O pasado luns, 27 de abril, a Unión Militar de Emerxencias (UME) abandonaba a loita contra o coronavirus en Galicia.
O pasado luns, 27 de abril, a Unión Militar de Emerxencias (UME) abandonaba a loita contra o coronavirus en Galicia. O aviso fóralle comunicado á Xunta o sábado 25, na reunión semanal do Centro de Coordinación Operativa (CECOP) que reúne a representantes das diferentes administracións a nivel galego.
O repregue (a palabra retirada non existe na linguaxe militar) dos efectivos destacados en Galicia á súa base operativa en San Andrés del Rabanedo, nas aforas de León, foi obxecto de crítica -coa voz baixa- por parte do executivo Feijóo, que non entende este abandono das tarefas de desinfección, sobre todo residencias da terceira idade, que estaba a realizar a UME.
Como xa dixemos noutra ocasión, a UME é un corpo atípico en todo o planeta -coa excepción de Francia- ao ser unha unidade militar que realiza tarefas de protección civil, un oxímoro en toda regra. Os países avanzados -coa salvedade indicada- encargan a protección civil a corpos profesionalizados ou de voluntarios (aí está o magnífico exemplo dos Bombeiros Voluntarios de Portugal), pero sempre alleos ao mundo militar.
A imaxe do Exército
Hai que recoñecer que a UME ten boa prensa; non foi infrecuente durante marzo e abril que os medios de comunicación avisaran da súa chegada a diversas poboacións galegas
Porén, hai que recoñecer que a UME ten boa prensa; non foi infrecuente durante marzo e abril que os medios de comunicación avisaran da súa chegada a diversas poboacións galegas, cando os militares eran en realidade do Tercio Norte de Infantería de Mariña, con base en Ferrol, ou da Brigada Lixeira Aerotransportable (BRILAT), con base en Pontevedra. Parecía tal que a UME estaba en todas partes, cando o don da ubicuidade está reservado a santos da Igrexa (como San Francisco Xavier, que predicaba no Xapón e ao tempo víano na India), e non parece que a UME chegue a tanto. Pero tamén creo que é percibida, e o Exército en xeral, con bos ollos pola maioría da poboación galega; pasaron os tempos dun Exército español cheo de franquistas recalcitrantes. Na miña opinión é unha das entidades que mellor evolucionou desde a Transición ata converterse -salvo excepcións clamorosas, por suposto- nunha institución do Estado como calquera outra.
Un tiro no pé
Segundo comunicou a Delegación do Goberno, a razón do abandono de Galicia é que van “preparar a campaña contraincendios”, un argumento grotesco nuns días en que Galicia está sometida a temporais e chuvascos abundantes, e cando o estado de Alarma -razón de ser da súa intervención- vai ser prolongado ata case finais de maio. Máis curioso aínda é a de que digan que serán substituídos por membros da Brilat ou do Tercio Norte. En que quedamos? Se o labor da UME poden facela uns soldados sen formación especializada... cal é a razón de ser desta Unidade?
Para iso necesitamos un batallón de 800 soldados en León (e 3.500 en toda España), con instalacións, cuarteis, mandos, equipos, vehículos e soldos pagados durante 12 meses... para limpar 5 residencias ao día?
Indo un pouco más alá, midamos a súa efectividade; segundo a Xunta, a UME desinfectou en Galicia unhas 200 residencias de maiores (quedando outras 30 para completar). Durante uns 40 días de labor, toca a 5 residencias diarias. Poñamos que actúan 10 soldados en cada lugar. 50 efectivos. ¿Para iso necesitamos un batallón de 800 soldados en León (e 3.500 en toda España), con instalacións, cuarteis, mandos, equipos, vehículos e soldos pagados durante 12 meses... para limpar 5 residencias ao día? Que a Xunta contrate xa aos equipos de contraincendios (ata xuño están no paro), que amplíe os contratos aos grupos de protección civil ou que contrate a simples parados, pois para manexar unha máquina de sulfatar para botar lixivia diluída non hai que facer un máster en guerra química.
Unha pregunta final: cobrará a UME á Xunta o seu traballo en Galicia?
Outro día falaremos dos partes de guerra da Garda Civil «hemos recuperado 30 kg de naranjas robadas», das declaracións altisonantes de Robles, a ministra de Defensa «la UME ha encontrado muertos en las residencias» (dos que nunca máis se soubo), ou da suposta actuación conxunta das forzas armadas coa Policía e Garda Civil, que chocou coa negativa rotunda de Interior, co que as patrullas militares nas rúas se reduciron a unhas inconcretas e sutís misións de «reconocimiento y presencia» (?!).
E unha pregunta final: cobrará a UME á Xunta o seu traballo en Galicia?.