A historia da Igrexa en España pódese ler en fascículos, como a crónica dunha hexemonía inmobiliaria onde a fe serviu de ferramenta para o espolio
A historia da Igrexa en España pódese ler en fascículos, como a crónica dunha hexemonía inmobiliaria onde a fe serviu de ferramenta para o espolio. A xerarquía tivo a amabilidade de poñer en orde o que o pobo deixou sen rexistrar, minguándolle o terreo ao espírito coa punta da pluma estilográfica. Deste xeito, a mitra trancou a porta á vella proclama de Castelao: para que a nosa terra volvese ser nosa o día que Galicia fose dona de si mesma, o prelado entendeu que esa soberanía debía pasar primeiro polo Rexistro da Propiedade.
Mentres a un veciño calquera de Ribadeo, por exemplo, lle esixirían títulos imposibles, ao abeiro da lei franquista de 1946 o prelado ostentaba a condición de notario público e a súa palabra ía á misa. Había que pagar o compromiso da Sagrada Institución coa Cruzada Nacional. De “pura casualidade”, o tempo demostrou que aquel pago non era en diferido, senón unha renda perpetua. A reforma de Aznar en 1998 veu confirmar que o franquismo segue vivo no fundamental, limitándose a mudar o paso de carga pola calma do rexistrador, para que o espolio non perdese o ritmo.
O Espírito Santo operou neste caso unha perversa transubstanciación: mudou a inspiración divina polas medicións catastrais. Este prodixio sacro permitiu que a Igrexa incorporase ao seu haber decenas de miles de bens entre 1998 e 2015. O valor deste patrimonio é incalculable, pero algunhas proxeccións sitúan o impacto económico en arredor de 25.000 millóns de euros. A institución valeuse das chaves dos vellos arquivos para fabricar unha verdade legal á súa medida antes de que o Estado tivese onde caer morto.
En Galicia, ese milagre administrativo acércase aos 10.000 bens inmatriculados, transformando os eidos dos abades en activos de alta rendibilidade: desde o alugueiro para parques eólicos ou adegas de alta prosapia ata a plantación de aguacates
En Galicia, ese milagre administrativo acércase aos 10.000 bens inmatriculados, transformando os eidos dos abades en activos de alta rendibilidade: desde o alugueiro para parques eólicos ou adegas de alta prosapia ata a plantación de aguacates. Esta xeografía do espolio conta con fitos que falan por si sós. Na histórica Ribadavia, o misticismo cedeu o paso ante a nova deidade do mercado por unha vía de carambola: a igrexa de Santa Magdalena acabou protagonizando o esperpento de converterse nun anuncio máis no portal inmobiliario Idealista. Alí, o templo saíu a poxa como quen desconsagra o altar para axeonllarse ante unha mercadoría calquera.
O drama non é só a voracidade inmatriculadora actual, senón a alienación definitiva do patrimonio: cando a fe se retira e o público non vixía, o que foi sagrado remata como un "activo singular" a golpe de clic, confirmando que onde antes moraban os evanxeos, hoxe vive o neoliberal mercado de valores. Todo este inmenso parque inmobiliario goza, ademais, dunha "bendición" fiscal permanente, inaccesible aos mortais do común: a Igrexa aforra entre 2.000 e 2.500 millóns de euros ao ano grazas á exención do IBI, un privilexio que asenta este modelo de negocio sobre o silencio tributario.
Neste proceso, o uso do latín e do castelán axudou a que a terra cambiase de mans sen facer ruído. A xerarquía operou en Galicia como o principal axente de aculturación. Como diría Ánxel Fole: “o lobo é un bicho de moito sentido; pero o crego, cando quere ser lobo, é moito peor, porque sabe latín”.
A Igrexa impuxo unha liturxia en estraño para que o pobo fose perdendo a propiedade da palabra antes de perder a da terra. Relegar o galego ao adro e ao sacho foi outro moderno milagre de invisibilidade: primeiro logrouse que a lingua propia non fose digna do Señor Deus para que agora sexa máis doado convencer ao veciño de que as escrituras tampouco son súas.
Parece que nos enfrontamos á Apocalipse bíblica. Haberá oficinas do Rexistro da Propiedade? De habelas, seguro que estará M. Punto Rajoy á fronte. Estou certo de que así será. Amén.