A proposta de Rufián

Gabriel Rufián CC-BY-SA Saül Gordillo

No ámbito do independentismo catalán nunca se tiña postulado a comenencia de acometer unha alianza con forzas ubicadas noutros territorios para concorrer a uns futuros comicios ás Cortes do Estado

A proposta realizada por Gabriel Rufián nas últimas semanas, presenta diversos ángulos analíticos posíbeis. En primeiro lugar, estamos ante unha iniciativa publicitada por unha -ou varias- persoas de ERC pero que non vincula oficialmente a esta organización. Resulta, certamente, chamativa esta circunstancia por canto se constata un desequilibrio entre a relevancia do que se formula e a inhibición -ou mesmo o rexeitamento- da formación independentista involucrada.

Unha segunda consideración que cabe facer é que nos atopamos ante unha proposta novidosa no panorama político estatal. No ámbito do independentismo catalán nunca se tiña postulado a comenencia de acometer unha alianza con forzas ubicadas noutros territorios para concorrer a uns futuros comicios ás Cortes do Estado. É sabido que unicamente existiron acordos -os mais recentes entre BNG, ERC e Bildu- para comparecer nas eleccións ao Parlamento europeo. Mais aínda: nos momentos mais conflitivos da crise política vivida en Cataluña arredor da declaración unilateral de independencia formulada no ano 2017, o independentismo catalán non adoptou iniciativas concretas tendentes a formalizar unha acción conxunta con aquelas formacións que defendían posicións diferentes ás que encarnaban, daquela, o PP e o PSOE.

Pódese falar, pois, de que estamos ante unha mudanza -por parte dun sector do independentismo catalán organizado- no xeito de concibir a relación con outros sectores políticos actuantes en distintos ámbitos territoriais do Estado español. Están operando, seguramente, dúas circunstancias relevantes que explican esta novidade: a perda de influenza electoral das forzas que defenden a creación dun Estado catalán independente e a evidente ameaza dun futuro goberno estatal de coalición do PP con Vox, derivado dos resultados que aparecen na maioría dos inquéritos que se están publicando.

Unha parte dos potenciais protagonistas que poderían efectivizar a devandita proposta manteñen importantes reticencias a respecto da pertinencia dese escenario e, ademais, non fica asegurada a rendibilidade estritamente electoral de semellante operación

Hai unha terceira perspectiva que se pode contemplar: que nivel de viabilidade ten esta proposta de Rufián? A resposta, polo momento, non admite moitas dúbidas: practicamente ningunha. Fundamentalmente por dúas razóns: porque unha parte dos potenciais protagonistas que poderían efectivizar a devandita proposta manteñen importantes reticencias a respecto da pertinencia dese escenario e porque, ademais, non fica asegurada a rendibilidade estritamente electoral de semellante operación por mor das propias características do reparto provincial dos escanos e do sistema de conversión dos votos en deputados e deputadas.

Poren, o prantexamento do deputado de ERC permite colocar o foco da atención pública nunha cuestión de evidente transcendencia: o desencontro que veñen mantendo -dende 2023- Sumar e Podemos a respecto dunha eventual converxencia electoral. Se alguén busca unha explicación de semellante realidade na envergadura das diferenza programáticas entre ambas formacións non atopará base suficiente para acreditar na verosimilitude racional de tal disenso. Os motivos están no territorio das "contas pendentes" acumuladas entre colegas e compañeiros de partido que non foron quen de solventar en beneficio da teórica causa común que abandeiraron durante moitos anos.

Se finalmente se confirma a non comparecencia conxunta de Sumar e Podemos, diminuirían as posibilidades do mantemento da actual -e precaria- maioría parlamentar que propiciou a investidura de Sánchez hai agora dous anos. A menos que teña lugar unha poderosa corrente de "voto útil" en favor das candidaturas do Partido Socialista liderado por Pedro Sánchez que neutralice os efectos aritméticos adversos que se rexistrarían en moitas circunscricións electorais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.