Só hai unha verdade absoluta: que a verdade é relativa
André Maurois
Din as estatísticas que 1 de cada 4 galeg@s esta en risco de exclusión social e pobreza e afonda a Rede Galega contra a Pobreza que en Galiza son 702.000 as persoas estan en risco de pobreza e exclusión social, un 25,7% da poboación total. Desa poboación, unhas 132.000 persoas están en pobreza extrema e sobreviven con ingresos inferiores a 332 € mensuais. (Datos extraídos do informe “O Estado da Pobreza”). Súmase a isto a situación das pensionistas, onde o 62,9 % dos ingresos que reciben as xubiladas de Galiza, están por debaixo do umbral da pobreza, unha situación que afecta a 473.985 persoas, con especial incidencia negativa nas persoas viuvas, para ter un diagnóstico aproximado sobre o que falamos cando falamos de pobreza.
Mas a reflexión que ven á cabeza estes días é en torno á facilidade coa que se nomea hoxe en institucións e medios de comunicación a pobreza enerxética mentres a exclusión social e a pobreza seguen a vivir na clandestinidade e no anonimato nun país que, como din as estatísticas, ten ao 25% da súa poboación baixo a tiranía destas.
O conceito de pobreza enerxética parece que naceu no Reino Unido a principios da década dos 90 froito das reflexións de Brenda Boardman, profesora en Oxford e ambientalista, en relación á dificuldade dos fogares para obter servizos enerxéticos polo 10% da renda disponíbel. Máis tarde incorporouse a calidade da vivenda, a renda familiar e a subida contínua no prezo da enerxía como factores determinantes deste conceito que intenta explicar como os recursos que percibimos non nos chegan para acceder a uns mínimos de calidade nas nosas vidas en relación ao consumo de enerxía.
En Galiza poderíamos explicar como sendo produtoras e execedentarias de enerxía a centralización e o noso estatus de colonia impiden que ningún beneficio en relación a producir esa enerxía – e por tanto pagar os custes ambientais desa produción – repercutan en nós como país ou usuarias. Ou falarmos da necesidade dunha tarifa eléctrica galega que reduza as peaxes ás consumidoras galegas, reducindo a factura a familias e empresas evitando así que moitas delas non sexan capaz de facer fronte á cada vez máis elevada factura da luz.
A reflexión ten a ver con como nomeamos o que esta a pasar, por que lle chamamos pobreza enerxética ao que non é outra cousa que pobreza... ou escoller entre pagar a luz e comer non é acaso pobreza? Non é a pobreza a escaseza ou ausencia do necesario para vivir?
Mas a reflexión ten a ver con como nomeamos o que esta a pasar, por que lle chamamos pobreza enerxética ao que non é outra cousa que pobreza... ou escoller entre pagar a luz e comer non é acaso pobreza? Non é a pobreza a escaseza ou ausencia do necesario para vivir? E non é acaso a enerxía nestes momentos necesaria para termos unha vida digna nos estandares sociais que coñecemos?
Por que é que o sistema admite a pobreza con apelidos mentres mantén na clandestinidade o conceito de pobreza? Por que admitimos dende a esquerda transformadora pór apelidos á pobreza se iso só parece servir para colocar parches -temporais ademáis- a unha pequena parte do problema obviando o fondo do conflito social?
Na Galiza non temos moi avanzado o debate sobre o “bon vivir” que hoxe as nosas irmás latinoamericanas debaten e constrúen para definirmos cal é esa vida digna que decimos querer vivir e en que se sustenta de xeito material. Non somos Ecuador donde xa existe un Plan Nacional do Bon Vivir mas atrévome a aventurar que de darmos este debate aquí a garantía de non pasarmos frío no inverno -coidando tamén o planeta e os seus recursos- ou non termos que escoller entre comer e banhar ás crianzas en auga quente é parte desa vida digna á que aspiramos coletivamente e a escaseza ou falta desa capacidade chámase pobreza.
Sinto unha profunda incomodidade colocándolle apelidos á pobreza porque, como tantas outras cousas, parece a peaxe que o sistema cobra para asumir certos debates garantindo que éstes nunca saian dos marcos aceitábeis
Persoalmente sinto unha profunda incomodidade colocándolle apelidos á pobreza porque, como tantas outras cousas, parece a peaxe que o sistema cobra para asumir certos debates garantindo que éstes nunca saian dos marcos aceitábeis. Asumimos que temos que ir pagando esas peaxes para que o capitalismo asuma partes do discurso... cando a sensación é que tratarmos só unha parte dos problemas só contribúe a non sermos capaz de amosar o problema estructural do sistema. E se nós perdemos é porque eles gañan.
A pobreza non precisa apelidos para ser nomeada e combatida, non precisamos explicitar que falamos de falta de acceso aos recursos enerxéticos para reclamar máis salarios e menos tarifas eléctricas -sobre todo cando somos produtoras-, para construír un discurso en torno ao noso dereito ao bon vivir, a non pasar frío, a non termos que escoller entre comer e quentar unha vivenda que tamén é un dereito.
A pobreza non precisa apelidos para ser nomeada e combatida, non precisamos explicitar que falamos de falta de acceso aos recursos enerxéticos para reclamar máis salarios e menos tarifas eléctricas
Non por acaso o sistema deixou de nomear aos países pobres -empobrecidos- para os colocar como países en vías de desenvolvemento -capitalista, obviamente- ou os pobres pasaron a ser persoas con “dificuldades económicas” e a exclusión social e a pobreza, que teñen a ver co sistema económico, coa falta de garantías de acceso aos bens básicos, como un problema de “pobreza enerxética”, como se quen non ten capacidade económica para acceder á electricidade puidera acceder a calquera outro ben material básico para a súa vida.
Se a pobreza ten algunha virtude é a forza simbólica da súa propia definición material, o golpe que asesta ao sistema nomearnos pobres e nomear a pobreza nun capitalismo que se farta de reclamarse xerador e distribuidor de riqueza -entre unhas poucas claro-.
A pobreza enerxética é pobreza, así, sen apelidos, descarnada, inxusta e sistémica. Que non se nos esqueza neste exercicio de adaptarnos ao que o sistema deixa ou non nomear que o facemos por cuestións tácticas ou para gañar pequenos avances en debates públicos... se é que ten algún sentido facelo.
Non vaia ser que no xogo político institucional acabemos crendo as nosas propias invencións.