciencia Política e da Administración na Universidade Pompeu Fabra, no seu último libro, publicado a finais do ano pasado, Administración pública y crisis institucional. Estrategias de reforma e innovación para España y América Latina. Di o profesor Ramió: “Pero é necesario recoñecer que o principio de igualdade é moi difícil de cumprir totalmente debido ás grandes diferenzas educativas e económicas de sociedade española. (…). Aquí o problema son os grandes corpos da Administración Xeral do Estado, que para o seu acceso están moi lonxe do cumprimento deste principio de igualdade: longos anos de preparación das oposición a dedicación completa e exclusiva, academias, preparadores persoais, necesidade de vivir en Madrid para captar o “ambiente”, etc. Ante estas elevadas esixencias non é estraño que exista endogamia familiar e social e que algúns territorios do Estado apenas contribúan a aportar altos funcionarios á Administración Xeral do Estado.”.

Algúns datos: segundo as afirmacións dalgunhas das academias privadas mais importantes, dedicadas á preparación de opositores, e que teñen recollido varios xornais, aprobar as oposicións a notarias ou rexistro da propiedade esixen de oito a nove anos de preparación, de media. No caso de optar a oposicións a avogado do Estado ou xuíz, debemos calcular entre cinco e sete anos de estudo intensivo…  E prazas como as de economistas do Estado, técnico da Administración Civil  ou inspector de Facenda, non levará preparalas menos de tres, catro ou cinco anos. E aínda que na Oficina de Información Diplomática gustan de dicir que hoxe o apelido non da o aprobado nas duras oposición ao corpo diplomático seguramente cando o BOE publique o nome dos 20 aprobados deste ano ente eles e elas abunden  quenes teñen lazos familiares con calquera dos aproximados 800 diplomáticos en activo. Así sucede ano tras ano. 

Non é difícil deducir quen son os que poden costearse estes anos extra dedicados ao estudo dunhas oposicións. Non é difícil deducir tampouco cales son as tendencias políticas que estes altos funcionarios abrazarán.

Facer da igualdade un elemento fundamental no acceso a todos e cada un dos traballos públicos é un requisito imprescindible nunha sociedade que se quere avanzada e democrática.

Algunhas formulas para reverter a situación comentada están sendo debatidas ou mesmo ensaiadas: Cataluña, Valencia… Sería desexable que aqueles que se presentan como os portavoces das clases desfavorecidas, dos e das de abaixo, deixaran por un momento a pancarta e o discurso aguerrido, o twitter e o Facebook, e pensaran nalgunha proposta, no Congreso ou no Parlamento.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.