Hai uns poucos meses fun pai. Si, xa sei que non me canso de anuncialo publicamente sempre que teño ocasión, pero é que se trata dunha aventura tan enriquecedora e divertida e que ocupa o cento por cento do meu tempo que non podo evitar que a miña filla pase a formar parte do meu discurso ideolóxico. Se ben antes deste evento tan importante para a nación era afeccionado as teorías da conspiración, agora teño a teima de explicar todo o que acontece neste país con símiles e/ou analoxías relacionadas coas cousas lindas e marabillosas dos coidados cotiáns que require unha crianciña.
E claro, nestes días todo o mundo está a falar sobre o tema da Real Academia Galega da Lingua, imaxino que temos algo importante que dicir, uns para defender a uns, outros para atacar aos outros, outras para reclamar máis presenza delas e a maioría porque pasaban por aí e xa que se fala diso... Ben, eu atópome nese último e nutrido grupo de persoas que falamos un pouco por falar coa esperanza de que a nosa teoría/idea/comentario/saída do testo sexa apaludida ouh mira que persoa máis cabal, canta luz deitou sobre o tema ou mágoa que alguén non dixera isto antes, cantas discusións aforrabamos. Así somos as xentes de bar, tanto ten falar da crisi, que de fútbol que de lingua, o caso e erguer un pouquiño a voz e que alguén nos dea unha palmadiña ou preferiblemente que nos convide a un viño (barrantes, gracias).
Ao conto que xa me vou indo polo camiño a Noia. O caso é que a miña filla é un ser tan, tan riquiño que ata lle festexamos os peidos e os cagallóns todos que fai cun moi ben miña meniña, cagou a meniña, si? fixo cacota grande? E é a partir de aí que elaborei a miña analoxía coa Academia. Resulta que hai veces que a meniña bota un verdadeiro trebón comparable aos que debía botar Zeus cando andaba doente de ciumes, unha sucesión de peidos sonoros e consistentes, unha verdadeira hecatombe que nos fai pensar nun gólem como o que aparece en Dogma (Kevin Smith, 1999). Velaí imos mudarlle ese cueiriño pequeno que leva, preparados xa para que se cumpran os peores presaxios. Sacámoslle a roupiña con tento. Desabotoamos o body. E, devagar, abrimos o dodot para comprobar que oh vaia, só foi unha pingadeliña de nada.
Outras veces a cativa encóllese un pouquiño e bota unha peidiña pequena, unha ventosidade fina que mesmo se lle podería perdoar a unha infanta nunha recepción oficial. E no momento de lle cambiar ceos! miña filla, que mal cheira isto, cochinota! e saíu todo por fóra! E como pode ser que tiveses todo iso dentro, e ai miña probe e todas esas cousas que dicimos os pais sobre os cagallóns das nosas bebés.
Neste país pasa un pouco o mesmo. E xa vou pedindo de antemán as miñas desculpas á nobre institución da RAG e aos seus membros (xa que son maioría ampla non entraremos na discusión se membros ou membras) por comparalos cos peidos da nena, pero que queredes rapaces, cada un fai as analoxías que fai. O destes días é un peido grande, fai moito ruído, todas pensamos que é unha cousa terrible para a vida cultural e lingüística do país, porque estas liortas máis ou menos internas poden facer moitísimo mal e atrasar moitos anos de traballo e de logros, porque unha Academia é unha cousa importantísima, e máis aínda se é Real. Si, mozas e mozos, a min cada vez que reflexionaba na situación da nosa cultura concluía pois menos mal que temos unha academia galega da lingua na que se levan todos ben, senón onde andariamos xa, todas falando español...
Mais todo este ruído ao final é só unha cagadiña, a RAG seguirá, unhas veces acertaran coa persoa homenaxeada do 17M outras non, haberá presidentes máis rancios e presidentes máis abertos. Terán leas polo financiamento. Aínda teran que facer un ERE nun momento e noutro poderán ter persoal abondo para o seu cometido. Pero é unha institución e ademais unha desas que quedaría mal pechar.
Mais logo, nesta terriña, hai cousas que pasan coma peidiñas, cousiñas pequenas pero que, no fondo, fan moito máis mal que estas leas grandes. Que pecha o SNL dun concello? ai pois si, e que mal, pero claro é que a Academia... Que cada vez os artistas teñen menos lugares onde facer artistadas? claro neniño, pero é a crisi, se non son rendibles... pero a academia é un símbolo ho. Que aos poucos estamos quedando sen tecido asociativo de base? Vaia si, iso é certo caraina, pero de que vale se non temos unha institución grande que nos represente, e que ti tamén...
Pois ben, eu sempre fun máis de deporte de formación, está ben ter equipos de primeira que iso viste moito (a ver se nos entendemos, que a RAG está moi ben e canto máis independente mellor). Ademais é negocio para os bares. Pero tamén teño claro que sen equipos alevíns, sen canteira, pouco importará o que fagan os maiores.