A Presidenta da Xunta dona Carme Adán Villamarín

Outra vez espertei sobresaltado. Desta foi que dona Carme Adán Villamarín era a Presidenta da Xunta de Galiza. Chimpei da cama e cando baixaba as escaleiras, tropecei coa muller, que subía despois de xa arranxar media vida. Veño de soñar que Carme era a Presidenta da Xunta, balbucín. Mira ti, ho! Vas vello, rapaz, agora xa soñas cara atrás, respondeume ela sen deixar de subir. Varado no medio da escaleira, eu xa non sabía se seguir baixando ou dar a volta. Pregunteille que me estaba a querer dicir e se era unha retranca das súas. “Non, home, non ... e que non lle vexo mérito ningún a soñar que Carme é Presidenta ... porque leva xa un ano que o é”, berroume dende o fondo dalgún cuarto. Como era posible que eu non o soubera? Andará o bicho da memoria xa facendo das súas? Angustiado polos negros pensamentos, pensei que o mellor era botar porta fóra e respirar o aire limpo da mañá camiño da taberna, a ver se aclaraba as ideas e temperaba o corpo. “Se tes pensado ir á taberna, fai o favor de vestirte”, escoitei a voz dende as alturas. Ostras, tamén é certo!, exclamei para min xa no van da porta.

“Que vai ser?” Un sol e sombra, que non teño o día moi alá ... e unhas madalenas para estrar, contesteille ao taberneiro. Polo camiño viñera remoendo o asunto da Presidenta, sen darlle creto ao soño e pensando que igual a muller me metera unha pulla; pero agora tiña alí diante no mostrador o Diario de Arousa, cun  titular a 5 columnas: “A Presidenta Adán visita o Salnés” e un feixe de fotos: na adega Valdamor, no Miradoiro de San Cibrán en Covas, nun furancho de Tremoedo, e baixando unha mirinda no merendeiro dos muíños da Armenteira. O Taberneiro debeu ver o abraio nos meus ollos e botouse a falar: “Aí a tes ... a que da gusto mirala? ... A nosa Indira Gandhi, ou Margaret Thatcher, ou Angela Merkel, ou Dilma Russeff ou quen ti queiras ... agora xa estamos á altura de calquera!” Eu non sabía xa que raios dicir. Pero onde estaba eu cando todo isto pasou? E como demos chegou a pasar sen eu decatarme? Porque unha cousa é que eu desexara que Carme fora candidata á Presidencia e outra moi distinta que a maioría do Bloque pensara o mesmo; e xa unha carambola de meigas, trasnos e bruxas, que sendo case imposible o seu nomeamento como candidata, aínda por riba se fixera coas chaves dos pendellos de Monte Pío.

Con pullas, arrodeos e moita paciencia funlle sacando a lingua a pacer ao taberneiro. Resulta que nas primarias nacionalistas polarizárase tanto o voto entre os duros e mailos brandos que, por medo a outra escisión mais, decidiron uns e mailos outros queimar un candidato provisional que lle caera mal aos dous bandos e así librarse del coa escusa do mais ca probable fracaso electoral. E todos miraron a Carme: muller, abondo preparada e ben feita, un refugallo daquel nefasto quintanismo que tanto dano causara nas tropas de Breogán. Intentei sacarlle os nomes dos candidatos duro e brando; pero nada, ou xa se esquecera ou non o lembraba ou non mo quixo dicir. “Boh, a historia de sempre ... mira, vouche dicir ...  para min o Bloque é unha especie de trebello aerostático e xa sabes, se colle peso baixa cara terra e se solta lastre sobe cara o ceo ... e claro, uns pensan que é bo ir cara o ceo e outros que cara a terra e moitos outros están aí colgados no aire mirando de non caer ao chan ... pero que che vou contar a ti que xa non saibas ...” Coná!, exclamei sorprendido e un chisco asustado pola comparanza, que nunca tal oíra.

Que resulta que nas augas revoltas do 2016, con Rajoy xa facendo cestos nas beiras do Umia, Feijoo gañou as eleccións sen maioría absoluta, e contra todo prognóstico asisado, o retrato de Carme Adán foi mais votado ca o do PSOE, o de AGE, o de PODEMOS ... E como non podía ser doutro xeito (que se di agora moito), os perdedores axuntáronse, repartiron Consellarías e para grande ledicia de mulleres, cativos e homes con gusto, nomearon 1ª Presidenta da Xunta de Galiza a Dona Carme Adán Villamarín, para grande ledicia de mulleres, cativos e homes con gusto. “E así foi como che pasou, cuarta arriba cuarta abaixo e ás carreiras... pero ti xa o sabías, non sei para que cho conto .. Póñoche outro sol e sombra?”

Mireino aos ollos durante un anaco, coma se non entendera ben o que me dixera ou buscara as palabras para contestarlle. Despois, baixei a mirada á portada do xornal. “Non, deixa a cousa así ... Non vaia ser que esperte ...”, díxenlle, deixando caer as palabras.  “Que esperte quen?” “O dinosauro”, contesteille mirando a borra que deixara o licor no cu da copa.

Agora foi o taberneiro quen agrandou os ollos cara min.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.