A propósito de Schmitt

Por que quen no seo do Partido Popular tiña imaxe de esquerdista, de toupa quintacolumnista, quen era atacado e aldraxado pola ultradereita que o acusaba de pusilánime... O ministro que parecía ía ofrecer o perfil máis baixo e moderado do executivo, actúa desde o primeiro día coma un hooligan rabioso e hiperideoloxizado? Quo vadis, Gallardón, fillo de Gallardón?

Un dos contos de fadas máis socorridos da Transición repetiunos durante décadas que Fraga Iribarne tivera o mérito de pacificar o ardor totalitario da vella garda franquista e atraela ao multipartidismo

Un dos contos de fadas máis socorridos da Transición repetiunos durante décadas que Fraga Iribarne tivera o mérito de pacificar o ardor totalitario da vella garda franquista e atraela ao multipartidismo, a constitución e o estado autonómico, as eleccións cada catro anos e o debate parlamentario: iso ao que lle chaman democracia e non o é. Ou si que o é, se cadra a democracia era iso e daquela o problema é outro.

Admitamos que cremos nos contos de fadas e de lobos e que o conto de Fraga fose así, que Alianza Popular e o Partido Popular canalizaron a ansia de amordazar as testemuñas e a conciencia republicana do golpe do 36, de silenciar a represión política, os crimes e asasinatos e o espolio por parte do aparato filofalanxista de toda a riqueza material e simbólica dos represaliados. Recoñezamos que o exministro de Franco os convenceu de que conviña matizar as formas. Non se trataba de retirar a mordaza, só que en vez de mordaza había que chamarlle reconciliación.

Non se trataba de retirar a mordaza, só que en vez de mordaza había que chamarlle reconciliación

Mesmo admitindo ese papel de apagalumes e envainasabres, non se debe esquecer que o aggiornamento foi estratéxico, que para esta xente a democracia era o peor, etimoloxicamente o goberno do demo. En moitos casos os mandos e a tropa franquista limitáronse a efectuar un cambio de estilo, arrecunchando a prosa de reconquista, de parte de guerra, e disimulando o amaneiramento de macho-alfa chaíñas con cara lavada, brillantina a presadas, lentes escuros e mostacho de pitiminí.

Aceptar a democracia era coma baixar a nun pozo de merda para colocar o barreno e, desde dentro, facelo saltar polos aires

Fraga Iribarne, o primeiro, non renunciou nunca ao seu pasado, cando non o reivindicou sen pudor, e os medios maioritarios colaboraron creándolle un personaxe de avó cascarrabias e incansábel traballador, chapado á antiga, certo, pero un home de Estado. Os feitos dinnos que para el e para os seus correlixionarios a nova democracia era un mal menor, coma un fillo adolescente que non os aturase pero co que tiñan que convivir. Aceptar a democracia era coma baixar a nun pozo de merda para colocar o barreno e, desde dentro, facelo saltar polos aires.

Para un fascista sen escrúpulos non hai problema en dicir que se acepta a legalidade porque, como escribira o seu admirado teórico Carl Schmitt, “as promesas obrigan pero o príncipe deixa de estar obrigado ao cumprimento da promesa, cando hai unha necesidade urxente... A facultade de derrogar as leis vixentes é o atributo máis xenuíno da soberanía”. Velaí porque o incumprimento sistemático da palabra dada polo PP e a burla da legalidade vixente son, polo menos desde a perspectiva dun pensador nazi, síntomas de bo goberno. “A autoridade e non a verdade é a que fai a lei”, escribira Hobbes.

“A soberanía”, dicía Carl Schmitt “consiste en decidir e determinar con carácter definitivo que son a orde e a seguridade pública e cando estas son violadas”

Estamos de cheo no terreo no que entrou a saco o ministro de xustiza coas súas reformas para criminalizar a protesta política, as manifestacións, a denuncia da violencia policial, a oposición aos desafiuzamentos, a ocupación de bancos ou fincas, a ameaza de facer caer responsabilidades penais sobre partidos políticos minoritarios e sindicatos... “A soberanía”, dicía Carl Schmitt “consiste en decidir e determinar con carácter definitivo que son a orde e a seguridade pública e cando estas son violadas”. E engadía que “fronte ao caso extremo... requírese a suspensión total da orde xurídica vixente: O Estado subsiste, o dereito pasa a segundo termo”.

Nas vésperas da chegada de Hitler ao Reichstag podíanse dicir estas cousas. Hoxe precísanse informes xurídicos e tribunais de apelación amigos, o Estado debe botar man da legalidade para botar abaixo o estado de dereito, e bótao abaixo sometendo a norma, e o sometemento á norma dos poderes públicos... á excepción, e ao estado de excepción que desborda e suspende a norma. Sen a colaboración da norma legal e da linguaxe isto veríase como violencia pura.

Non se prohiben as manifestacións, regúlase o uso do espazo público. Non se castiga a filmación da violencia policial, protéxese a integridade das forzas da orde

Non se prohiben as manifestacións, regúlase o uso do espazo público. Non se castiga a filmación da violencia policial, protéxese a integridade das forzas da orde. A xente que se manifesta fronte ao Congreso non protesta contra a usurpación da representatividade para adoptar medidas crueis contra os que menos teñen, son golpistas que atentan contra a institución máis sagrada. A un dos comandos máis radicais da extrema dereita cualifícano de “sindicato” e chámanlle Manos limpias. Coa axuda da linguaxe e dun dereito que lle pon límites á súa propia validez, a violencia vístese de democracia e os demócratas convértense en terroristas violentos que atentan contra a convivencia pacífica e as liberdades fundamentais.  

Os axiomas fundamentais da política eran para Carl Schmitt a disxuntiva amigo-inimigo, sen posibilidade de entendemento real ou reconciliación, e a idea de que en situacións extremas a decisión forte prevalecía sobre a norma, de maneira que o proceder do executivo pasaba a ser inapelábel: todo goberno é unha ditadura e non hai nada de malo niso. Esa era unha luva perfecta para a man do franquismo. Hoxe as guías ideolóxicas do Opus Dei e o Movemento Nacional, deron paso á síntese que no PP supón a figura paterna de Aznar e o fascismo ilustrado de FAES. É esta ONG do totalitarismo a que levanta as lebres dos novos inimigos. Os cazadores e os cans de caza do partido queiman a cara coa pólvora a perdigonazos en busca de premios que ofrendar a ese pai do Antigo Testamento con bigote que a goza co cheiro do napalm ao amencer.

Hoxe as guías ideolóxicas do Opus Dei e o Movemento Nacional, deron paso á síntese que no PP supón a figura paterna de Aznar e o fascismo ilustrado de FAES

O Opus e o Movemento impoñíanse como unha forza superior, mítica, causando un medo irracional, sen necesidade de alzar a voz ou de facer nada para demostrar a súa supremacía. Pola contra a FAES promove un marco de lexitimación teórico e coordina un activismo constante, capilarizado, multidisciplinar, e difunde un medo que aos membros da seita os convence de que se deixan de atacar inimigos, eles mesmos van acabar convertidos nas novas bruxas para alimentar fogueiras. E aí está o ministro dos xuíces, apuntando cara a esquerda e disparando cos ollos pechados, criminalizando as mulleres, impedindo o acceso á xustiza dos máis pobres, calzando con vaselina a cadea perpetua e desmontando a democracia desde dentro á espera de ser ordenado cabaleiro e aspirante ao trono pola espada flamíxera do seu Pai Aznar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.