A pegada do 15-M

O chamado Movemento 15-M está de aniversario. Cando apareceron aquelas manifestacións e acampadas protagonizadas por milleiros de persoas –cunha porcentaxe moi maioritaria de mozos e mozas- no mes de maio de 2011, houbo reaccións diverxentes na opinión pública e na publicada. Houbo, sen dúbida, simpatía expresa ou tácita en moitos sectores sociais que padecían unha dupla frustración:a derivada das penalidades asociadas ao impacto da crise económica nas súas condicións de vida e a que suscitaba o papel dos gobernantes –para mais inri, dun partido político que se autoidentificaba no universo da esquerda- na xestión da desfeita económica. Aínda estaba quente, na memoria colectiva, a espectacular viraxe realizada por Rodríguez Zapatero un ano antes –maio de 2010-, modificando substancialmente o seu programa electoral para executar as directrices emanadas da troika.

O movemento dos indignados era –coma noutros casos históricos anteriores: OTAN, Prestige, guerra de Irak- unha expresión do forte malestar presente no corpo social

O movemento dos indignados era –coma noutros casos históricos anteriores: OTAN, Prestige, guerra de Irak- unha expresión do forte malestar presente no corpo social. A orixinalidade do 15-M radicaba, polo menos, en dous vectores novidosos: o cuestionamento do propio sistema de representación política e a utilización de formas inéditas de organización no desenvolvemento das protestas. Nas ocasións precedentes, o que se pedía era o cambio en determinadas políticas (saída dunha alianza militar, nova regulación do transporte marítimo, remate dunha iniciativa bélica) e a dimisión dos cargos gobernamentais responsábeis. Neste caso, o que se colocaba no primeiro plano tiña que ver coa modificación das regras de xogo da democracia vixente. A crítica indiscriminada ás forzas políticas presentes nas institucións (“non nos representan”; “chámanlle democracia e non o é”) ía acompañada de propostas alternativas mais ou menos elaboradas.

Cabe constatar algúns indicios que revelan a presenza de cambios significativos: medre exponencial dos votos en branco e nulos; caída das porcentaxes de apoio ao Partido Socialista e notábel éxito de AGE na cita galega

A pesar de que non hai estudos específicos sobre os efectos deste movemento nos resultados electorais rexistrados despois do seu nacemento (comicios municipais de maio do 2011, xerais de novembro do 2011 e autonómicas de Galiza, Euskadi e Catalunya durante o ano 2012) si cabe constatar algúns indicios que revelan a presenza de cambios significativos: medre exponencial dos votos en branco e nulos; caída das porcentaxes de apoio ao Partido Socialista e notábel éxito de AGE na cita galega.

O 15-M mereceu, inicialmente, a desconsideración ou a indiferenza da case totalidade de formacións políticas. O PP foi, sen dúbida, o mais belixerante a pesar de que esas mobilizacións masivas aceleraban o desgaste do goberno de Zapatero. O Partido Socialista quixo repetir a táctica do 11 de Marzo de 2004 e tratou de atopar unha mínima empatía capaz de evitar o desastre electoral que anunciaban os inquéritos. IU, sorprendida pola envergadura do movemento, fixo todo o posíbel para se constituír como referente político-electoral do clima de indignación que mostraban as protestas. A dirección do BNG non foi capaz de comprender a importancia do que estaba xurdindo nas rúas e mantivo un distanciamento crítico que reforzou a dinámica de perda de apoios sociais que viña rexistrando.

A dirección do BNG non foi capaz de comprender a importancia do que estaba xurdindo nas rúas e mantivo un distanciamento crítico que reforzou a dinámica de perda de apoios sociais que viña rexistrando

As últimas análises demoscópicas confirman a boa imaxe e a simpatía que suscitan as plataformas vinculadas ao 15-M. Esta situación alimenta un debate que xa ten aparecido noutras situacións análogas: o movemento dos indignados debe seguir sendo unha expresión, mais ou menos organizada, do descontento fronte ao sistema económico e político ou debe dar os pasos que lle permitan comparecer nas citas electorais, nomeadamente nas xerais de 2015? A favor desta última opción operan as novidades experimentadas no mapa político italiano ou grego, ademais da grave crise que padece a estrutura bipartidista ate agora reinante no Estado español. En todo caso, as dificultades de tal alternativa tamén son obvias:a contabilidade que proporcionarían as urnas non se correspondería co nivel de apoio que hoxe teñen moitas das reivindicacións do movemento e, ademais, non está asegurada a unidade entre todas as tendencias que cohabitan no mesmo para emprender semellante aventura.

Sexa cal sexa o futuro do 15-M, a súa pegada no sistema político é unha realidade indiscutíbel. Grazas á súa actividade, existe un maior clima social favorábel á realización de cambios substanciais na relación entre os partidos e os seus votantes

Sexa cal sexa o futuro do 15-M, a súa pegada no sistema político é unha realidade indiscutíbel. Grazas á súa actividade, existe un maior clima social favorábel á realización de cambios substanciais na relación entre os partidos e os seus votantes, na propia vida interna das organizacións políticas e no comportamento ético das persoas que forman parte das mesmas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.