A meninxite é unha enfermidade infecciosa grave que, nalgúns casos, pode provocar a morte. Todos os anos hai algún caso letal. Pode ser provocada por virus ou por bacterias que, á súa vez, poden ser de varias clases, sendo as máis frecuentes as provocadas polos meningococos A, B e C. No calendario infantil está incluída a vacina contra o meningococo C, mais existe unha fonda controversia pola inclusión da vacina contra a meninxite B, que actualmente só está autorizada para uso hospitalario.
Nos últimos meses morreron tres persoas na bisbarra da Coruña -en Oleiros e Arteixo-afectadas por meninxite B. Existe unha preocupación cidadá evidente, amplificada polos medios de comunicación e mal contrarrestada polas autoridades sanitarias. Aínda que este tipo de meninxite ten unha incidencia moi baixa en España, moitos pais están preocupados e outros viaxan a Portugal na procura dunha vacina que non se administra nos Centros de Saúde nin está dispoñible nas oficinas de Farmacia. Hai razóns para tanta alarma colectiva?
Os motivos para a preocupación sempre son razoables, sobre todo cando falamos da saúde dos nenos. Mais neste caso hai unha estraña confluencia do temor colectivo co sensacionalismo dos medios e os intereses da industria farmacéutica que, desde a sombra, alimenta a alarma social e promove a demanda dunha solución (a vacina) que, polo que se sabe ata o momento, non é a panacea absoluta a este problema, tal como queren facer ver.
Porque a realidade é que a eficacia clínica desta vacina non se avaliou por medio de ensaios clínicos (como é de rigor) senón que foi deducida por medio de estudos de inmunoxenicidade. Un organismo independente e rigoroso como a SESPAS (Sociedad Española de Salud Pública y Administración Sanitaria) elaborou un informe no que afirma que os ensaios clínicos de seroconversión non deron resultados suficientes, porque cunha incidencia tan baixa de enfermidade, parece imposible avaliar a eficacia cos ensaios clínicos habituais. Polo tanto, a introdución desta vacina no mercado parece basearse nas boas intencións á espera de estudos de fase IV (post-comercialización).
A vacina “experimental” Bexsero, fabricada polo poderoso laboratorio Novartis, se chega a aplicarse masivamente aos nosos nenos, sería a primeira vacina que se comercializa sen dispor de datos de eficacia clínica, coa incerteza de que poida realmente interrumper a circulación das bacterias e manter a inmunidade de grupo. Os nosos nenos poderían servir de “cobaias” ao laboratorio, que obtería unha información moi importante sobre a eficacia e a seguridade deste produto despois da aplicación masiva na poboación infantil. Ninguén pode asegurar que non se van provocar danos e prexuízos con esta práctica, pois o perfil de seguridade da vacina está por comprobar.
É moi posible que a AEMPS (Agencia Española de Medicamentos e Productos Sanitarios) se teña precipitado dando vía libre a unha vacina cunha efectividade pouco avaliada e tamén é posible que as asociacións profesionais que defenden o seu uso se equivoquen na súa análise pois sempre é preciso estar seguro de que a vacina é realmente eficaz e efectiva, cousa dubidosa coa información actual. Dáse o caso de que algunhas das sociedades profesionais que apoian abertamente a inclusión desta vacina no calendario infantil teñen, en maior ou menor medida, conflitos de interese e vínculos estreitos coa industria farmacéutica.
Cos datos dispoñibles na actualidade, procedentes de fontes non contaminadas, podemos concluír que a meninxite B (aínda que sexa unha doenza grave) ten unha baixa incidencia e que esta vacina carece de datos suficientes que avalen a súa eficacia e seguridade. Tamén pode ocorrer, no caso de que se aplicase masivamente, que os nosos nenos sexan utilizados para “experimentar” coa vacina e obter datos sobre a mesma aínda descoñecidos.
Hai que defender e apoiar as vacinas “de sempre”, que teñen evitado tantas doenzas e salvado tantas vidas. Só pretendemos sinalar as zonas de sombra existentes na introdución de novas vacinas no calendario. Porque hai empresas con fortes intereses económicos, cómplices debidamente remunerados e unha Administración errática, que non é capaz de defender o ben común fronte ás presións dos poderosos lobbies patrocinados por Farmaindustria.