A repugnancia parlamentaria

Declarou Feijóo que casos como o do tesoureiro Bárcenas “lle repugnan”. Díxoo no Parlamento ao tempo que no rostro debuxaba un aceno contraído que todos identificamos como a expresión do noxo. Fíxoo xenial. De pe coma un orador de polis grega. Marcando o “repugnan” coma se o escribise en negriña. Con papeis na man para transmitir rigor e apoiarse dramaticamente, coma a manipulación do bolígrafo Bic que nas roldas de prensa dá paso á seguinte pregunta. El dixo o que dixo e sentouse coma se acabase de declamar os Dez Mandamentos, transido e con ademán entre enérxico e ofendido, pregando o micrófono con pouso senatorial e sendo aplaudido polo seu grupo pero sen falar con ninguén. El só, coma un mascarón de proa enfrontado á treboada en alta mar: Como podía ninguén insinuar…? Quedoulle pintado e por empatía todos sentimos o noxo a canda el.

A Feijóo repúgnanlle casos coma o de Bárcenas pero é máis discreto cando se trata das conexións do propio tesoureiro co PP de Galiza

Esa declaración enfática parece o mesmo que afirmar que a corrupción lle repugna, pero non hai que ir tan rápido porque aínda non lle escoitamos, por exemplo, pronunciar con esa énfase que casos coma o de Conde Roa lle repugnen. Aí confíase na boa fe e dise que hai que deixar actuar a xustiza. Mesmo se ao exalcalde se lle suman o futuro exalcalde e a exconcelleira e o exconcelleiro etc etc... aínda non se fala de repugnancia. E sabedes por que? Porque todos sabemos que a merda que fede é a dos outros, a nosa é coma se fedese menos ou non fose merda, mesmo nos provoca curiosidade e mirámola antes de tirar da cisterna e despedímonos dela coma cando de cativos lle dabamos un bico ao pan do bocata que non iamos rematar, antes de tiralo ao lixo ou botárllelo aos paxaros. Coa merda propia actuamos coma o resto dos mamíferos, especialmente os de dieta omnívora: facendo gala da máxima discreción.

O presidente da Xunta é certamente metódico e antes de botar terra ou poñer aceno de noxo, como fan os mamíferos

A Feijóo repúgnanlle casos coma o de Bárcenas pero é máis discreto cando se trata das conexións do propio tesoureiro co PP de Galiza. Aí bota terra por riba, como fan os cans, ou ben imita ao propio Bárcenas cando proclama que a letra dos papeis non é a súa, neste caso dicindo que aquel zurullo de vinte e pico millóns de pesetas non é seu, que el en 1999 cagaba máis solto, ou máis compacto, ou que xa daquela era moi metódico e sempre tiraba da cisterna e pasaba a vasoiriña ata non deixar nin rastro.

O presidente da Xunta é certamente metódico e antes de botar terra ou poñer aceno de noxo, como fan os mamíferos, cheira ben a fonte da filtración: pensade nos cans. A consecuencia é que ergue a voz para pedir rexeneración, coma Esperanza Aguirre, ou para censurar á ministra Ana Mato, coma Esperanza Aguirre, pero non se explaia na mesma medida co chalé do presidente de Madrid, amigo de Esperanza Aguirre, e cala coma un peto afónico cando se trata do califato mafioso dos Baltar, porque o caso de Bárcenas prodúcenos repugnancia a todos e todas pero fóra diso é máis prudente ir caso por caso, porque hai casos e casos. Por exemplo, volvendo ao clan dos Baltar, porque todos comen do mesmo prato e na hora das necesidades o resultado inevitabelmente parécese, un case chega a confundir as deposicións duns e doutros e iso convérteas a todas nun pouco propias, e semellante identificación axuda a que fedan menos, é natural.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.