A palabra inútil

No mundo animal, en aras da supervivencia da especie, as femias non se deixan seducir por un ninguén calquera e só caen rendidas nos brazos daquel macho que resultou gañador na confrontación de forzas e habelencias con outros machos. Como animal que son, eu nunca dubidei de bondade da selección natural e sempre crin na confrontación de ideas e pareceres como fonte xeral de coñecemento e contrastación das propias conviccións, xa fora para perseverar nelas ou para mudalas por outras. Ou porque non tiña mellor cousa que facer, que tamén me ten pasado. E vin con bos ollos a chegada da democracia, xa que me parecía o terreo mais aquelado para xogar este partido. Hoxe, trinta e pico anos despois, teño as miñas dúbidas. Non pola democracia en si, senón polo funcionamento dos aparellos de debate e discusión. Cóntovos.

Na miña alma cándida sempre abriguei a esperanza de que o equipo de goberno convencera á oposición nalgunha das súas propostas;  ou se deixara convencer tamén de cando en vez

Levo xa un ano facendo de concelleiro na miña vila. Vaia por diante que entrei porque algún dos xogadores titulares tiveron que abandonar o campo, por lesión ou polo que fora, e eu tiven que saltar do banquiño. Vaia tamén por diante que non me apaixona o desafío, pero ninguén me puxo unha pistola no peito para ir nunha lista, así que agora non me queda outra que correr e suar a camiseta (isto é un falar, claro). Pero feitas as devanditas reservas, teño que dicir que o tal debate democrático de ideas e pareceres é un conto chino mais. O aparello funciona mais ou menos así: O partido no goberno propón X, os partidos na oposición votan que non; e viceversa, os partidos na oposición propoñen Y, o partido no goberno vota que non. E así unha vez tras outra, ata setenta veces sete. E aínda sabendo de antemán o que vai suceder, porque xa se amosaron as cartas nas comisións previas, acudimos todos ó salón de Plenos e oficiamos a sagrada liturxia do falso debate, as setenta veces sete..

Na miña alma cándida sempre abriguei a esperanza de que o equipo de goberno convencera á oposición nalgunha das súas propostas;  ou se deixara convencer tamén de cando en vez. Nada que vai para ningures! Aínda mais, debo confesar que algunhas delas a min convencéronme, pero para non afear o voto dos compañeiros, votei que non canda eles; e quero pensar que algún dos membros do equipo de goberno igual lles pasou outro tanto con algunha das nosas propostas e con igual resultado. Mais aínda, nalgunha das comisións informativas, previas ós plenos, membros do equipo de goberno teñen recoñecido mais dunha vez  que lles parecía ben tal ou cal proposta da oposición, pero que ían votar en “clave de partido”. E nós, como oposición, cuarta arriba cuarta abaixo, facemos o mesmo.

A Caneiro preocúpalle que a palabra basta e groseira asolague os Parlamentos. A min tamén, pero aínda me quita mais o sono que tanta palabra non valla para nada

Chegados e este punto, a miña pregunta é: para que gastar tempo particular e cartos públicos en debater en van? Se o proceso de selección natural está xa nos votos apañados nas furnas, a que perder logo catro anos en oratorias que van a ningures? Se da confrontación de ideas e pareceres nunca sae nada novo e distinto das posicións de partida, a que demos tanto debate e controversia? A Caneiro preocúpalle que a palabra basta e groseira asolague os Parlamentos. A min tamén, pero aínda me quita mais o sono que tanta palabra non valla para nada. Xa nesta tesitura, e dando por perdida a capacidade creativa da confrontación, non sería mais eficiente dedicar os cartos da palabra inútil a un potente órgano xudicial fiscalizador da actividade pública que, actuando de oficio e a instancia de parte, visara a actividade de tódalas administracións?

Só unha das mais de mil emendas presentadas pola oposición ós orzamentos da Xunta para 2013 (é dicir, un cero coma case nada por cen) conseguiu o voto favorable do partido que ostenta a maioría parlamentaria

Falo do debate no ámbito municipal, que coñezo de primeira man; pero penso, agora só de lidas e oídas, que outro tanto acontece no ámbito autonómico e estatal. Só unha das mais de mil emendas presentadas pola oposición ós orzamentos da Xunta para 2013 (é dicir, un cero coma case nada por cen) conseguiu o voto favorable do partido que ostenta a maioría parlamentaria. Canto nos custou ese cero coma nada? Paga a pena? Unha de dúas, ou os listos están todos dun lado ou falla o sistema. E todo me dá que é o sistema o que falla.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.