A semana máis “negra”

Rematou por fin a semana máis “negra”. “Negra” do carbón dos mineiros reprimidos, e “negra” polo cariz que está tomando a política do PP e os seus anuncios sucesivos de recortes e demolición do Estado de Benestar. “Negra” polo estado de ánimo da xente, polas protestas contra o PP e o nivel da indignación social, que podería -e debería- desembocar nunha auténtica revolta.  Unha semana que se inaugurou coa “Marcha Negra”, que seguiu co anuncio do maior paquete de recortes da Historia, que continuou con protestas por toda a xeografía española, e rematará mañá con outra gran manifestación, á que se van sumar tódolos sectores afectados pola política antisocial e antisistema –eles si o son- do PP.

Eu non teño nada en contra do fútbol como deporte, nin dos que o disfrutan; si do fútbol como mobilizador de masas que nunca se moverían por outra cousa

Criticaba no meu anterior artigo o nivel de mobilización que podía chegar a ter “La Roja”, e unha horda de seguidores fanáticos descalificábame e desexábame o peor coa mesma elegancia coa que a deputada Andrea Fabra profería ese “Que os jodan!” aos parados, aos políticos do PSOE, ou a quen fose, nese baleiro indeterminado no que cabemos todos os que non comungamos coas súas  ideas. Dicía un “comentarista”, anónimo por suposto, que o meu artigo lle parecía pacato como o dun cura de aldea, e que sería como dicir que non se pode disfrutar facendo o amor, por toda a miseria que vivimos. Ben, nada máis lonxe: a luxuria, como diría ese cura, non só é positiva, senón necesaria. Face-lo amor é un acto íntimo e individual, ou máis ben de dous, que non necesita mesturarse con nacionalismo rancio e excluínte, chauvinismo, nin coa violencia máis irracional. O amor é revolucionario; o fútbol, non. O amor –correspondido- e o sexo espertan, moven; o fútbol adormece, distrae, embrutece. Eu non teño nada en contra do fútbol como deporte, nin dos que o disfrutan; si do fútbol como mobilizador de masas que nunca se moverían por outra cousa, nin polos seus dereitos nin polos dos seus fillos, e destes. A política profesional tense tornado paralelamente nun campo de fútbol no que se actúa coa mesma prepotencia, chulería e visceralidade: “Que se jodan!”

A noite do martes 10 de xullo de 2012, os mineiros entraban, como heroes que son, en Madrid e Sol, recibidos por decenas de milleiros de cidadáns. Ao contrario que os futbolistas, non os ovacionaban por facer o seu traballo, senón por defendelo. Por querer facelo, a pesar de que non perciben soldos nin primas milmillonarias coma eles, nin defraudan ao Estado non pagando os impostos correspondentes á Patria que din amar e representar. Porque eles si teñen dignidade, e eles si dan exemplo. Culminaba así a Marcha Negra de case un mes percorrendo centos de quilómetros a pé, e o mes e medio de folgas, peches e enfrontamentos para visibilizar a súa loita e resistir ó exterminio planificado do seu medio de subsistencia dende o Goberno español.  Comezarían aí os “disturbios” das “forzas de inseguridade”, sementando o terror en plena Gran Vía madrileña, dando porrazos e pelotazos “a diestra y siniestra”, mesmo contra xente que non tiña que ver coa protesta. Ao señor José Manuel Sánchez Fornet, líder do SUP, Sindicato Unificado de Policía, parecíalle ben a actuación da Policía, fose unha nena ou unha muller anciá a que recibise o impacto das pelotas de goma.

As políticas antisociais e antisistema do PP tiveron as súas primeiras consecuencias, que non defenderei, mais tampouco condenarei, porque a maior violencia é a económica que practican os representantes do poder financeiro.

Antes, xa os estudantes menores de idade foran tratados, literalmente, como “o inimigo”, pola policía valenciana (e, de paso, e coa súa connivencia , polo Goberno). Logo viñeron os universitarios, os xubilados, os dependentes, as mulleres, os usuarios da Sanidade pública, que somos todos. Mais este sería só o principio da fin. Xusto ao día seguinte, Rajoy anunciaba o maior recorte na Historia de España. Aos empregados públicos (e non só os “funcionarios”, como tentan reducir a unha gran porción da poboación), aos parados (o sector produtivo máis numeroso do país, cun potencial de produción e rebelión inimaxinable) e en xeral a toda a poboación, por vía da suba dos impostos indirectos. Á representatividade do Pobo (e non “popular” precisamente) nos concellos. Toda a bancada “popular” aplaudía como seareiros, e a filla de Fabra berreaba: “Que se jodan!”  Esa mesma mañá comezaba a semana máis “roxa”, roxa non pola Selección, senón polo estado de ebullición da cidadanía indignada: a rebelión dos empregados públicos, que se unirían definitivamente aos parados e aos traballadores precarios na loita. Mañá, tarde e noite, cada día sucederíanse as protestas contra as sés do PP, o Congreso e as institucións autonómicas. O “venres 13”, en honor á película, Mariano I de España e V de Alemania executou a súa advertencia e sacou a rebarbadora para podar aínda máis a árbore do Estado de Benestar, reducindo aínda máis o salario dos funcionarios, as prestacións de desemprego e os soldos e o poder adquisitivo de todos os traballadores.  Deixaba constancia do crime o BOE. As protestas recrudecéronse, con cortes de tráfico, linchamentos verbais e mesmo ataques contra os locais do partido máis impopular de todos. As políticas antisociais e antisistema do PP tiveron as súas primeiras consecuencias, que non defenderei, mais tampouco condenarei, porque a maior violencia é a económica que practican os representantes do poder financeiro.

Por fin parece que o Pobo espertou do seu soño. Sen ter que celebrar unha fazaña futbolística, sae a pelexar con unllas e dentes polos seus dereitos, duramente conquistados e que agora queren facer papel mollado. O xoves 19 hai manifestacións convocadas por todo o Estado para denunciar este ataque frontal ao 99%. Por iso mesmo, porque o ataque é masivo e igual para todos, cómpre máis que nunca a unidade da cidadanía, e por suposto de toda a esquerda. Por riba de divisións estúpidas, detalles nimios e discusións estériles. O contrario é condenarse a morte. Como dicía a sentencia de Martin Niemoeller, erroneamente atribuida a Bertolt Brecht, "primeiro viñeron a buscar aos comunistas, e non falei porque non era comunista. Despois viñeron polos socialistas e os sindicalistas, e non falei porque non era era nin o un nin o outro. Logo viñeron polos xudeus, e non falei porque non era xudeu. Finalmente viñeron a por min, e para ese momento xa non quedaba ninguén que puidese falar por min”. Mais hai outras que si son do gran dramaturgo e poeta alemán, moi acaídas para os tempos. “Ao río que todo o arrinca o chaman violento, pero ninguén chama violento ao leito que o oprime”. E “cando a verdade sexa demasiado débil, terá que pasar ao ataque”. Amén.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.