A relixión entre nós

O recente funeral polas vítimas do atentado en Madrid hai dez anos oficiado por Rouco Varela, un personaxe da recente historia política de España, resultou un rito demoníaco. Rouco conseguiu transformar a cerimonia nunha expresión persoal, unha misa de autor, e conseguiu mesturar dor, morte e violencia. O que xa era algo reprobable, unha cerimonia relixiosa de Estado dunha única confesión relixiosa, transformouse nun acto verdadeiramente partidista, sectario e excluínte. Algunhas cousas queren ser unha expresión de prepotencia e en realidade fan visible o contrario, unha debilidade latente. Canto máis a Igrexa romana abuse do seu poder e patrimonialice o Estado máis se desautoriza ante a sociedade.

    Canto máis a Igrexa romana abuse do seu poder e patrimonialice o Estado máis se desautoriza ante a sociedade

Cunha Igrexa católica como a española, co papel que xogou ao longo da súa historia no sostemento e implicación na Coroa, en España é imposible non identificar relixión con esa institución. Pero chegará un día en que se poida falar de relixión sen pensar inmediatamente en personaxes como Rouco nin tan sequera na Igrexa católica. A relixión é algo demasiado importante como para deixarllo aos curas.

Se temos a humildade de considerarnos como o que somos, unha especie animal, comprobaremos que a inmensa maioría dos especímenes da nosa especie que poboaron e poboan este planeta son seres relixiosos. Partindo desa constatación, e deixando de lado por un momento a conciencia eurocéntrica e o patriotismo de elites intelectuais que se consideran superiores aos demais, deberiamos inferir que o ateísmo é unha peculiaridade ideolóxica moi infrecuente e moi localizada en certos lugares e en certas épocas da historia da nosa especie.

    Quedar encerrados nesa dialéctica coa Igrexa como institución é caer na súa trampa

No caso español, precisamente polo papel que a Igrexa católica xogou na historia, o anticlericalismo é un trazo constitutivo do progresismo. Todas as correntes rexeracionistas tropezaron en maior ou menor medida co poder da Igrexa, os seus intereses e as súas manobras políticas. Aínda hoxe, aí están as recentes manifestacións da ultradereita católica, ou sexa o groso da dereita, contra o malvado Zapatero. Pero quedar encerrados nesa dialéctica coa Igrexa como institución é caer na súa trampa.

Algunha vez lemos a católicos afirmar que eses bispos tan reaccionarios politicamente, tan afastados da sociedade e tan insensibles non son a Igrexa ou non a representan. A verdade é que non creo que teñan razón, neste momento esa é a Igrexa, esas son as súas autoridades, as súas estruturas de poder, a súa axenda política e tamén a súa interpretación da historia, da sociedade e do ser humano. Con todo esa reclamación de que o cristianismo é ou pode ser outra cousa sen dúbida ten todo o fundamento e hai relixiosos ao noso ao redor e polo mundo ofrecendo consolo e axuda a oprimidos e marxinados. Non cómpre aquí dilucidar a mensaxe de Cristo, aínda que lle quitásemos de enriba a evolución da igrexa e, sobre todo, o rumbo que lle imprimiron Saulo de Tarso e Agustín de Hipona, descubririamos unha doutrina tan contraditoria e aberta como desconcertante, a daquel que, segundo Lucas, non veu establecer a paz na Terra, senón a disensión.

Con todo, non podemos explicar a cultura europea, a occidental se se quere, sen o cristianismo, esa herexía do xudaísmo. É o noso patrimonio e o noso fundamento. O xudaísmo foi unha relixión que creou un suxeito que carga tanto coa súa liberdade individual como coa cadea da culpa, o cristianismo estendeu ese xene dun pobo a todos os "goyim", os pobos "xentís". Foi ese suxeito libre, tenso, agónico o que creou a modernidade europea. Bento Espinosa, fillo de xudía galega e xudeu portugués, exiliado entre exiliados, é o primeiro intelectual europeo con toda a súa alegría e desesperación. Se existen o concepto de dignidade persoal e o concepto de dereitos humanos é porque naceron do cristianismo.

O Vaticano, esa criatura monstruosa nada da coxuntura da política e a relixión, ten unha historia verdadeiramente curiosa e estrambótica que nos debe levar a ser tan precavidos sobre as súas intencións como escépticos sobre as súas admonicións, pero hai unhas décadas sentou alí un home, Angelo Giuseppe Roncalli, de quen Hannah Arendt escribiu unha aguda descrición, que arroxou unha pedra a un lago de augas estancadas. A inmobilidade volveu ao estanque até facerse fedorento. Este papa Francisco polo de agora podemos pensar aínda que é un enigma, aínda que dubidemos moito de que sexa alguén que vaia a arroxar outra pedra a un estanque de augas xa pestíferas, pero dado o poder que aínda ten a Igrexa romana é inevitable que atendamos máis ou menos ao que vén desa corte.

Non hai moitos anos o Vaticano pretendeu que un texto constitucional da Unión Europea sinalase o cristianismo como inspirador da lexislación. É unha pretensión fundamentalista e con transfondo político, pero tamén sería absurdo ignorar que nosa moral, e polo tanto as nosas leis, baséanse na tradición cristiá europea; non nas "Analectas" de Confucio, por exemplo. Con todo o cristianismo non é nin a única tradición, está o xudaísmo, o Islam e o pensamento filosófico coa súa independencia e a súa crítica da relixión, nin tampouco unha realidade tan actuante como o foi nin tan exclusiva, pois tras as limpezas étnicas contra xudeus e musulmáns, o Islam é novamente unha realidade social europea.

    Quen cre na democracia, por forza aborrecerá o nacionalcatolicismo español ou calquera outra forma de teocracia

Quen cre en que as persoas teñen dignidade por si mesmas, con independencia de que crea que esta provén directa ou indirectamente dun deus, quen cre na democracia, por forza aborrecerá o nacionalcatolicismo español ou calquera outra forma de teocracia. Ningunha relixión debe imporse ou condicionar a vida da cidadanía. Con todo creo que se debe pensar cal é o papel lícito da relixión, as relixións, na sociedade. Por todo o escrito, creo que tampouco é completamente acertado resumilo en que a relixión é algo puramente particular, dalgún modo ha de recoñecerse a súa existencia. Aínda que, desde logo, non nunha constitución, como é o caso da actual e obsoleta constitución española.

Conviría discutir o mesmo termo de relixión e a súa veciñanza co de "relixiosidade" pero tamén se sae deste lugar. Con todo, as mesmas artes achégannos, e en parte substitúen, a procura de transcendencia nas nosas vidas, como evidenciou Rudolf Otto ou como nos mostra o pensamento, que é unha procura poética, de María Zambrano.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.