O Banco Pastor comezou a morrer o día no que os seus principais propietarios decidiron vendelo ao Banco Popular. Agora, a práctica liquidación desta última entidade nas mans do Banco de Santander remata cos residuos simbólicos do que, noutros tempos, foi unha emblemática empresa financeira galega.
Cando Alberto Núñez chegou á presidencia da Xunta, o sistema financeiro galego pivotaba sobre tres entidades principais: Caixagalicia, Caixanova e o Banco Pastor. As dúas primeiras tiñan unha natureza fundacional -xa que logo, non substancialmente lucrativa- e o terceiro era unha sociedade anónima clásica orientada á consecución do máximo beneficio. As Caixas operaban cun marco normativo específico no que as institucións políticas galegas tiñan unha notábel capacidade decisoria. No caso do Pastor, os condicionantes legais eran semellantes aos que presidían as actividades do conxunto de empresas financeiras existentes no Estado.
Cando Feijoo abandone Montepío -previsibelmente no 2020- o mapa financeiro do País que presidiu durante case 12 anos terá mudado radicalmente. Onde había Caixas de Aforro que posuían unha forte incidencia no financiamento de proxectos produtivos deseñados na Galiza e dispuñan dun volume importante de recursos -a chamada Obra social- para complementar as dotacións públicas nas áreas de benestar e cultura, existe agora unha entidade privada -adquirida a un prezo moi baixo- que obtén atractivos beneficios e que non está obrigada a contributos sociais específicos. E o banco promovido por Pedro Barrié de la Maza certifica a súa defunción absorbido pola familia Botín. A conclusión non pode ser mais contundente: nos oito últimos anos deslocalizouse por completo o centro decisional dos grupos galegos con maior presenza no mercado financeiro galego.
Certamente, non se pode atribuír aos gobernos de Fraga e Feijoo (e moito menos ao bipartito presidido por Touriño) a responsabilidade exclusiva desta desfeita. Os directivos das Caixas (Méndez e Gayoso) e os executivos do banco residenciado na Coruña tiveron unha relevante porcentaxe de culpa na dinámica destrutiva dunhas entidades que contaban cunha elevado nivel de confianza entre os aforradores galegos. As instancias supervisoras -nomeadamente o Banco de España- completaron o tríptico dos causantes desta perda irreparábel.
As equipas gobernamentais de San Caetano e da Moncloa forman parte desa caste de fundamentalistas que invocando o deus laico do mercado negan calquera posibilidade de existencia dunha banca pública. Novagaliciabanco foi privatizada sen razóns convincentes e mentres Bankia seguía nas mans do FROB. E, agora, o ministro Guindos non quixo xogar a carta dunha posíbel nacionalización do Popular-Pastor mediante a intervención de Bankia como grupo comprador. O dogmatismo privatizador ten estas consecuencias: prefiren afortalar unha crecente oligopolización do sector bancario que penaliza seriamente aos usuarios destes servizos financeiros e non teñen reparos en propiciar unha operación que terá uns graves custes laborais. Menos competencia, menos emprego e perda dos investimentos dos pequenos accionistas. Para que serve unha maioría absoluta reiterada do PPdeG? Cantos votantes deste partido saen gañando con esta traxectoria financeira? Mais aínda: pode garantir Feijoo que os actuais propietarios de Abanca non van optar por unha venda futura desa entidade a outro dos xigantes do sector?