A raíz cadrada dun número é outro número

Aló van outras eleccións, outras mais nas nosas vidas e, do que é mal, outras menos. Como xa levamos unhas cantas e sabemos da súa cadencia temporal, ben podemos consideralas un fito referencial para as nosas conversas cotiás. “Non creo que volva votar”, diralle Emérita a Erundina falando da pobre Rudesinda, no canto de dicirlle que lle quedan tres telexornais. E facendo memoria da última vez que botaron unhas risadas na cama, Secundo diralle á muller “Foi polas xerais do ano oito, mes arriba mes abaixo”. Mirada a cousa deste xeito, é desexable que se esgoten as lexislaturas para darlle constancia á medida do tempo; e ata é aquelado que haxa moitas e variadas consultas electorais -aínda que sexa un enredo custoso-, xa que cantas mais haxa mais marcos temporais teremos ó noso dispor para fixar as lembranzas.

Os partidos políticos e mailos seus candidatos xa fixeron as súas primeiras avaliacións. O político adoita ser unha raza moi pagada de si, coa casa chea de espellos trucado

Aló van outras eleccións. Os partidos políticos e mailos seus candidatos xa fixeron as súas primeiras avaliacións. Por suposto, avaliacións interesadas, cousa coa que xa contamos; que ó fin e remate, están a falar de si mesmos e de como lles foi na feira. Ademais, o político adoita ser unha raza moi pagada de si, coa casa chea de espellos trucados. Así, Feijoo centrará a súa análise nos 3 deputados mais e obviará calquera referencia ós cento trinta mil votos que perdeu a respecto das autonómicas do 2009; Pachi Vázquez argumentará que resiste o trebón da desfeita socialista a nivel estatal e obviará calquera referencia ós mais de douscentos mil votos perdidos; Jorquera  si falará dos votos perdidos, pero só para denunciar que llos roubou a versión patria de Bonnie and Clyde;  Beiras e Iolanda tampouco falarán dos votos perdidos xa que non tiñan ningún que perder, pero tampouco falarán dos gañados xa que non teñen claro cantos son de cadaquén; e Báscuas, meu pobre, non sabe de que falar, xa que nin perdeu nin gañou votos. É unha mágoa que os cidadáns abstencionistas, auténticos vencedores da consulta electoral, non teñan un voceiro que saia a valorar os resultados e de paso explicarnos o por que da súa ausencia.

Tamén falaron os membros do Corpo Especial de Psicólogos e Psiquiatras do Voto. Todos eles calibradores da vontade popular, chamáns da papeleta, visionarios do alén e coñecedores sabe deus de cantas artes ocultas mais. A diferenza do mortal común, eles descifran a intencionalidade agochada tralo voto: saben o por que e mailo para que de cada papeleta (recoñezo que tal habelencia non deixa de abraiarme, xa que moitas veces nin eu sei o por que de moitos dos meus actos). Van de oráculos independentes, pero o que mais e o que menos ten o seu corazonciño e remata coxeando sempre do mesmo pe, se cadra ás veces ata sen darse de conta. Así, é de agardar que Blanco Valdés agrande os fracasos de socialistas e nacionalistas, Antón Losada menosprece os éxitos dos populares e Barreiro Rivas reparta aplausos e apupos urbi et orbe, con esa mestría que Deus lle deu e ninguén lle nega. E logo están os medios nos que escriben e falan, que tamén eles teñen o seu corazón interesado e poñen a letra grande, o acento e a imaxe aquelada onde mais lle convén e interesa.

Nas eleccións do día 21, de cada 100 galegos, 28 pediron PP, 12 pediron PSOE, 8 pediron AGE, 6 pediron BNG e 11 pediron outras cousas ou nada. O problema é que os 35 restantes non pediron nada, e non temos forma de saber que raios lles gustaría, se é que aínda non perderon o gusto

Confeso que non me parei a ler avaliación ningunha, nin dos protagonistas nin dos técnicos calibradores; nin dos que me son mais achegados nin dos que o son menos. Nas eleccións do día 21, de cada 100 galegos, 28 pediron PP, 12 pediron PSOE, 8 pediron AGE, 6 pediron BNG e 11 pediron outras cousas ou nada. O problema é que os 35 restantes non pediron nada, e non temos forma de saber que raios lles gustaría, se é que aínda non perderon o gusto. Con estes números podemos facer sumas, restas e comparanzas varias: o resultado serán mais números, que terán o significado que nós lle queiramos dar. E para que vexades que non vos minto, contareivos que o luns 22 sorprendín á miña muller calculando ás agachadas a raíz cadrada do número 207331, que segundo me dixo eran os votos do PP na provincia de Pontevedra. Pregunteille a que viña aquela exquisitez matemática. “Por se acaso”, contestoume ela. Como eu agrandei os ollos co desconcerto, ela aínda engadiu: “Ah, nunca se sabe”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.