Coincidindo coa celebración dos Diálogos Internacionais Humboldt, deuse a coñecer unha biografía do filántropo coruñés Eusebio da Guarda (1824-1897), acompañada dunha entrevista nun diario local que en gran medida puña en dúbida algunhas das ideas que se desenvolveron nos Diálogos
Estes días pasados estivéronse a celebrar no Castelo de Santa Cruz (Oleiros, A Coruña) e organizadas polo CEIDA e a Autoridade Portuaria coruñesa os Diálogos Internacionais Humboldt, que cada ano se dedican á memoria do ilustre científico e naturalista prusiano, de relevante pegada na Coruña, como ten amosado Xosé Antón Fraga neste mesmo medio. Unha das seccións levaba un título moi xenérico, Coñecendo a Humboldt, e centrouse sobre todo no asunto do tráfico de escravizados, con unha intervención do historiador alemán Michael Zeuske e outra miña.
Coincidindo coa celebración devandita, deuse a coñecer na cidade herculina unha biografía do filántropo coruñés Eusebio da Guarda (1824-1897), acompañada dunha entrevista nun diario local que en gran medida puña en dúbida algunhas das ideas que se desenvolveron nos Diálogos. Por iso, creo que convén facer algunhas matizacións, pois o tema da trata de escravizados en Galicia, e nomeadamente na Coruña, foi unha actividade que tivo unha especial relevancia, sobre todo na primeira metade do século XIX.
O tema da trata de escravizados en Galicia, e nomeadamente na Coruña, foi unha actividade que tivo unha especial relevancia, sobre todo na primeira metade do século XIX
Eusebio da Guarda é coñecido polos seus xestos filantrópicos que incluíron entre outras a creación dun instituto de ensino secundario que leva o seu nome, un mercado de abastos, a reedificación da capela dos antigos mareantes coruñeses (coñecida agora como Capela Castrense) e unha fermosa fonte na cidade alta nun tempo en que as augas que bebían os coruñeses procedían sobre todo de pozos sobre os que non existía un maior control sanitario. Loables iniciativas, porén que non deberían agachar outras que tamén levou a cabo, a non ser que se pretenda construír unha biografía parcial. En xeral, os que escriben sobre o noso filántropo fano sen contextualizar a súa figura e insisten, entre outras inexactitudes, en que xamais se lucrou coa trata de escravizados, algo pouco común entre os homes de negocios galegos nos anos que van do final do Tratado de Viena (1814) ata mediados de século e que recorda aquel dito latino de “excusatio non petita, acusatio manifestat”. Pero a evidencia que deixan entrever os datos (sobre todo os que se gardan en arquivos británicos e cubanos) non concordan con aquela afirmación, como veremos deseguida.
A dimensión do tráfico de escravizados
En xeral, os que escriben sobre o noso filántropo fano sen contextualizar a súa figura e insisten, entre outras inexactitudes, en que xamais se lucrou coa trata de escravizados
Dereita ou indirectamente, a trata de escravizados foi o negocio comercial internacional máis importante de boa parte do século XVIII y a primeira metade do XIX. Calcúlase polo baixo que as potencias europeas, en especial Portugal, Gran Bretaña, Francia e o Reino de España, introduciron en América uns 12 millóns de africanos, case todos neste período, para traballar nas plantacións de azucre, café, algodón e tabaco. A Gran Bretaña, forzada en parte pola opinión pública anti-escravista e tamén polo feito de que o seu maior mercado de materias primas e de produtos elaborados non estaba xa en América se non en Asia, prohibiu no parlamento en 1807 o comercio de seres humanos na metrópole e nas súas colonias, nun contexto moi británico en que se dan a man as razóns de tipo humanitario coas de rendibilidade económica.
Trala derrota napoleónica, o Tratado de Viena estableceu unha nova orde mundial liderada pola Gran Bretaña, que forzou ás potencias europeas a que puxeran fin á trata de escravizados.
Case coincidindo con esta prohibición, os Borbóns españois decretaran en 1789 a liberdade do comercio de escravizados nos seus territorios americanos, maiormente nas Antillas (Cuba e Puerto Rico) e no vicerreinado de Nova Granada (parte do istmo de Panamá e das actuais Venezuela, Colombia e Ecuador). Eran lugares onde predominaban os cultivos que temos sinalado, que cada vez máis deixaran de ser un produto de consumo suntuario para converterse nunha mercadoría para toda clase de grupos sociais. Mais o decreto tivo escasa incidencia polas guerras de fin de século (que eran sobre todo conflitos no mar e interrompían o comercio internacional) e a invasión francesa da Península Ibérica. Trala derrota napoleónica, o Tratado de Viena estableceu unha nova orde mundial liderada pola Gran Bretaña, que forzou ás potencias europeas a que puxeran fin á trata de escravizados. De ese xeito, asinou acordos con Portugal (1810), Suecia, Francia e España (1817), entre outros países que se comprometían a deixar esas prácticas.
A partir de 1821, cando finou a prórroga que toleraran os británicos, as viaxes foron aínda máis rendíbeis, pois o risco de captura por parte dos navíos británicos do West Africa Squadron que vixiaban as costas africanas fixo que subiran os prezos dos seguros, dos capitais e das tripulacións, pero con eles aumentaba a marxe de ganancia no produto final
O tratado asinado polo Reino de España, que adiaba ata 1820 a prohibición de comerciar ao sur da liña ecuatorial, foi o que aguilloou aos homes de negocios galegos (pero tamén doutras procedencias peninsulares), empobrecidos polas guerras de fin de século, que os privaron do tráfico coas colonias americanas, a embarcarse nas actividades da trata de escravizados e armar e fretar navíos con destino ao sur do Golfo de Guinea. O negocio era óptimo, pois unha soia viaxe aseguraba proveitos extraordinarios na Habana trala venda dos vultos ou pezas –eran os eufemismos cos que se coñecían os africanos capturados no barallete escravista–, cun marxe de ganancia que podía alcanzar o 400%. O maior atranco era o descoñecemento do oficio, pero resolvérono ao contratar tripulacións inglesas e francesas, mercar barcos axeitados nas poxas de Liverpool ou nos estaleiros de Nantes e negociar cos factores (bongos) que entremediaban entre caciques africanos e escravistas europeos. A partir de 1821, cando finou a prórroga que toleraran os británicos, as viaxes foron aínda máis rendíbeis, pois o risco de captura por parte dos navíos británicos do West Africa Squadron que vixiaban as costas africanas fixo que subiran os prezos dos seguros, dos capitais e das tripulacións, pero con eles aumentaba a marxe de ganancia no produto final. Moitas das empresas galegas que se dedicaban á trata puxeron axentes en Cuba, o gran centro de toma de decisións.
Moitas das empresas galegas que se dedicaban á trata puxeron axentes en Cuba, o gran centro de toma de decisións. Un destes axentes foi Juan Francisco Menéndez, nacido na Coruña e de pais asturianos
Un destes axentes foi Juan Francisco Menéndez, nacido na Coruña e de pais asturianos, atraídos polas oportunidades que brindaba o maior dos portos habilitados en Galicia para comerciar coas colonias americanas. Como teño sinalado, as guerras de finais do século XVIII, tronzaron as expectativas de negocio, pero o éxito obtido polo tráfico de escravizados na cidade nas décadas de 1810 e 1820 estimulou a moitos empresarios a poñer un pe na Habana. E para alá se foi en 1822, con 22 anos, o mozo Menéndez –como foron tantos outros pola mesma razón, entre eles os fillos do ferrolán Francisco Félix Pla, de berce catalá–, que en poucos tempo fixo unha fortuna de consideración.
As dificultades que de xeito paulatino foron encontrando os escravistas para continuar a súa actividade –as denuncias dos cónsules ingleses na Habana, a propia opinión pública na Península– ocasionaron un declive importante do negocio da trata
Segundo fontes británicas, a só dous anos de chegar, Menéndez fretou o bergantín Teresa que cargou en África 273 escravizados e volveu á Habana con 250. O resto morreu na travesía. En 1825 recuncou co bergantín Isabel, que puxo proa ás factorías portuguesas de Galinhas e tornou con 49 escravizados á Habana. O capitán do barco era Pedro Blanco, o tristemente coñecido bongo gaditano obxecto de máis dunha biografía. En 1828, 1830 e 1834 as fontes aludidas recollen outros tantos navíos dirixidos a África (goleta Tránsito e bergantíns Coruñés e El Volador), cun número cada vez máis crecido de capturas, o que xa lle permitiu administrar unha fortuna de consideración. Menéndez mesturaba o negocio legal e o ilegal. O ilegal serviulle para acadar un achegamento ás maiores casas de tráfico de escravizados da Habana neses intres (os Lombillo e os Suárez Argudín) e para tecer unha ampla rede de complicidades que resultou fundamental para coñecer oportunidades de negocios legais. Casou en 1833 con Modesta Goicouría, filla dun rico propietario de enxeños vasco establecido na Habana e irmá do patriota cubano, Domingo, que morreu mais adiante agarrotado polos españois no contexto da Guerra dos Dez Anos (1868-1878). Sen embargo, as dificultades que de xeito paulatino foron encontrando os escravistas para continuar a súa actividade –as denuncias dos cónsules ingleses na Habana, a propia opinión pública na Península– ocasionaron un declive importante do negocio da trata.
Juan Francisco Menéndez converteuse desde entón nun cidadán honorable e exemplar, militante do partido moderado e ben relacionado con Nicomedes-Pastor Díaz, o seu valedor político.
Así, en 1834, un barco de Menéndez, El Vigilante, de 288 toneladas, do que se conserva unha información de considerable valor, os seus catro cadernos de bitácora, foi aprendido en África. Grazas a eles podemos reconstruír polo miúdo os seus movementos, que xa non era daquela soamente un comercio triangular (América-África-Europa), senón de moita maior complexidade en gran medida para despistar aos cruceiros británicos de vixilancia. Saíu en xuño do porto herculino e un mes máis tarde arribou á Habana, onde vendeu as súas mercadorías para levar áncoras de novo para á Coruña con produtos coloniais. Unha avaría deu con el contra as costas de Terranova en agosto. En setembro puido alcanzar o seu destino e en outubro se detivo en Lisboa. Na capital lusitana vendeuse falsamente a un tal Antonio José de Oliveira Chambica en 5 contos e 750 mil reis. Alí trocou o seu nome polo de Bragança e enrolou tripulación portuguesa para acochar a súa matrícula española. Eran barcos coñecidos no barallete mariñeiro como falsos portugueses, pero consta que os seus aseguradores eran empresarios os coruñeses Juan Menéndez, Francisco Galcerán, Andrés Garrido e Francisco Arias. De alá partiu en lastre para Bordeos. Regresou novamente por unha avaría á cidade herculina, pero en xaneiro de 1839 puxo proa a São Tomé, no golfo de Guinea, con escala en Lagos, a por unha carga de africanos, onde foi detido polo Squadron da Royal Navy, xulgado e condenado.
Menéndez faleceu en 1851 e de inmediato ocupou a dirección das súas empresas o seu home de confianza, Eusebio da Guarda
Das oito viaxes realizadas polo navío El Vigilante, despois o falso portugués Bragança, só dous tiveron que ver coa trata de escravizados, o que indica xa os niveis de diversificación do negocio. A captura do Bragança debeu resultar unha amoestación para Menéndez porque non figura xa nas fontes inglesas maior información sobre a súa andaina de escravista. Menéndez regresou a Galicia e estableceuse na Coruña en 1837, pero proseguiu aínda con vencellos na trata que combinou con actividades navieiras. Pola contra, na Habana quedou o seu irmán Gregorio ao cargo da empresa (Menéndez, Mendie y Cia), do enxeño azucreiro El Desengaño e dun cafeal preto de Cayo Piedra. Os cafeais, situados moitos deles na beiramar, eran os lugares preferidos pola súa discreta situación para o desembarco clandestino de escravizados despois da prohibición do tráfico en 1821. Por outra banda, para a distribución internacional de coloniais colocou en París a seu outro irmán, Baltasar.
Juan Francisco Menéndez converteuse desde entón nun cidadán honorable e exemplar, militante do partido moderado e ben relacionado con Nicomedes-Pastor Díaz, o seu valedor político. En 1840, a súa era a maior fortuna da Coruña como asegura o censo de contribuíntes dese ano. Vicepresidente da Junta Provincial de Comercio entre 1843 e 1847 e alcalde da cidade en 1844, Menéndez presentouse ese mesmo ano ás eleccións ao congreso e a ao senado con pouca fortuna. Non obstante, un real decreto firmado pola raíña en 1847 nomeouno senador vitalicio. Os cargos comerciais e políticos déronlle acceso a información privilexiada, de modo que figurou como o maior mercador de bens desamortizados en Galicia, onde se fixo con rendas e propiedades nas contornas de Muxía, Camariñas, Dumbría, Cee e Fisterra. Os seus negocios en Galicia basculan entre a banca e os seguros, as inversións industriais –fábricas de vidro– e a actividade navieira (transporte de emigrantes a Cuba). Menéndez faleceu en 1851 e de inmediato ocupou a dirección das súas empresas o seu home de confianza, Eusebio da Guarda.
Quen foi en realidade o señor Da Guarda?
Da Guarda, ademais de piloto, falaba portugués, o que resultaba fundamental para os buques españois que se armaban como falsos portugueses para burlar o asexo dos cruceiros británicos do African Squadron
E así volvemos ao comezo. Eusebio era fillo dun emigrante portugués de Trás-os-Montes, na raia con Ourense, que fixo fortuna na cidade herculina como zapateiro das elites locais ata o punto de poder dar estudos a algúns dos seus fillos. Non desexo repetir aquí o que se ten escrito sobre o noso home e remítome a biografía de Antonio Meijide Pardo, a que me merece máis consideración. Soamente quixera engadir tres cousas. Unha delas fai referencia á súa capacitación profesional como habilitado na mariña civil tras superar os estudos de Náutica na escola da Coruña e que o capacitaba para pilotar navíos. De feito, ingresou en 1843 na mariña mercante co nomeamento de “terceiro piloto”. Esta titulación resultaríalle decisiva para achegarse aos arredores das empresas de Juan Francisco Menéndez, que xa se atopaba na Coruña regresado da Habana. Da Guarda, ademais de piloto, falaba portugués, o que resultaba fundamental para os buques españois que se armaban como falsos portugueses para burlar o asexo dos cruceiros británicos do African Squadron. De feito, figura sómente co apelido como capitán dun buque da trata, o falso bergantín portugués nomeado Constante Amizade, capturado polos británicos, do que non temos moitos máis datos.
En 1852, o ano da morte de Menéndez, compartiu o cargo de apoderado dos negocios da casa con Baltasar Menéndez e só dous anos despois casou coa viúva, Modesta Goicouría, para continuar as transaccións mercantís coa firma Viuda de Juan Menéndez
Non sabemos con exactitude a data do ingreso de Da Guarda nas empresas de Menéndez, pero a finais dos anos corenta era xa o administrativo de confianza da familia. En 1852, o ano da morte de Menéndez, compartiu o cargo de apoderado dos negocios da casa con Baltasar Menéndez e só dous anos despois casou coa viúva, Modesta Goicouría, para continuar as transaccións mercantís coa firma Viuda de Juan Menéndez. Para o seu biógrafo de referencia, foron múltiplas as súas actividades económicas. En primeiro lugar, como fretador e armador de buques cara as colonias americanas, unha ocupación na que superou ao propio Menéndez. Salientou tamén polas contratas operadas co goberno, como o transporte de alimentos a portos de Galicia e Ultramar, de tabaco en rama á fábrica da Palloza e de condución de tropas a Cuba, Puerto Rico e Filipinas. Foi tamén accionista de empresas singulares, como a Compañía de Tabacos de Filipinas, a Compañía Transatlántica e, por último, converteuse nun dos grandes banqueiros da cidade herculina e de Galicia. Todos estes negocios invitan a pensar que Da Guarda foi especialmente seleccionado polo seu coñecemento da empresa familiar para branquear as actividades ilegais que o defunto Menéndez aínda mantiña en Cuba. Sobre todo o peche do da trata de escravizados, tralos atrancos da nova lexislación emanada das leis de 1845 que aplicaban o código penal aos transgresores. En conxunto, Da Guarda constitúe o paradigma do traficante galego que abandona as actividades ilegais e inviste nas relacionadas co transporte marítimo e sobre todo na banca.
Da Guarda constitúe o paradigma do traficante galego que abandona as actividades ilegais e inviste nas relacionadas co transporte marítimo e sobre todo na banca
Da Guarda, como a súa dona, foron tamén grandes filántropos, unha figura que no século XIX foi asumida por moitos dos grandes traficantes de escravizados, o que para os estudosos da trata constitúe un indicador da súa propia existencia. Coñecemos sobradamente os casos de Antonio López, marqués de Comillas, ou de Eusebi Güell, o valedor do arquitecto Gaudí, só por sinalar dous dos casos de máis sona. O noso portugués e a súa dona tamén salientaron na construción de obras filantrópicas, como xa teño sinalado máis arriba, entre elas os centros de ensino, o mercado e a reedificación da capela de San Andrés. Diante deste insospeitado vendaval de boas obras, a pregunta que cabe formularse é a seguinte: ¿a que razóns obedecía ese altruísmo, impropio de persoas que sometían a outras a monstruosa escravitude pola simple finalidade de enriquecérense, e querer converterse ao final dos seus días en homes de ben? Remordementos? Querer manifestar a súa prepotencia aos seus paisanos como indianos triunfadores? Existían razóns doutra condición?
Da Guarda, como a súa dona, foron tamén grandes filántropos, unha figura que no século XIX foi asumida por moitos dos grandes traficantes de escravizados, o que para os estudosos da trata constitúe un indicador da súa propia existencia
Para contestar a estas preguntas só hai que chamar ás portas do mesmo Vaticano. O día 3 de novembro de 1839, o papa Gregorio XVI fixo publicar a carta apostólica In Supremo apostolatus factigio na que condenaba e excomungaba aos que practican a trata de escravizados. Non me resisto a transcribir un pequeno parágrafo da carta no que di: “pois se ben é verdade que o tráfico de negros ten sido abolido nalgures, tamén é certo que aínda se segue a practicar nalgúns países que se chaman cristiáns. Polo mesmo e co fin de remediar tal vergoña […], en razón da nosa autoridade apostólica, reprobamos os devanditos actos como completamente indignos do nome de cristián, e pola nosa indicada autoridade prohibimos absolutamente e excomungamos a todo eclesiástico ou segrar que ouse manter como lícito o comercio de negros baixo calquera pretexto”.
Da Guarda e outros moitos traficantes de escravos como os Pla de Ferrol ou os Marcó del Pont da cidade olívica constituíron a punta do iceberg dun pasado odioso que os galegos non podemos esquecer
Moitos dos traficantes aludidos polo pontífice eran católicos e consta que algún deles practicaba de maneira sincera a relixión. Por iso, que a Igrexa –que sempre se manifestara con calculada ambigüidade sobre o problema da escravitude– condenase eses delitos que os enriqueceran, puido provocar en algún sentimentos encontrados. Por outra banda, o perdón do pecado de excomuñón só o concedía a más alta autoridade eclesiástica, o Papa, quen como penitencia para compensar o mal feito á sociedade ordenaba aos escravistas realizar unha reparación sobre os máis necesitados, os “pobres vergonzantes”, como manifestaban nos seus testamentos e legados. Así é como hai que interpretar gran parte dos comportamentos filantrópicos da segunda metade do século XIX nuns homes que nunca se tiñan distinguido anteriormente polo seu altruísmo, máis ben por todo o contrario. Da Guarda e outros moitos traficantes de escravos como os Pla de Ferrol ou os Marcó del Pont da cidade olívica constituíron a punta do iceberg dun pasado odioso que os galegos non podemos esquecer.