Solta de pombas, lectura de mensaxes, murais, cancións... Incontables actividades sucédense cada 30 de xaneiro nos centros educativos de Galicia e do mundo para conmemorar o Día Escolar da Non Violencia e a Paz. Como é sabido, a data desta celebración coincide coa do asasinato en 1948 do líder pacifista Mahatma Gandhi en Nova Delhi (India).
O Día da Paz foi lanzado no Estado español en 1964 polo inspector de educación mallorquino Llorenç Vidal, quen o describiu coma “unha semente de non violencia e paz depositada na mente e no corazón subconsciente dos educandos e, a través deles, na sociedade”. Trátase dunha iniciativa pioneira de Educación para a Paz, en época de ditadura, á que se foron sumando cada vez máis escolas e máis países, ata o punto de que en 1993 foi recoñecido e recomendado pola Unesco.
As administracións públicas temos a responsabilidade de favorecer a convivencia harmónica e a resolución pacífica de conflitos, de aí que moitos concellos esteamos a apoiar ás escolas na conmemoración do Día da Paz. Así o facemos en Poio, socio ademais do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, colaborando con centros de educación infantil, primaria e secundaria nun amplo programa de actividades para “inventar a vacina da paz”.
Aproveitando que a Organización Mundial da Saúde (OMS) declarou o 2020 Ano Internacional da Enfermería e a Parteira, e que o CEIP Isadora Riestra é unha Escola Asociada da Unesco que este ano está a traballar sobre Isabel Zendal, decidimos vincular ás accións do 30 de xaneiro á figura desta enfermeira coruñesa que en 1803 formou parte nunha expedición esencial para acabar co azoute da varíola nas colonias españolas de América e das Filipinas. Ela foi a única muller que participou nesta histórica xesta, asistindo aos 21 nenos recollidos en casas de expósitos que portaron a vacina nos seus propios corpos.
A día de hoxe moitas doenzas están erradicadas grazas á prevención, pero na actualidade persisten outro tipo de enfermidades, como as que provoca a carencia dunha vida pacífica. Por iso o alumnado do Concello de Poio ten a misión de atopar a vacina da paz, para o que deberá buscar un nome, especificar os compoñentes, as doses... Todos eses antídotos irán metidos nun cofre que viaxará polo mundo a bordo dun barco pesqueiro para facelos chegar a todos os recunchos. Ademais, a rapazada prepara pancartas, poemas, coreografías, etc. que compartirán nun gran acto con toda a comunidade educativa.
Trátase dun novidoso xeito de traballar arredor dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible impulsados por Nacións Unidas e asumidos tamén como folla de ruta polo Fondo Galego. Concretamente, incídese no número 3, que promove a saúde e o benestar, e no número 16, que avoga pola paz, a xustiza e as institucións sólidas. Deste xeito, o ODS 16 vai moito máis alá de evitar as guerras, e establece que o acceso á xustiza ha de ser universal e que as institucións deben ser responsables, polo que resulta necesario acabar coa corrupción existente no poder xudicial e a policía de moitos países. Ademais, cómpre pór fin á violencia, o tráfico de armas e a delincuencia organizada. Así mesmo, as nenas e nenos teñen dereito a seren rexistrados ao nacer e débense protexer as liberdades fundamentais de todas as persoas.
Son metas moi ambiciosas, pero todas e todos podemos contribuír á creación dunha sociedade pacífica e inclusiva, na que non teñan cabida as agresións nin a discriminación. O Día Escolar da Non Violencia e a Paz pode ser unha boa data para facer visible esa pequena achega.