A saúde como negocio

 Laiovento vén de publicar o libro A saúde como negocio, no que se describe a situación actual da sanidade pública, analízanse as actuacións realizadas polos actuais gobernantes e faise unha valoración das consecuencias negativas que estas intervencións poden ter para a sustentabilidade do sistema sanitario no porvir inmediato. Trátase dun libro colectivo coordinado por Pablo Vaamonde, que tamén escribe un dos capítulos. O resto dos textos pertencen a Mª Luísa Lores, Manuel Martín, Jesús Rey, Marciano Sánchez-Bayle e á Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública de Vigo.

Segundo Vaamonde, "os autores deste libro partimos da hipótese de que as diferentes medidas adoptadas nos primeiros tres anos de goberno de PP en Galicia están motivadas pola mesma estratexia: a precarización dos servizos sanitarios públicos"

Segundo Vaamonde, "os autores deste libro partimos da hipótese de que as diferentes medidas adoptadas nos primeiros tres anos de goberno de PP en Galicia (redución dos orzamentos sanitarios, recorte das prestacións, restricións no acceso aos servizos, limitación dos recursos destinados a investigación e formación profesional etc.) están enmarcadas na corrente ultraliberal e motivadas pola mesma estratexia: a precarización dos servizos sanitarios públicos e a definición de espazos de negocio (a construción e xestión dos centros sanitarios, o control da tecnoloxía sanitaria etc.) que permitan a grupos empresariais afíns apropiarse dunha parte importante dos orzamentos públicos".

No libro preséntase un conxunto de textos de carácter divulgativo, dirixidos a un público non profesional, que pretende describir e analizar as decisións políticas levadas a cabo polo PP no terreo sanitario dende que no ano 2009 ocupou o poder na Xunta de Galicia. Tamén se valoran as actuacións realizadas pola dereita noutras latitudes: Valencia, Madrid, Castela-A Mancha, Catalunya etc. Segundo Vaamonde, consolidando a ruta trazada nas autonomías, "o goberno de Rajoy, aos cinco meses de ocupar o poder en Madrid, tamén realiza severos recortes que danan gravemente a sanidade pública". 

"Este libro é unha achega seria e documentada, mais non imparcial", explica: "pretendemos expoñer argumentos e análises que sexan útiles para comprender as estratexias postas en marcha desde a Xunta de Galicia"

"Este libro é unha achega seria e documentada, mais non imparcial", explica: "pretendemos expoñer argumentos e análises que sexan útiles (aos cidadáns e ás organizacións políticas, sindicais e profesionais) para comprender as estratexias postas en marcha desde a Xunta de Galicia no terreo sanitario e o grave risco que representan para o futuro inmediato da sanidade pública. Poderá ser útil, tamén, ás distintas plataformas para a defensa da sanidade pública que, nos últimos tempos, están a traballar en distintos puntos da xeografía galega para evitar o desmantelamento dos servizos públicos, elementos clave do estado do benestar".

Pablo Vaamonde Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.