A política morreu! Viva Feijoo!

“A política fracasou hai tempo. Só se somos capaces de equilibrar ingresos e gastos, como intenta calquera familia, seguiremos construíndo país. Á política fáltanlle xestores. E sóbranlle políticos” O Equilibrista de Verín, en La Voz de Galicia de 17.12.2012.

Dun tempo acó a palabra político pela nas mans e ninguén a quere, nin que lla dean de balde. Colleu mala fama, merecida en moitos casos, si, pero tamén interesada en moitos outros

Dun tempo acó a palabra político pela nas mans e ninguén a quere, nin que lla dean de balde. Colleu mala fama, merecida en moitos casos, si, pero tamén interesada en moitos outros. E nese proceso de desprestixio, os cidadáns, sempre sedentos de sangue e aguilloados polos poderes non políticos, botamos pestes pola boca contra os políticos e toda a súa estirpe, e esquecemos que hai corenta anos de nada viviamos na non política. Así as cousas, Feijoo –que será feo mais non parvo- vai pola vida de xestor. El sabe que non está a dicir nada novo, que é a mesma burra con distinta albarda, pero logo de repetilo moitas veces, a xente pode fitar só a albarda e pensar que cambiou de burra. Porque un político é, e sempre o foi, un xestor da cousa pública, un administrador dun orzamento. Un político xestiona cartos públicos, tanto os ingresos cos que conta coma os destinos que lle dá ós mesmos. Todo político responsable dun presuposto, queira ou non queira, é un xestor. Xa que logo, Feijoo é tan xestor como o foi Touriño, Fraga, Laxe e Albor; e dicir del que é mais xestor ca político é pouco mais ca non dicir nada. Feijoo é xestor porque vai no posto que ocupa, non por escolla propia nin por mérito engadido.

E logo de onde ven o feitizo do termo xestor? Non o sei seguro, mais xuraría que a palabra xestor asimílase, consciente ou inconscientemente, á actividade empresarial privada; e esta dispara en nós, consciente ou inconscientemente, a palabra eficiencia

E logo de onde ven o feitizo do termo xestor? Non o sei seguro, mais xuraría que a palabra xestor asimílase, consciente ou inconscientemente, á actividade empresarial privada; e esta dispara en nós, consciente ou inconscientemente, a palabra eficiencia. Implica a xestión  privada necesariamente xestión eficiente? A nivel conceptual non ten por que, como tampouco ter por que implicar ineficiencia a xestión pública. Todos sabemos de casos de ineficiencia na xestión pública, mais na xestión privada a ineficiencia é pan noso de cada día –cantas empresas pechan a cotío por mala xestión?- e todos temos na memoria recente casos de ineficiencia privada de auténtico escándalo: José Luis Méndez, Julio Gayoso, José Luis Pego, Diaz Ferrán, os executivos de Lehman Brothers (entre eles o actual ministro de economía), os executivos das Axencias de Cualificación..

Todos temos na memoria recente casos de ineficiencia privada de auténtico escándalo: José Luis Méndez, Julio Gayoso, José Luis Pego, Diaz Ferrán, os executivos de Lehman Brothers (entre eles o actual ministro de economía), os executivos das Axencias de Cualificación...

Outra cousa é que falemos de bos e malos xestores. Pero aquí tampouco nos vai clarexar nada a priori saber se son xestores públicos ou privados. Haberá bos xestores privados e bos xestores públicos; como os haberá malos nos dous eidos. E serán bos ou malos segundo o grao de cumprimento dos obxectivos que se establezan. Os obxectivos da actividade privada xiran arredor da rendibilidade en tódalas súas formas; porén, na actividade pública os obxectivos varían moito segundo as ideoloxías, primando unhas o crecemento a pau seco, outras o nivel de desigualdade, outras o pleno emprego, outras a establidade monetaria. Nos días que estamos, e polo que a nós nos afecta, a ideoloxía no poder marca como obxectivo a establidade orzamentaria e o seu santocristo, o déficit cero.

Os aduladores de Feijoo din que é un bo xestor porque mantén o déficit cero. Non lle quero quitar méritos, pero unha vez o principio do déficit cero foi elevado a rango de lei, o único que fai Feijoo é cumprir coa lei

Os aduladores de Feijoo din que é un bo xestor porque mantén o déficit cero. Non lle quero quitar méritos, pero unha vez o principio do déficit cero foi elevado a rango de lei, o único que fai Feijoo é cumprir coa lei. Albor, Laxe, Fraga e Touriño tamén cumprían coa lei, que daquela non contemplaba o déficit cero, así que eran tan bos xestores coma el se este é o seu único mérito. Pero o déficit cero non é tan aséptico como parece o seu presuposto de igualar ingresos e gastos. Dúas comunidades, A e B, con 100 euros de ingresos e gastos a primeira, e 200 euros a segunda, teñen as dúas déficit cero; mais o nivel de ingresos e gastos dunha é o dobre da outra. Por outra banda, non é o mesmo gastar o que se ingresa ca ingresar o que se gasta. No primeiro caso, contemplas o ingreso como variable esóxena (que che ven dada) e logo ti dispós o gasto ata chegar a esa cifra; no segundo caso, ti fixas un determinado importe de gasto e logo procuras o ingreso que iguale aquel importe. Ou sexa, que aínda baixo o xugo dun orzamento equilibrado cabe moita política, ou se non nos chista a palabra, cabe moita xestión. Porque sempre terás que decidir de onde sacas os ingresos e en que os gastas, tanto que sexan os cartos moitos ou poucos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.