No mundo aínda hai xente con oficio, a deus grazas, aínda que cada vez uns con moito mais beneficio ca outros. Tamén hai, e cada vez mais, xente sen oficio pero con moito beneficio, herdado ou froito de apañar rendas polo bosque capitalista adiante. Pero un exército cada vez mais numeroso de xente sen oficio nin beneficio percorre o mundo e ninguén o ve; ou fai que non o ve; ou alguén fai por que non o vexamos. Nas nosas sociedades industrializadas a pobreza está moi esparexida e resulta doado agochala dos nosos ollos e conciencias entre os resplandores da riqueza.
É a Santa Compaña dos pobres e desamparados, refugallos dun sistema económico que se converteu en relixión, cos seus dogmas de fe inmutables, infalibles, incontestables. De Pascuas en venres, a situación estoupa e hai protestas masivas en Seattle, París, Madrid, Barcelona...; pelandráns e baldrogas, xente porca e sen educación que berra contra o sistema, contra o status quo das cousas tal e como son. Daquela saen do niño, unha vez mais, os beneficiados do sistema para cantar loas e louvanzas da fe profesada e maldicir as pintas dos que protestan. Coma se agardaran xente vestida de Armani e cheirando a Chanel.
Que en promedio os humanos do século XXI somos mais afortunados ca os antepasados de calquera outro século da historia semella unha afirmación que asinaría calquera de nós. Ademais das comodidades subministradas pola meirande riqueza colectiva, hoxe non vivimos no medo perpetuo a que nos invada un exército saqueador doutra nación e quede con terras e facendas, e coas nosas vidas se nos pomos farrucos (repito, dixen en promedio, que moitos iraquís igual se senten ofendidos); nin ao regresar a casa despois do traballo agardamos atopar estraños sentados á mesa, manducando as nosas viandas; nin tampouco temos que levar o revólver no cinto para tomar un viño sanso a salvo na taberna. Agora ben, se medimos a desigualdade simplemente pola diferencia de ingresos entre os segmentos mais ricos e os mais pobres da sociedade, o mundo actual experimenta unha desigualdade a niveis que nunca ocorreron na historia humana coñecida; e dende os anos 80 a diferencia entre pobres e ricos aumentou de xeito exponencial.
A condición das persoas mais pobres segue a ser a mesma dos tempos antigos, sempre camiñando sempre sobre a raia da subsistencia; unhas vidas sórdidas, crueis e curtas, que dicía Hobbes. As penurias dun famento no 2016 son as mesmas ca un famento medieval, e o seu límite é a nada, que ven sendo a morte ou a desesperación. A riqueza, pola contra, ten por límite o ceo infinito, que é o mesmo ca dicir que non o ten. Acaso ten un límite a fortuna acumulada por Amancio Ortega ou Carlos Slim? A doutrina económica oficial dinos que todo está no seu sitio, que os salarios son ditados pola produtividade, e que salarios distintos corresponden a diferentes produtividades. Ah, xa, que os pobres son xente en por si pouco produtiva. E digo eu, que raios pasou a partires dos anos 80? Por que os ricos se volveron moito mais produtivos? Quizais almorzaban xa con Red Bull? Os directivos das Caixas Pego e Méndez, que gañaban 300 veces mais ca Santiso, o director da sucursal de Antas de Ulla, de verdade eran 300 veces mais produtivos ca el? Pois se así era, o seu caso amosou que tanta produtividade tampouco é cousa boa nin tan desexable. Éche o que hai, que dicimos os galegos.
Polo xeral non pensamos no asunto este da desigualdade e, cando o facemos, adoitamos tratar a desigualdade e maila pobreza como concomitantes inevitables da economía de mercado: uns fanse ricos e outros vólvense pobres, é lei de vida. E non podemos ir na súa contra, xa que está en xogo o progreso e mailo crecemento económico. Pero este estado de aceptación da desigualdade está aguilloado por un grande número de persoas que sacan proveito deste sistema. Que son unha minoría da poboación, pero unha minoría importante, con voz e altofalante, xa sexa pagando para as súas opinións alimenten as leis e sistemas regulamentarios, xa sexa porque teñen mellores contactos e están mellor integrados nos recantos do poder. Pero non só esta minoría interesada xoga a favor da permanencia do estado actual das cousas. Unha recua de economistas, e de xornalistas que cobren o campo da información económica, escriben as súas columnas de opinión, publican artigos en revistas especializadas, ditan conferencias e publican un libro cada cinco ou dez anos.
Un bombardeo ideolóxico continuo de dous mitos: que os mercados dos países industrializados son libres e que os mercados libres son xustos. E todo isto vai creando un corpus de material intelectual que describe como funciona unha economía moderna, fundamentada no egoísmo individual e na man invisible do libre mercado, que é a única posible ou cando menos, a mais mellor. Éche o que hai e non hai outra, que dicimos os galegos.