A porta xiratoria é un magnífico invento. Nada máis entrar nun dos seus ócos a porta avanza e, en catro pasos, atópaste no interior. Do mesmo xeito podes desandar o camiño, coa mesma facilidade. Cando este mecanismo se utiliza no terreo político para pasar dun cargo público á empresa privada, e viceversa, prodúcense situación de intensa promiscuidade, coa presenza de graves conflitos de interese. As empresas que contratan políticos para cargos de dirección non o fan por altruismo: teñen máis interese na axenda persoal, no coñecemento da Administración, na experiencia acumulada, na capacidade de influencia e na información privilexiada que aportan. Son as bases para realizar negocios con vantaxe, para obter privilexios sen forzar a legalidade e mesmo para realizar prácticas que caen de cheo na categoría da corrupción. Nos últimos anos houbo moitos políticos (do PP e do PSOE, sobre todo) que ocuparon prazas de privilexio nas grandes empresas. Nun artigo anterior fixemos un breve repaso das “vidas exemplares” dalgúns destes personaxes.
Nos últimos anos houbo moitos políticos (do PP e do PSOE, sobre todo) que ocuparon prazas de privilexio nas grandes empresas
Neste inicio de ano houbo varios episodios que puxeron en evidencia a intensa interconexión dos intereses privados cos poderes públicos: a riqueza oculta de Bárcenas e os pagos con diñeiro negro na propia sede do PP, o luxoso ático marbellí de Ignacio González, a fichaxe dun exconselleiro de Madrid (Güemes) pola empresa que realiza as análises clínicas da comunidade (servizo que él mesmo privatizou), a incorporación de Rato a Telefónica (empresa que entregou a mans privadas cando era ministro de Aznar), e o desembarco de Esperanza Aguirre nunha empresa de “cazatalentos”. Todos estes feitos provocaron unha profunda indignación colectiva. Mais os grandes partidos non amosaron, ata o momento, especial dilixencia para evitar estes feitos. En Galicia o fiscal superior, Carlos Varela, presentou no Parlamento, en decembro de 2011, un detallado plan para previr as prácticas de corrupción. Ainda hoxe agarda resposta.
En Galicia o fiscal superior, Carlos Varela, presentou no Parlamento, en decembro de 2011, un detallado plan para previr as prácticas de corrupción. Ainda hoxe agarda resposta
A corrupción é percibida pola maioría como un dos principais problemas da nosa sociedade. O trasvase de políticos á empresa privada e viceversa (mesmo se cumplen coa actual Lei de Incompatibilidades) facilita un retiro dourado aos políticos que deixan a primeira liña, mais tamén alimenta a sospeita de que o executivo e o lexislativo faciliten a actuación das empresas na defensa dos seus beneficios, deixando en segundo lugar o interese colectivo. Cada vez se coñecen máis casos de políticos que utilizan a estratexia do “cabalo de Troia”: acceden a cargos públicos para defender intereses privados. No terreo sanitario os exemplos son múltiples. Vexamos o perfil dalguns persoaxes que practican con habilidade o revolving door:
Rocío Mosquera, actual conselleira de Sanidade, exerceu durante moitos anos un cargo directivo do grupo Nosa Terra, propietaria de Povisa. Nas negociacións con este grupo (para que cumpla os obxectivos asistenciais ou para a renovación do concerto particular) ten un grave conflicto de intereses que deberían abondar para inhabilitala para o exercicio deste cargo. Cando foi nomeada conselleira tamén tivo que dar explicacións no Parlamento sobre o turbio nomeamento do seu marido para unha xefatura no CHUS, e sobre a presenza dunha filla na consultora PwC (que participou na adxudicación do hospital de Vigo).
Cando foi nomeada conselleira tamén tivo que dar explicacións no Parlamento sobre o turbio nomeamento do seu marido para unha xefatura no CHUS, e sobre a presenza dunha filla na consultora PwC
Manuel Martín Ferrer foi, durante varios anos, un alto cargo da Generalitat valenciana. A súa misión era supervisar desde a Administración á empresa Ribera Salud UTE (concesionaria da xestión do hospital de Alzira). En setembro de 2007 utilizou a porta xiratoria e pasou a ocupar o cargo de maior responsabilidade en dita compañía: director do departamento de saúde.
Manuel Lamela estivo como conselleiro de Sanidade en Madrid desde 2003 a 2007. En 2005 tivo certa notoriedade mediática, despois de que denunciase aos médicos de Urxencias do hospital de Leganés, encabezados por Luís Montes, por realizar presuntas sedacións irregulares a pacientes en situación terminal. A xustiza doulle a razón ao doutor Montes e o seu equipo, despois dun longo xuizo, mais o dano feito ao prestixio do hospital e aos profesionais (que marcharon traballar noutros lugares) é xa irreparable. A caverna mediática utilizou este asunto de xeito cruel sinalando aos acusados como presuntos asesinos. Lamela tamén tivo que comparecer, imputado por denuncia falsa. Cando deixou o goberno da condesa Aguirre continuou colaborando co seu antiguo padriño, Rodrigo Rato, e ocupou un posto como conselleiro de Caja Madrid (grupo Bankia). Tamén creou e situouse como presidente das sociedades Madrid Medical Destination SL , Madrid Ciudad de la Salud SA, e Madrid Centro Médico (MCM), que pretenden “potenciar o turismo sanitario de primeiro nivel”. Na presentación pública de MCM estivo acompañado por altos cargos da comunidade e do concello, institucións que apoiaron estes proxectos con créditos e subvencións.
Güemes sempre tivo boa vista para os negocios: coa súa primeira muller lucrouse do ladrillo pois o seu sogro era un afamado promotor inmobiliario. “Aproveche las oportunidades de negocio para su empresa”, decíalle aos empresarios na presentación do Plan de Infraestructuras Sanitarias de Madrid, en 2008
Juan José Güemes foi o sustituto de Lamela. Deixou o posto de conselleiro en 2010 e fichou pola escola de negocios IE. Este xoven licenciado en Económicas, formado nun colexio do Opus Dei, tivo unha carreira meteórica: a primeiros dos anos noventa xa formaba parte do equipo de Rodrigo Rato. En 2003 a condesa Aguirre nomeouno Consejero de Empleo y Mujer, e seguidamente foi o máximo responsable da sanidade madrileña. Está casado, de segundas, con Andrea Fabra, a filla do cacique de Castellón (famoso pola súa fortuna no xogo da lotería e por construir aeroportos onde non aterran os avións). Esta diputada nacional do PP fíxose famosa por unha breve intervención parlamentaria: berrou desde o seu escano “que se jodan!!”, cando Mariano Rajoy anunciaba recortes nas prestacións aos parados. Güemes sempre tivo boa vista para os negocios: coa súa primeira muller lucrouse do ladrillo pois o seu sogro era un afamado promotor inmobiliario. “Aproveche las oportunidades de negocio para su empresa”, decíalle aos empresarios na presentación do Plan de Infraestructuras Sanitarias de Madrid, en 2008.
Él tamén aproveitou a súa. Antes de deixar a consellería privatizou as análises clínicas de Madrid. A empresa Unilabs, que se fixo co control deste servizo, polo que recibe unha elevada remuneración, nomeou conselleiro a Güemes. A publicación desta noticia, a primeiros de xaneiro, provocou un enorme alboroto mediático que o levou a deixar o seu recén estrenado cargo. Mais non debemos preocuparnos polo seu futuro: sigue presente en seis consellos de administración.
Antonio Burgueño chegou a afirmar que os médicos da sanidade pública só se dedican á burocracia e tamén dixo que “el pago al médico por el paciente redundaría en un modelo más entrañable”
Antonio Burgueño é, se cadra, menos coñecido que os anteriores, mais vén ser o paradigma do cabalo de Troia. Admirador da sanidade dos EEUU ten participado en numerosos debates públicos. Chegou a afirmar que os médicos da sanidade pública só se dedican á burocracia e tamén dixo que “el pago al médico por el paciente redundaría en un modelo más entrañable”. Este home duro é o principal ideólogo do plan sanitario de Madrid, que plantexa a privatización de seis hospitais e 27 centros de saúde. Agora é director xeral de hospitais da comunidade de Madrid, pero pasou máis de vinte anos como executivo en empresas sanitarias privadas. Como director asistencial de Adeslas puxo en marcha o hospital de Alzira. Asesorou a Capio na construcción do hospital de Valdemoro. O seu fillo é un alto cargo en Ribera Salud.
Ribera Salud e Capio son as empresas máis beneficiadas pola política de privatizacións sanitarias. Rivera Salud foi creada pola Generalitat valenciana en 1997 para dar respaldo financeiro ao hospital de Alzira. Hoxe é o primeiro operador de hospitais públicos por concesión, facturou en 2011 case catrocentos millóns de euros e todos os seus ingresos proceden de contratos coas comunidades de Madrid e Valencia. Capio Sanidad xestiona varios hospitais públicos e facturou 673 millóns de euros en 2011. O 75% desta cantidade procede das arcas públicas. Está controlada polo fondo de capital risco CVC con sede no paraíso fiscal de Luxemburgo.
Os expertos advirten do enorme risco de “captura do regulador”: estas empresas tan potentes chegan a ter tal influencia que poden someter á Administración
Os expertos advirten do enorme risco de “captura do regulador”: estas empresas tan potentes chegan a ter tal influencia que poden someter á Administración, anular a súa función inspectora e convertila en defensora dos intereses da empresa dominante en vez de protexer o interés xeral. Hai un perigo certo de pasar do monopolio público ao oligopolio privado. Joaquín Estefanía advertía nun artigo: “privatizaron a banca pública, a enerxía pública e as telecomunicacións públicas, entre outros sectores estratéxicos. Agora queren facer o mesmo coa sanidade e a educación públicas, ainda que o neguen”.