A quen beneficia a recentralización?

Ninguén pode xa dubidar da axenda recentralizadora do PP. Velaí a reforma local, que fanará a autonomía local e potenciará as Deputacións, a aprobación da Lei educativa-LOMCE-, coa imposición do castelán como lingua vehicular e as súas reválidas de Estado que descoñecen as competencias educativas de Galicia ou o estéril tentamento de blindaxe das touradas ao consideralas patrimonio cultural inmaterial. Pasando pola imposición ás Comunidades Autónomas do copago das menciñas, descoñecendo a autonomía de cadanseu servizo sanitario ou da proposta Sainz de Santamaría de supresión de controis externos como o do Valedor do Pobo ou do Consello de Contas.

A quen beneficia esta recentralización, que leva vinte anos baleirando de contido o noso Estatuto de Autonomía e, xa que logo, modificando indirectamente o pacto constitucional que recoñeceu a personalidade nacional de Galicia?

Qui prodest? A quen beneficia esta recentralización, que leva vinte anos baleirando de contido o noso Estatuto de Autonomía e, xa que logo, modificando indirectamente o pacto constitucional que recoñeceu a personalidade nacional de Galicia? A resposta apunta aos intereses que tentan esfarelar o Estado do Benestar. Porque a ofensiva contra a autonomía política de Galicia e a autonomía local dos seus concellos busca, sempre, reducir os niveis de cobertura e calidade dos servizos sociais, educativos e sanitarios para ir recentralizando a súa prestación, unificando por abaixo a súa calidade e privatizando a súa xestión dende Madrid, de xeito que só grandes empresas españolas de amigos do Poder estatal poidan optar á coxestión destes servizos. Velaí como a recentralización persegue a desmontaxe do Estado do Benestar, ademais da redución dos niveis democráticos, ao afastar o poder da cidadanía e suprimir os controis exteriores á gobernanza.

Tamén latexa tras desta recentralización a obsesión por concentrar en Madrid todo o poder financeiro e empresarial do Estado, patente na absurda andaina de levar o AVE a todas as capitais de provincia

Tamén latexa tras desta recentralización a obsesión por concentrar en Madrid todo o poder financeiro e empresarial do Estado, patente na absurda andaina de levar o AVE a todas as capitais de provincia ou de construír un inviábel aeroporto central  que agora peta despois de consumir 6000 millóns de euro -un billón de pesetas-. A obsesión de potenciar as grandes empresas dos sectores regulados e do Ibex 35 impedindo calquera política efectiva de Galicia, por exemplo, para potenciar o seu desenvolvemento empresarial endóxeno.

A quen beneficia a recentralización? Non de certo á cidadanía galega, nin aos empresarios e traballadores deste país.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.