A resistencia do pobo saharauí fronte á ignominia do Estado español e seus cómplices

Algo de historia

Se hai un pobo que merece toda a nosa atención social e política é o saharauí. Case 42 longos anos desde a Marcha Verde do 6 de novembro de 1975, momento en que se escenificou o inicio da fuxida de responsabilidade do estado español para co Sáhara Occidental, permitindo a súa entrega a Marrocos. Incumpríase así a recomendación do Comité de Descolonización da ONU que, en 1966, recomendaba a autodeterminación do territorio. En 1974 o estado español anunciara que nos primeiros meses de 1975 tería lugar o referendo de autodeterminación. Aspecto que se vía refrendado polo ditame ao Tribunal Internacional da Haya, que reafirmaba que o Sáhara Occidental non tiña vínculos nin con Marrocos nin con Mauritania. No entanto, os desexos de anexión e ocupación de Marrocos seguían adiante coa sinatura o 14 de novembro de 1975 dos Acordos Tripartitos de Madrid, onde o estado español cedía a administración do territorio a Marrocos e Mauritania. Mais, como se pode transmitir a soberanía a Marrocos dalgo que só pertence ao pobo saharauí? Resulta evidente que non se pode e que o estado español segue sendo a potencia administradora e ten que facer todo o posible para que se materialice a existencia do Estado saharauí.  O 27 de febreiro de 1976 tiña lugar a  fundación da República Saharauí Árabe Democrática.

 

Un pobo segregado, mais unido na causa

O pobo saharauí, composto dunhas preto de 700.000 persoas, vive segregado en tres espazos: o dos campamentos de refuxiados (unhas 165.000), o dos territorios liberados e o dos territorios ocupados (500.000). Un pobo segregado, que soporta todo tipo de dificultades nos campamentos de refuxiados, unha situación que recibe o alivio da axuda de pobos amigos; unha situación que é agónica nos territorios ocupados, onde Marrocos aplica de forma ditatorial a súa man de ferro para procurar reducir ao silencio ao resistente pobo saharauí.

Por riba, incidindo na segregación do pobo e do territorio saharauí, Marrocos ergueu a inicios da década dos oitenta, de norte a sur do Sáhara Occidental, un muro de máis de 2.700 km. Infestado de máis de 7 millóns de minas que, é evidente, representan un enorme perigo para a vida dos e das saharauís a ambos lados do muro. Os datos son difíciles de ter, mais certas fontes estiman unhas 2.500 persoas as falecidas. O muro da vergoña é a materialización evidente da violación de dereitos humanos e un atranco persistente para o exercicio do seu dereito inalienable de autodeterminación  e independencia.

A pesar da segregación, as demandas son claras e relacionan a todo o activismo saharauí:
1) Dereito de autodeterminación do pobo saharauí a través do referendo (cumprimento da resolución da ONU);
2) Defensa contra o espolio da terra e dos recursos naturais;
3) Garantía de dereitos económicos, políticos e sociais, lingüísticos e culturais;
4) Liberación de todos os presos políticos;
5) Abrir os territorios ocupados ao xornalismo internacional;
6) Que a renovación do mandato da Misión de Nacións Unidas para o Referendo no Sahara Occidental (MINURSO) se amplíe a velar polo mantemento dos dereitos humanos do pobo saharauí por parte do goberno de Marrocos.

 

O Campamento da Dignidade de Gdeim Izik

Iniciándose no mes de outubro de 2010, e durante 28 días seguidos, tivo lugar a creación do Campamento da Dignidade en Gdeim Izik. Protagonizado polo pobo saharauí, para reivindicar os seus dereitos, o número de manifestantes chegou a acadar os 20.000, repartidos nunhas 8.000 haimas, durante a súa segunda e terceira semana. Foi unha ocupación pacífica e que ten entre os seus logros o de reflectir novas formas de organización social, que logo veríamos noutros espazos connotados polo que se deu en chamar Primavera Árabe: Kasbah tunecina, praza Tahrir de Exipto, a de Taghir en Sanaa (Iemen), a de a Perla en Manama (Bahréin).

Desde que se impuxera o alto ao fogo, en 1991, controlado pola MINURSO, non tivera lugar no Sáhara Occidental un acontecemento tan importante. A súa pegada no imaxinario saharauí é moi poderosa, xa que representou unha evidencia de que o activismo pacifista podía remover e inquedar ao monstro marroquí, como así foi.

O campamento de Gdeim Izik foi desmantelado o 8 de novembro de 2010 polas forzas de ocupación marroquí. Era o desenlace final dun clima de violencia protagonizado por Marrocos que coñecera o 24 de outubro de 2010 a morte por disparos do neno saharauí de 14 anos, El Garhi Nayem. Froito do desmantelamento, os enfrontamentos seguiron producíndose no interior da cidade de O Aaiún, e foron sanguentos e mortais pois dise que faleceron 11 xendarmes marroquís e 2 saharauís e que houbo centos de feridos polos dous bandos. A represión foi brutal nos días que seguiron ao desmantelamento de Gdeim Izik. As persoas activistas, sabedoras de que eran obxectivo preferente, agocháronse días en casas.

Foi así como 24 activistas de Gdeim Izik foron detidos e confinados no cárcere do Salé en Rabat e viviron na ilegal situación de prisión preventiva durante máis de dous anos (o cal vulnera o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos). Marrocos decidiu que fose o Tribunal Militar Permanente o que os xulgase. Algo inimaxinable en democracia. A primeiras horas da madrugada do domingo 17 de febreiro de 2013 coñecíase a sentenza dun xuízo militar carente da necesaria obxectividade e neutralidade que todo xuízo precisa. A sentenza era unha auténtica ignominia e unha absoluta inxustiza e vulnera as normas que deben rexer a xustiza e a equidade. A relación das condenas non deixa lugar a dúbidas: 8 persoas, cadea perpetua; 4, 30 anos de cárcere; 7, 25 anos de cárcere; 2, 20 anos de cárcere; 3, condenadas polo tempo xa cumprido de cadea.

Debido á presión internacional, Marrocos decidiu finxir que lle importaba o dereito á xustiza e decidiron anular o xuízo militar e someter de novo a xuízo aos activistas saharauís. Son xa, polo tanto, 6 anos e medio de prisión preventiva: algo que debera escandalizar a calquera persoa cun mínimo de sentido democrático. Nestes días de xuño reanudouse o xuízo-farsa (5ª sesión desde que se iniciara o 26 de decembro de 2016) e nada convida a pensar que algo mudará, xa que se están producindo graves violacións á presunción de inocencia e non existen garantías procesais. Son moitas as evidencias de que este xuízo no debe de producirse, comezando polo feito de que se produce en Marrocos e non no Sáhara Occidental ocupado. Ante esta consideración de ilegalidade o presidente do tribunal e a acusación dixeron que o dereito internacional non prevalecía neste xuízo. Estanse falsificando probas e testemuñas. Todo apunta a que existe un evidente desexo de que se ratifiquen por outra vía as sentenzas anuladas do Tribunal Militar Permanente. A Declaración dos Observadores Internacionais asistentes ao Xuízo de Gdeim Izik, na súa sesión do 5 de xuño de 2017 denuncia varios dos feitos que consignamos na redacción deste paragrafo e rematan facendo un chamamento á Comunidade Internacional ante a evidente violación sistemática das garantías procesais e dos Dereitos Humanos, instando á protección dos presos políticos saharauís por parte de Nacións Unidas e institucións internacionais competentes.

Estamos ante a enésima demostración do que é o reino de Marrocos. Pechar os ollos ou ollar cara outro lado porque hai relacións comerciais ou porque Marrocos exerce de xendarme migratorio do estado español e Europa é unha grave irresponsabilidade. Non se pode estar cos verdugos e coas vítimas. Cómpre coherencia e integridade ética. O estado español debe exercer de potencia administradora e concluír o proceso de descolonización para que o pobo saharauí poda vivir en paz no seu territorio.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.