Vaia, xa está aquí! Por máis que tentei previla, unha vez mais está a cebarse conmigo a temida “síndrome de novembro”! Seguro que estaredes a preguntarvos: Que raio é iso da “síndrome de novembro”?. Pois eu volo explico. Trátase nin mais nin menos, dun transtorno que, cada ano, por estas datas, e cada vez con mais virulencia, nos ataca a todos e todas as que estamos a traballar de corazón, con fe no que facemos e con desexos reales de axudar, na loita contra a violencia de xénero.
Xa polo perfil do doente, intuiredes que non afecta a un sector moi amplo da poboación....soamente a uns cantos. Os síntomas son facilmente identificables: Estupor, impotencia, indignación e xa nos casos mais agudos (nos que me inclúo, teño que recoñecelo), unha certa dose de desprezo, que en ocasións pode ser elevada e mudar en dor e mesmo en vergoña allea.
Cando a contraemos? Cando ano tras ano, ao comezar o mes de novembro, e como por arte de maxia, comezan a xurdir, coma se de cogomelos no bosque se tratase, e durante un período que chegará ata o día 25, todo un elenco de personaxes “hiperconcienciados”, e que durante todo o ano non se inmutan ante a barbarie de tantas mulleres asasinadas, pero que nestas datas sacan a conciencia a pasear en forma de fotos, eventos “solidarios” e, moi importante, un gran despregamento mediático.
Hainos de todo tipo: trepas, políticos (sobre todo cando, como neste ano, hai unhas eleccións ás portas) e colectivos cunha traxectoria como mínimo dubidosa, pero que gardan no seu faiado
todo un arsenal de “atrezzo”, que despregarán nas vindeiras xornadas, con mais ahínco canto mais nos vaiamos achegando ao día “D”, e que volverán a gardar en alcanfor hata o vindeiro ano. Tampouco é cousa de estresarse inutilmente. Se as mulleres seguen a ser asasinadas e non se pode evitar... Pois non se pode, e o día 26, a outra cousa!.
Se as mulleres seguen a ser asasinadas e non se pode evitar... Pois non se pode, e o día 26, a outra cousa!.
Non creades que esta síndrome non ten remedio, porque o ten: Consiste en, e isto é moi importante, cada vez que unha muller é vítima da violencia machista, mirar a outro lado. Imprescindible tamén facer uso de unhas cantas doses (a cantidade vai a criterio de cadaquén) de falta de escrúpulos (se non se atopa este remedio, pode ser substituido sen problema por desfachatez, que tamén e moi efectivo) e que non che importe o mais mínimo usar a dor de tantas mulleres e das suas crianzas, para facer negocio, ben en forma de voto, ou mesmo como xeito “indirecto” de facer chegar o teu currículo a bo porto.
Loxicamente, como todo medicamento, teñen efectos secundarios, pero neste caso bos, e o doente, tras a sua inxesta, pode notar melloras nas suas relacións sociais, subvencións ou prebendas varias, ou mesmo unha cadeira na que ver pasar tranquilamente a vida co peto ben quentiño. Nada que non se poida soportar!
Así que, amigos e amigas, se contraedes esta síndrome, non vos preocupedes, e aquí tedes o antídoto. Eu téñoo complicado, porque tomei outros medicamentos que fixeron interación, e anularon os seus efectos...