Na biblioteca científica de Vítor López Seoane figuran cinco publicacións de Ernst Haeckel. En catro delas están presentes dedicatorias autógrafas do importante médico e biólogo alemán, o que demostra a existencia dunha certa relación entre estes dous científicos. Confirmamos esa conexión ao localizar unha carta que o naturalista galego remitiu ao seu colega, quen xogou un papel fundamental na difusión do darwinismo no mundo académico europeo pero tamén entre un público amplo
Na biblioteca científica de Vítor López Seoane (Ferrol, 1832-A Coruña, 1900), depositada no Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, figuran cinco publicacións de Ernst Haeckel (1834-1919). En catro delas están presentes dedicatorias autógrafas do importante médico e biólogo alemán, o que demostra a existencia dunha certa relación entre estes dous científicos.
Confirmamos esa conexión ao localizar unha carta que o naturalista galego remitiu ao seu colega, quen xogou un papel fundamental na difusión do darwinismo no mundo académico europeo pero tamén entre un público amplo. Un escrito que se pode consultar –xunto a outros interesantes materiais– na exposición “Seoane & Darwin” que ata finais de febreiro está aberta ao público sobre a relación entre o científico ferrolán e o evolucionismo na sala municipal de exposicións Salvador de Madariaga (rúa Durán Loriga, A Coruña).
Unha carta de Seoane
O material procedente de Haeckel presente no fondo de Seoane animoume a realizar unha xestión para coñecer a dimensión da relación entre eses dous científicos. O 8 de febreiro de 2000 escribín ao lugar onde se garda a documentación do alemán, a Ernst Haeckel Haus, que forma parte da Universidade Friedrich Schiller de Jena, importante cidade na historia cultural alemá. O museo e arquivo dedicados ao científico están localizado na mesma casa que el mandou construír entre 1882 e 1883 para residir nela e que denominou “Villa Medusa”, en referencia a uns seres vivos sobre os que traballou. Hoxe tamén alberga a Cátedra de Historia e Filosofía das Ciencias Naturais da universidade. O 25 febreiro de 2000 Erika Krauße respondeu á petición. Remitiume a única carta que Seoane lle enviara ao teutón e comentou que no arquivo tamén custodiaban o obituario que José Domingo López Seoane lles fixera chegar en 1900, á morte do seu irmán Vítor.
Quen foi Ernst Haeckel?
Un escrito que se pode consultar –xunto a outros interesantes materiais– na exposición “Seoane & Darwin” que ata finais de febreiro está aberta ao público sobre a relación entre o científico ferrolán e o evolucionismo na sala municipal de exposicións Salvador de Madariaga (rúa Durán Loriga, A Coruña)
Haeckel cursou Medicina, foi asistente do importante médico Rudolf Virchow e estudou Anatomía comparada con Carl Gegenbaur, asumindo, despois, a docencia da Zooloxía na Universidade de Jena. Publicou importantes traballos técnicos, realizou a descrición de numerosas especies novas e foi pioneiro na distinción entre seres unicelulares e pluricelulares. Inicialmente dedicouse ao estudo dos radiolarios, seres unicelulares con esqueleto de deseños ben diversos que forman parte do plancto oceánico. Así, no seu traballo sobre os radiolarios recollidos na expedición británica do Challenger describiu máis de 3500 novas especies. Outra contribución salientable foi a excelente monografía Das System der Medusen (O sistema das medusas).
Ademais dun un investigador excepcional, Haeckel amosou un especial talento como debuxante das ilustracións das súas publicacións. Así, por exemplo, entre 1899 e 1904 deu a lume Kunstformen der Natur (Formas artísticas da Natureza). Alí figura unha lámina coa medusa que denominara, en 1880, Desmodena annasethe (hoxe Cyanea annasethe). O nome fai referencia á cabeleira da primeira muller de Ernst, Anna Sethe, quen morrera en 1864, con 30 anos.
En 1866 publicou unha notable contribución, o libro Generelle Morphologie der Organismen. Nel expuxo que a ontoxenia dun organismo (as sucesivas fases do seu desenvolvemento) é unha recapitulación da filoxenia (as distintas etapas da súa evolución xenealóxica). Este principio, denominado máis tarde “lei bioxenética” constituíu o elemento máis popular das ideas de Haeckel porén tamén o máis cuestionado. Foi aceptado por salientables científicos do século XIX, como Charles Darwin, Carl Gegenbaur ou August Weismann pero rexeitado pola Bioloxía moderna, se ben se considera unha observación morfolóxica repetible e verificable.
Preocupado pola difusión dos avances científicos un par de anos despois publicou unha versión máis accesible do libro anterior: Natürliche Schöpfungsgeschichte (Historia da creación dos seres), da que apareceron numerosas edicións e foi traducida a doce idiomas. Haeckel popularizou as “árbores filoxenéticas”, conexións evolutivas gráficas e as súas contribucións foron numerosas. Moitos termos que hoxe utilizamos, “ecoloxía”, “bioxeografía”, “filoxenia” ou “ontoxenia” proceden do científico alemán. Tamén a el se deben: a idea de que o material hereditario está no núcleo da célula ou a iniciación de técnicas experimentais para demostrar a lei de descendencia. Mais para ponderar con rigor a obra de Haeckel cómpre subliñar que algunhas das súas ideas e o seu posterior uso foron obxecto de crítica, tema sobre o que se pode consultar unha interesante e accesible valoración no nº 112 (2022) de Métode. Revista de Difusión de la Investigación, da Universitat de València.
Haeckel no debate darwinista
O material procedente de Haeckel presente no fondo de Seoane animoume a realizar unha xestión para coñecer a dimensión da relación entre eses dous científicos
Charles Darwin era ben consciente da importante polémica que orixinaría a súa teoría a prol da evolución biolóxica. Os defensores de formulacións previas da mesma foran cualificados de radicais no pasado e resultaba obvio que a proposta cuestionaba aspectos básicos do relato relixioso tradicional. Por iso atrasou a publicación da teoría, ata que a comunicación de Alfred Wallace en 1858 dunha proposta similar acelerou as cousas e obrigou a Charles a publicar o seu célebre libro en 1859. De todos os xeitos, o científico inglés só insinuou –intencionadamente– nese texto o feito de que a evolución tamén afecta ao ser humano, non publicando sobre o tema ata 1871.
Darwin, por carácter, condicións de saúde e familiares e tamén por ideoloxía, eludiu o debate publico, o que obrigou a outros científicos a asumir esa tarefa. Un dos que máis destacou nese labor foi Thomas Henry Huxley, a quen, de feito, alcumaron como “o bulldog de Darwin”. No continente europeo asumiu ese papel Ernst Haeckel quen liderou a defensa da teoría darwinista de forma expresa, directa e contundente, levando máis adiante as ideas do inglés; así, por exemplo, pronunciouse a prol da evolución nos seres humanos antes de que Darwin se manifestara nese sentido.
Haeckel entendeu que era preciso saír da súa cátedra e do laboratorio para divulgar o darwinismo, afrontar o que hoxe chamaríamos a “batalla cultural”. Dedicouse a expoñelo fronte públicos diversos, desde foros científicos, como fixo en 1863 na reunión da Sociedade Alemá de Naturalistas e Médicos en Stettin, ou en encontros con cidadáns interesados, loitando pola incorporación do evolucionismo nas escolas. Non fuxía de temas polémicos e participou en diversos debates ideolóxicos. Nese sentido, defendeu o monismo, a afirmación de que toda a realidade se reduce a unha única substancia ou principio fundamental, a diferencia do dualismo, que distingue dúas ou máis. Para Haeckel esa sustancia única era de natureza física (materialismo) e todos os fenómenos e seres do universo derivan dela, polo que fenómenos como a mente e a conciencia son procesos físicos. Hoxe existe un amplo consenso sobre esta cuestión, pero non acontecía así no seu tempo.
Por outra banda, o científico alemán salientou como librepensador, participando activamente nas actividades promovidas por ese movemento en Europa, así, por exemplo, en setembro de 1904 participou no Congreso Internacional de Librepensadores en Roma, ao que asistiron 2.000 persoas. Non esquezamos que no século XIX e comezos do XX ser librepensador, e esa é a orixe do nome, era cuestionar os dogmas dominantes, aludindo, en gran medida, aos sostidos polas diversas relixións e, pola contra, afirmar que as crenzas e opinións deben estar baseadas na lóxica, na razón, na observación dos feitos, ou sexa, no coñecemento verificado.
Contido da carta de Seoane
Darwin, por carácter, condicións de saúde e familiares e tamén por ideoloxía, eludiu o debate publico, o que obrigou a outros científicos a asumir esa tarefa. Un dos que máis destacou nese labor foi Thomas Henry Huxley. No continente europeo asumiu ese papel Ernst Haeckel quen liderou a defensa da teoría darwinista de forma expresa, directa e contundente, levando máis adiante as ideas do inglés
O naturalista galego retomara nos anos setenta, con moito vigor, a súa carreira científica e contactos con colegas. Nese contexto remitiulle a Haeckel unha carta o 20 de maio de 1877 desde Ferrol. Está escrita en francés, pois ese era o idioma estranxeiro que coñecía, como case toda a xente culta do seu tempo. Polo que indicaba no escrito, enviou coa carta o exemplar dunha publicación súa, a Reseña de la Historia Natural de Galicia, sinalando que era como “tributo de profundo respecto a un sabio que admiro con entusiasmo”, engadindo que seguía con moito interese as súas interesantes pescudas.
Tras esa expresión de devoción polo labor do científico alemán, comentoulle que nunha das súas investigacións en Galicia atopara unha cascuda nova, unha a Ectobia, á que lle puxera o nome do científico alemán, Ectobia haeckelii, o seu “querido amigo Mr Bolivar”. Seoane levaba tempo, desde 1874, en contacto con Ignacio Bolívar (Museo de Ciencias Naturales de Madrid) debido ao interese mutuo no estudo dun importante grupo de Insectos, os Ortópteros, e este describira na súa “Sínopsis de los Ortópteros de España y Portugal” (1876) unha nova especie de insecto, do que “Sólo poseo un ejemplar, que debo a la amabilidad del conocido naturalista español. Sr. D. Victor López Seoane, quien la ha recogido en una de sus posesiones del Ferrol”. Ese insecto leva hoxe o nome de Capraiellus haeckelii. O ferrolán remataba a carta solicitándolle ao colega alemán o envío dun retrato.
Publicacións de Haeckel na biblioteca de Seoane
Como xa adiantamos, o naturalista galego conservaba na súa biblioteca cinco publicacións de Ernst Haeckel. Catro delas, un libro e tres folletos, serían remitidos polo autor pois levan a súa dedicatoria. O primeiro folleto é do ano 1876: Die Perigenesis der Plastidule oder die Wellenzengung der Lebenstheilchen (A perixénese dos plastídulos ou a formación de ondas das partículas vitais), editada en Berlín por Georg Reimer. Levaba o seguinte texto manuscrito:
Herr
Victor Lopez Seoane
(La Corogne, Espagne)
hochachtungsvoll (saúdao atentamente)
Ernst Haeckel
En tempos nos que a Xenética aínda non existía como materia científica con certa base, algo que acontecería ao comezo do século XX, varios científicos especulaban sobre os posibles mecanismos da herdanza e a proposta inicial de Haeckel foi a “perixénese dos plastídulos”, unha teoría que situaba nos "plastidulos" (moléculas do protoplasma celular) a transmisión de información.
O libro Anthropogénie ou Histoire de l'évolution humaine, editado en París por Reinwald et Cie en 1877 leva unha breve dedicatoria: “A Mr. le Dr. Seoane, hommage”. Tamén de 1877, e editado no mesmo sitio, é a célebre Histoire de la Création, que adquiriu Seoane. Un segundo folleto, Der Monismus als Band zwischen Religion und Wissenschaft (O Monismo como vínculo entre a Relixión e a Ciencia), fora publicado en Bonn (1892) e inclúe a mesma dedicatoria manuscrita do primeiro folleto.
A derradeira publicación é de 1897, tres anos antes da morte de Seoane. Trátase do folleto: Fritz Müller-Desterro. Unha necrolóxica publicada en Jena por Gustav Fischer do biólogo darwinista alemán Johann Friedrich Theodor Müller, morto ese ano de 1897, emigrado en Brasil. Incorpora esta dedicatoria:
Á Monsieur
Victor Lopez Seoane
(La Corogne)
Hommage de Ernst Haeckel
Haeckel en España
O relevante grupo de pensadores e científicos krausistas amosaron un especial interese polas teorías evolucionistas nos primeiro anos setenta
Algúns científicos españoles mantiveron contactos co alemán, non moitos1. Esas relacións comezaron en 1874 con Francisco María Tubino, secretario da Sociedad Antropológica española, e Antonio Machado Núñez, catedrático de Historia Natural e futuro avó do coñecido poeta. En abril de 1875 quen lle escribiu a Haeckel foi Ignacio Bolívar, que viña de acadar o posto de axudante de Zooloxía no Museo de Ciencias Naturales de Madrid, o mesmo que, noutra carta de novembro dese ano, lle falaría do comentado caso da Ectobia haeckelii. A remitida por Seoane estaría entre este primeiro grupo de escritos enviados desde España por científicos admiradores das contribucións do alemán.
Posteriormente, estableceron contacto con Haeckel científicos como Luis Simarro, Peregrín Casanova, Odón de Buen ou mesmo Juan Negrín, cando era estudante de Medicina en Alemaña. O perfil ideolóxico dos comunicantes estaba ben definido, movíanse no progresismo, republicanismo e, nalgún caso, no movemento librepensador. Así acontecía con Odón de Buen, quen se dirixía a Haeckel como “muy distinguido ciudadano”, expresándolle que “el pueblo español quiere desligarse de la tutela clerical”. Odón participou no primeiro congreso de librepensadores, celebrado en París en 1889, e coincidiu con Ernst no que tivo lugar en Roma en 1904.
Na lista de contactos aparece outro galego, pero que non era científico. Trátase do pontevedrés Claudio Cuveiro, tradutor da primeira versión en castelán da obra de Haeckel Natürliche Schöpfungsgeschichte (1868) co título Historia de la creación de los seres orgánicos según las leyes naturales, editada en Madrid (1878-1879) pola Casa editorial de Medina.
A recepción krausista
En xeral, tanto en España como en Galicia, a figura de Haeckel aparecía na segunda parte do século XIX asociada ao radicalismo
O relevante grupo de pensadores e científicos krausistas amosaron un especial interese polas teorías evolucionistas nos primeiro anos setenta. Francisco Giner de los Ríos, o seu líder intelectual, decatouse da crecente importancia das materias científicas e defendeu a elaboración dunha versión propia do grupo sobre as Ciencias Naturais, distante da ofrecida desde a escolástica e desde o materialismo. Así xurdiu o “plan de Historia Natural”, un ambicioso intento de integrar e ordenar as novas teorías biolóxicas no marco teórico do krausismo, cara a xerar unha identidade intelectual que servira como elemento clave na promoción intelectual do grupo. Nesa estratexia traballaron varios discípulos de Giner, especialmente Augusto González de Linares, mais tamén Enrique Serrano Fatigati (daquela profesor de Física e Química no Instituto de Coruña) e os irmáns Calderón Arana.
Linares asumiu ese traballo cando exercía como catedrático de Historia Natural na Universidade de Santiago (1872-75). Nese contexto estudou a obra de Darwin e Haeckel, que lle seducían pola proposta dunha evolución entendida como conexión entre diferentes seres, na vía do organicismo krausista. Porén existía un atranco que acabaría impedindo a identificación deses científicos co darwinismo e coas propostas de Haeckel, o enfoque materialista. Así, Linares coidaba que a Natureza non se reduce a materia polo que concluía que non era posible un coñecemento completo desta por medio dos sentidos e incorporaba consideracións alleas ao feito experimental, uns principios idealistas que condicionaban a experiencia. Este enfoque levaríalle a defender un evolucionismo metafísico, sen base material. Anos despois, en 1876, cando os krausistas fundaron a Institución Libre de Enseñanza, Linares impartiría nese entidade un curso sobre a Morfoloxía de Haeckel entre marzo e xuño de 1877, no que criticaba as propostas do seu colega alemán. A posición de Linares remataría nun punto morto e o resto dos krausistas optaron por aceptar as propostas de Darwin e, algúns, as de Haeckel. Un dos integrantes do grupo, Ignacio Bolívar xa o fixera antes, como vimos.
O “radical Haeckel”
En xeral, tanto en España como en Galicia, a figura de Haeckel aparecía na segunda parte do século XIX asociada ao radicalismo. As alusións foron continuas. Gerónimo Macho Velado, catedrático da Universidade de Santiago, cuestionaba – no seu discurso de inauguración do curso académico 1876-77– todo pensamento evolucionista e subliñaba que Haeckel estaba errado “al trazar sus árboles genealógicos, suponiéndonos descender de una raza, que por prudencia no nombro”. O crego Antolín López Peláez, que chegou a bispo e importante voceiro dos neocatólicos no Estado español, visitante da “cova céltica” cando viña por A Coruña, sinalaba no seu libro El darwinismo y la Ciencia (1893) que o darwinismo era “o error principal de nuestros días” e situaba a Haeckel como o representante máis “nefasto”.
Reacción de Pardo Bazán
Cómpre sinalar certo contraste entre as relacións que estableceu Seoane con Darwin e Haeckel. Da primeira deu boa conta en escritos e conversas, sentíase orgulloso dese contacto co célebre naturalista. No caso de Haeckel non coñecemos que fixera mención pública da conexión. Coidamos que o perfil de radical con que o científico alemán aparecía para moitos foi o motivo polo que o noso naturalista mantivera no ámbito privado esa relación
Emilia Pardo Bazán publicaría, ao longo dos anos 1877 e 1878, en diferentes artigos, “Reflexiones científicas contra el darwinismo”, na revista La Ciencia Cristiana (Madrid). Alí aludiu a Haeckel como un home do tipo dos que “arrebatadoramente toman el mundo en las manos” e que “ tiene todos los defectos que le faltan a Darwin para capitanear una secta”, favorecendo que “el transformismo tome en Alemania una dirección trascendental, belicosa y utópica, que no sigue ciertamente en Inglaterra”. Posteriormente, nunha carta dirixida a Seoane (12 de abril de 1881) recoñecía as investigacións de Haeckel, a quen chamou “petulante”. Dixo que leu unha obra del, "Schopfungs geschichte", que debe ser Natürliche Schopfungsgeschichte (A historia da creación natural) e, mesmo, cuestionou a calidade do idioma que utilizaba nese texto o científico teutón, polo “alemán latinizado en que está escrita. Mal escribe su propia lengua el profesor de Jena”.
Unha curiosa afirmación na sempre sorprendente Pardo Bazán, de quen non está verificado o seu dominio da lingua alemá. Como explicamos noutra publicación, coidamos que o seu coñecemento de textos nese idioma, e nomeadamente da obra de Haeckel, tivo que ver coa súa relación con Augusto González de Linares. Unha relación sentimental (“triste amor”) e formativa nun momento no que o profesor, que si consta que dominaba o idioma, traballaba en Santiago a obra de Haeckel.
Por outra banda, as publicacións de Haeckel de ton máis divulgativo, nomeadamente A Historia da Creación, tiveron bastante difusión e acollida en círculos librepensadores, republicanos e anarquistas.
Unha admiración privada
Cómpre sinalar certo contraste entre as relacións que estableceu Seoane con Darwin e Haeckel. Da primeira deu boa conta en escritos e conversas, sentíase orgulloso dese contacto co célebre naturalista. No caso de Haeckel non coñecemos que fixera mención pública da conexión. Coidamos que o perfil de radical con que o científico alemán aparecía para moitos foi o motivo polo que o noso naturalista mantivera no ámbito privado esa relación.
Notas
1 Sarmiento, M.; Puig-Samper, M. A.; Pelayo, F. e Albalá, M. J. , “Cartas haeckelianas. El epistolario de Haeckel con científicos e intelectuales españoles”, en Marcos Sarmiento et al. (eds.), Reflexiones sobre el darwinismo desde las islas Canarias, Madrid, Doce Calles, 2019, pp. 181-191. En: https://digital.csic.es/handle/10261/227609