Hai escritores que se toman en serio o principio cuarto das NOMIG que di: «[…]. Para o arrequecemento do léxico culto, nomeadamente no referido aos ámbitos científico e técnico, o portugués será considerado recurso fundamental, sempre que esta adopción non for contraria ás características estruturais do galego. […]» ; aínda que, ende mal, non son moitos e vemos decontino como o hábito de leitura en castelán se infiltra nos textos galegos, onde o recurso da consulta de dicionarios galegos parece ser unha opción desapreciada ou mesmo descoñecida, facendo que estes textos sexan na maioría das veces unhas meras copias da estilística castelá.
Fraseloxía e locucións traducidas do castelán, e vocabulario –aquí coa inestimábel axuda da RAG– calcado da nosa lingua asoballante inzan os nosos textos convertendo a nosa lingua nunha sorte de “patois” rexional con status oficial, por agora, e dereito á escritura. E todo por renunciarmos á simple e doada posibilidade de fornecermos e mirármonos no espello do portugués.
Non obstante, como dixen ao primeiro, hai escritores que non renuncian a un galego dignificado, como Vítor Vaqueiro, que tanto no seu último libro: “Ensaios sobre o efémero. Sobre o tempo e a noite” (ed. Galaxia, 2015), coma nos anteriores, segue a perseverar na procura dun léxico descastelanizado que nos liga co idioma irmán.
Usa tanto as opcións recolleitas no dicionario da RAG que nos aproximan ao portugués: atinxir, sufixo –bel/-beis, se callar, lonxincuo, seguranza etc.
Coma outro léxico non recolleito no dicionario oficial, pro si no moito máis completo dicionário Estraviz, que cumpre co principio cuarto das NOMIG, sinalado no primeiro parágrafo deste texto: bairro, bigode, carregar, cauda, cotón, descer, evoluír, leitura, meio e meados, meiodía, nau, nódoa, percurso, ponto, preto (= negro), progredir, raiba, selvaxe, soberbo etc.
Eu, particularmente, como leitor habitual en galego e amador da nosa lingua, agradezo o seu labor.