A pandemia fai cambalear os dogmas europeos

A pandemia (COD.2) ampliou de tal modo a recesión económica que vai seren quen de facer cambalear dogmas europeos que, hasta fai moi pouco, parecían estar escritos en pedra. A pregunta que cabe facerse é: si se cambalean os dogmas cambaleará, por caso, unha UEM que se apoia nos mesmos?.

O efecto dobre desta grande recesión, crise de oferta e de demanda, fai que se disparen os déficits en practicamente tódolos estados da UEM que agora se ven incapacitados para cumprir cos obxectivos fiscais fixados no PEC (Pacto de Estabilidade e Crecemento). Uns obxectivos que moitos consideran, consideramos, favoreceron a recesión anterior. Si a situación era potencialmente explosiva nos estados europeos do sur agora o resulta en todos. Velaí que haxa unha maior coincidencia na necesidade de ir deixando de lado, aínda que sexa temporalmente, algúns dos tratados fiscais austericidas.

Un dos dogmas mais ferreamente defendidos tanto pola troica europea (Consello Europeo, Comisión Europea, Banco Central Europeo) como pola maioría dos estados europeos do norte (Alamana, Holanda, Austria, Dinamarca) era a negativa a calquera acordo de financiamento común das débedas públicas. A postura era que cada estado se as compuxera como puidera. Postura insolidaria que favorece descaradamente aos estados con superávit que, ademais, conseguen financiarse a conta dos déficits dos demais estados. Pero veu a pandemia, paralizouse a produción e a comercialización, caeron os ingresos e disparáronse os déficits en practicamente tódolos estados da UEM cuxos gobernos empezaron a veren que ningún deles ía seren capaz de cumprir cos obxectivos fiscais fixados no PEC: un déficit público que non supere o 3% do PIB e unha débeda pública que non supere o 60%.

Véndolle as orellas o lobo e logo dunha dura e longa negociación, con descualificacións inauditas, os dirixentes europeos reunidos en consello (Consello Europeo: xefes de estado ou de goberno) aceptaron inicialmente pasar por alto algúns acordos que aparecen, incluso, no Tratado de Constitución Europea. Dándose conta de que estaba en xogo a propia supervivencia da Unión Europea (UE), de que a pandemia provocada polo COVID.19 está provocando un auténtico derrube das economía mundial, moi especialmente das economías europeas, aceptaron por en marcha un Plan de Recuperación postcoronavirus (https://praza.gal/opinion/un-acordo-europeo-con-claros-sobre-moitos-escuros) que será financiado, velaí a citada superación dun dogma, grazas a un préstamo colectivo da UEM, non individual subscrito por cada país. Estamos xa que logo diante dunha forma de mutualización da débeda pública. Algo que ata agora era impensable.

Pero as cousas non quedaron aí. Tomando conciencia de escasa contía financeira (750.000 millóns de euros) do plan tendo en conta a dimensión do derrube económico xeral (caída do 12,1% do PIB na eurozona e perda de mais de 5 millóns de empregos) as autoridades europeas, por boca da portavocía do Eurogrupo, anunciaron posteriormente que quedaban temporalmente en suspenso os obxectivos fiscais fixados no PEC. Unha decisión lóxica dado que practicamente ningún estado europeo será quen de cumprilos. Unha decisión lóxica pero impensable fai non moito tempo.

Nembargante moito me temo que estes pasos na boa dirección non sexan suficientes. Non so por que sexan algo tardíos e moi modestos. Tamén por que o edificio da UEM está mal construído, por que se apoia en cimentos (o anacronismo do euro, en primeiro lugar) desapropiados para unha unión de estados con diferencias fiscais e comerciais tan grandes. Un edificio que ameaza derrube.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.