A perversa lóxica da xudicialización

Por se alguén tiña dúbidas, os últimos episodios rexistrados no ámbito xudicial (sentenza do “caso Urdangarín”, cambios ordenados polo fiscal xeral do Estado para aliviar a belixerancia dos seus subordinados nos asuntos de corrupción, declaracións do fiscal de Murcia denunciando o clima de intimidación no que ten realizado o seu labor...) certifican que nos atopamos sometidos a unha lóxica perversa. Como os vellos partidos xudicializaron habitualmente a vida política porque non quixeron establecer un espazo autónomo para asumir as responsabilidades derivadas dos comportamentos non compatíbeis coa ética esixíbel aos cargos públicos, pretenderon controlar e/ou presionar ás persoas que podían resultar determinantes nos procedementos xudiciais. Por iso resulta comprensíbel que Mariano Rajoy e o ministro de Xustiza busquen minimizar os custes que, eventualmente, deban pagar os imputados do PP nos distintos tribunais. Canto menor sexa o número de condenas ditadas mais críbel resultará ese discurso de que a corrupción é unha colección de feitos illados que aconteceron no pasado.

A recente sentenza da Audiencia provincial mallorquina debe ser avaliada tendo presente ese pano de fondo. A gravidade dos feitos involucrados neste procedemento xudicial resulta pouco discutíbel: a utilización das prerrogativas e da reputación asociadas a dúas persoas da Casa Real para conseguir recursos públicos de xeito inapropiado debería ter motivado diversas medidas exemplarizantes (por exemplo: eliminación dos dereitos dinásticos e de todos os privilexios asociados á posición institucional de Cristina de Borbón e de Iñaki Urdangarín). Non existiu tal pedagoxía preventiva senon que se trasladou, con insistencia, a lóxica defensiva de que ambas persoas eran inocentes mentres unha instancia xudicial non demostrara o contrario.

Despois do veredicto do tribunal, suscitouse un debate totalmente condicionado polo corsé argumental do “respecto ás decisións da xustiza”. Por moito que se queira disimular, resulta evidente a benevolencia das decisións adoptadas, tendo presente o contido das peticións formuladas polo ministerio fiscal e pola acusación popular. Tres delincuentes tan destacados como Correa , Crespo e “O Bigotes” non dubidaron en reclamar o mesmo trato recibido polo cuñado do Xefe do Estado.

Gürtel, Nóos, cartóns black: velaí tres exemplos paradigmáticos do comportamento das elites españolas nos primeiros anos do século XXI. A cobiza extrema e o sentimento de impunidade invadiron as estancias dos poderes económicos e políticos. Chegaron mesmo á Casa Real, a pesar de que os orzamentos estatais contemplan unhas xenerosas transferencias monetarias. Eran tempos de viño e rosas. Todos os que podían daban “pelotazos”, protexidos pola utilización indiscriminada do principio xurídico da “presunción de inocencia” a calquera ámbito da política institucional.

O recente nomeamento de Arsenio Fernández de Mesa como conselleiro da empresa “Red Eléctrica de España” é a penúltima demostración de que a rexeneración segue sendo unha materia pendente na vida pública española. A pesar do amplo catálogo de “portas xiratorias” constatado nos últimos anos, Rajoy pensa que unha decisión coma esta non vai ter consecuencias electorais significativas. Está convencido de que os seus votantes asumen que semellante “canonxía” forma parte habitual da actividade política. Que as cousas son así e que os demais, se poden, fan o mesmo. A complicidade desa parte do corpo social segue sendo o factor fundamental que explica a continuidade destas condutas impresentábeis.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.