A reposición da rúa Antón Villar Ponte na Coruña

Tiña vagar denantes de acudir á cita. Metinme por unha rúa cercana ao lugar de encontro e merquei unhas patatillas. Ao saír daquel cativo supermercado reparei no nome da rúa: División Azul. Que xustificación ten manter a unha rúa o nome dos aliados dos nazis?

Ao saír daquel cativo supermercado reparei no nome da rúa: División Azul. Que xustificación ten manter a unha rúa o nome dos aliados dos nazis?

Cando foi a hora petei na porta do segundo piso esquerda do número 79 da rúa Juan Flórez. Abriume a porta unha señora de mirada doce como a densidade do mel. Era baixiña, repoluda, de circulares lentes, de tenro ademán. Pasoume á sala da entrada, sentoume nunha mesa de braseiro, cuberta por un mantel aterciopelado, e dispuxo a conversa: “Que queres saber do meu pai? Era fabuloso”. O seu pai era Ramón Villar Ponte.

Quen fora fundador das Irmandades da Fala, canda o seu irmán Antón, chegara á Coruña tras os anos da guerra e o medo de ser decote axexado polos falanxistas, no seu Viveiro natal. Na urbe herculina residía a viúva de Antón, que á vez era a irmá da muller de Ramón. Cando a familia se xuntaba, nos grisallentos días do feixismo, sucedía en ocasións a lembranza dos felices anos da República e dos vieiros nacionalistas. Mantiñan viva a memoria dos que xa non estaban e viva chegou a quen pasamos algunhas horas canda Teresa Villar Chao.

O feixismo mudou a cartografía da cidade e aquela Rúa Antón Villar Ponte foi Calle Teniente Coronel Teijeiro

Calquera percibía que aquel fogar era unha sorte de casa-museu: cadros do pintor dos nenos, o seu irmán Xosé Ramón Villar Chao, ou de Bagaría, Cebreiro ou Ovidio Murguía; o xuramento de Ramón para ser dos “Bos e Xenerosos” pendurado da parede; unha cunca de barro cunha bandeira galega que lle agasallara Castelao chea de bombóns; un mantelo cun debuxo a man do rianxeiro; cartas, documentos, retallos de prensa etc. Teresa, ou Teresiña como lle chamaban, tiña o aquel paterno de gardalo todo. E que ben fixo.

Durante unha das conversas faloume dos intentos que fixera ante o Concello da Coruña para repoñer o nome do seu tío Antón. A rúa fora inaugurada meses antes de xullo de 1936, porque Antón morrera en marzo, tras ser escolleito deputado pola Fronte Popular. O feixismo mudou a cartografía da cidade e aquela Rúa Antón Villar Ponte foi Calle Teniente Coronel Teijeiro. E así segue hoxe no Percalinópolis lugrisián.

Mesmo ante o propio alcalde Paco Vázquez reclamou o que a xustiza democrática berraba. Pero houbo desprezo e aldraxe

No ronsel da vitoria da Marea Atlántica lembreime de Teresiña e no esforzo que puxera na súa vida para que o Concello lle devolvese o nome á rúa que o feixismo lle arrebatara. Mesmo ante o propio alcalde Paco Vázquez reclamou o que a xustiza democrática berraba. Pero houbo desprezo e aldraxe. Mesmo insultos cando persoas coma Pilar García Negro, boa amiga de Teresiña, teimaba con xusta razón.

Unha das primeiras medidas comprometidas polo futuro executivo municipal é aplicar a lei. Nesta caso a Lei de memoria histórica. Nós, malia que somos firmes defensores do respecto e promoción da toponimia tradicional para bautizar o rueiro, váisenos permitir esta excepción porque a carga emocional e simbólica así o xustifican. Repoñer a rúa Antón Villar Ponte no seu orixinario lugar é repoñer a memoria dos silenciados mesmo despois de 1975.

Todo isto acontece cando estamos na soleira da celebración do centenario das Irmandades da Fala

Todo isto acontece cando estamos na soleira da celebración do centenario das Irmandades da Fala. A efeméride, que se reforzaría se a Xunta de Galiza decide finalmente declarar Ano das Irmandades, debera valer para recoñecer o esforzo de quen con tan pouco e sendo tan poucos foron capaces de pular polo futuro do país. Exemplo para os moitos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.