A Ramón Lamote metéronlle un calote

A Ramón Lamote, compañeiro do metal e fillo daquel egrexio profesor de chairego Ramón Lamote, contáronlle un día o conto da Reforma Laboral, xa non lembra quen. Unha de dúas, ou andaba despistado ou tiña un deses días receptivos, xa que lle gustou ata o título do conto. Reforma Laboral, que palabras tan bonitas e que boa xugada facían entre elas! El, que sempre se considerara reformista fronte ós que querían rachar con todo. El, que non fixera outra cousa na vida que traballar e que pouco mais sabía facer. Logo do título e a xeito de resumo introdutorio, pasaron a contarlle o cerne dá fábula : “Se abaratamos o custe laboral, entón o emprego aumentará" Explicáronlle que unha cousa levaba á outra por unha sinxela razón: se o traballador custaba 10 e facemos que custe 5, o empresario poderá contratar 2 traballadores onde antes contrataba só 1. Recoiro! Mira ti onde estaba a solución do desemprego. Éche ben certo que ás veces os problemas teñen doada solución e danos por encerellar en cálculos infinitesimais que non van a ningures. Maldita sexa! Tempo que nós perdemos coa burra peideira de Zapatero!, razoou con sentidiño de país o malpocado Lamote.

El, que sempre se considerara reformista fronte ós que querían rachar con todo. El, que non fixera outra cousa na vida que traballar e que pouco mais sabía facer

O empresario do metal que empregaba a Ramón Lamote aplaudiu o conto, xa que sempre era de agradecer que se abaratase un dos seus factores de produción, pero axiña cae na conta de que o seu problema a curto prazo seguía sen solución : “eu non vendo a produción actual, así que por mais barata que sexa agora a forza de traballo, para que raios a quero? O que preciso é desfacerme dela”. O contador do conto pásalle a man polo lombo : ”tranquilo, meu, déixame contarche o conto todo … Iso arranxámolo ancheando os EREs para contemplar os paliativos e mailos preventivos, e así daquela poidas botar os traballadores que che sobren, así sexan montes e moreas, e non só os que che sobren hoxe, senón os que preveas que che van sobrar dentro dun mes” Ah vale, iso xa é falar ó caso, aplaudiu agora coas orellas o empresario do metal.

Do primeiro ERE que presentou a empresa, no que prescindía dun terzo do persoal, Ramón Lamote librou

Do primeiro ERE que presentou a empresa, no que prescindía dun terzo do persoal, Ramón Lamote librou. A pesares de que partillou o sufrimento dos compañeiros que marchaban, seguía a gustarlle o conto que lle contaran e miraba tódolos días o parte da noite, agardando a noticia do primeiro empregado neto fillo da Reforma Laboral. Agora o empresario tiña mais ou menos axustado o número de persoal, pero laiábase doutro problema que esganaba as súas contas: non conseguía financiamento bancario nin pagando xuros de usura. Foille coas queixas ó contador do conto, pero este díxolle que iso era outro conto distinto e que aí el nada podía facer. Amolado, o empresario volveu para a empresa, disposto a seguir ata que os cartos deran de si. E cando non deron mais, pechou a empresa e mandou a todo o persoal que quedaba a cobrar ó FOGASA. Entre eles, claro está, a Ramón Lamote.

Agora xa nas infindas ringleiras do INEM, Ramón Lamote sigue a mirar con atención os partes da noite, a ver se alguén sae a explicarlle en que fallou o conto da Reforma Laboral, e por que hai case un millón mais de parados dende que se fixeron os primeiros recortes dos dereitos dos traballadores

Agora xa nas infindas ringleiras do INEM, Ramón Lamote sigue a mirar con atención os partes da noite, a ver se alguén sae a explicarlle en que fallou o conto da Reforma Laboral, e por que hai case un millón mais de parados dende que se fixeron os primeiros recortes dos dereitos dos traballadores. Entre eles tamén el, claro está. E por que no país de Obama hai un 9 por 100 de parados, cando alí presumen de non ter dereitos laborais que recortar. Era certo e seguro que o recorte do custe salarial conducía inexorablemente á creación de emprego? E se non era certo e seguro, a que tanta présa e tanta determinación? Non da quitado da cabeza as palabras de despedida do empresario, cando nun derradeiro intento de salvar os postos de traballo, os propios traballadores propuxéronlle reducir os salarios á metade. “Nin que veñades traballar de balde. Non teño financiamento para o resto dos custes, ese é o problema”, díxolles. No seu desespero, Ramón pensa ás veces que igual lle contaron unha trola para alimentar as súas esperanzas e facerse co seu voto, coma os contiños que el mesmo adoitaba contarlles ás mozas para que baixaran as defensas e deixaran francas as portas das súas ansiadas murallas. Este mundo éche o conto de nunca acabar, que diría o Casiano de Covelas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.