A historia recente da socialdemocracia española (PSOE) pon en evidencia que a pesares das súas continuas manifestacións a prol da defensa do sistema público de pensións cando chega a hora de gobernar (Felipe González (1982-1996), Jose Luís Zapatero (2004-2011)) as súas decisións chocan de fronte coas declaracións anteriores, especialmente as feitas cando están na oposición. Unha experiencia que nos leva a pensar que con toda seguridade ese choque volverase a producir mais pronto que tarde con Pedro Sánchez na Xefatura de goberno. Polo camiño xa aparecen voces autorizadas que anuncian tormenta, por caso as recentes declaracións do Secretario de Estado da Seguridade Social (señor Octavio Granado) sobre a necesidade de limitalo pago das prestacións de viuvez (en Galicia a pensión media de viuvez está nos 598,04 euros: que obsesión teñen moitos políticos cos/as mais probes!) ou a saída de novo a escena dos organismos internacionais (FMI, OCDE) reclamando, unha vez mais, a reforma neoliberal do sistema público de pensións utilizando como argumento a súa suposta insostenibilidade. Un argumento que veñen utilizando dende fai décadas a pesares de que as evidencias o desmenten un ano si e outro tamén.
No período democrático (1977-2019) téñense producido en España varias reformas do sistema público de pensións que gardando pequenas diferenzas entre sé tiveron todas un obxectivo común: frear o crecemento do gasto público en pensións e incentivar a extensión das pólizas privadas. Un obxectivo común que na practica se ten traducido nunha ampliación de período de cobertura, unha caída do importe medio e un retraso na idade de xubilación. Si, antes das reformas, en España as pensións públicas medias estaban claramente por baixo dos estados europeos do noso entorno na actualidade o seguen estando a pesares de teren unha das taxas de substitución mais elevadas. Non podía ser doutro xeito dada a natureza das reformas adoptadas que, asemade, conseguiron coa cobertura das políticas austericidas que en España se incremente exponencialmente o número de pensionistas probes: mais de tres millóns de pensionistas españois (32%, 39,2% en Galicia) teñen ingresos por baixo do umbra da pobreza, (GESTHA)
Durante os gobernos de Felipe González (PSOE) tivo lugar a primeira reforma do sistema público de pensións da democracia española. Unha reforma que introducía cambios tanto no período de carencia (o período mínimo de cotización que, para as pensións de xubilación, pasaría de 8 a 15 anos) como na base reguladora (o período de cotización computable ampliaríase de 8 a 15 anos). Cambios que provocaron, na maioría dos casos, unha diminución da base pois o prometio do tempo cotizado pasaba a coincidir co período mínimo de cotización esixido para o recoñecemento do dereito a pensión. Sería tamén a primeira reforma no camiño sinalado anteriormente: maiores dificultades de acceso a unha pensión, menores importes medios e ausencia de garantías de mantemento do poder adquisitivo. Nembargante o goberno (PSOE) conseguía o obxectivo buscado: o aforro no gasto público en pensións mediante o abaratamento da contía media.
Con Jose Luis Zapatero (PSOE) ao fronte do goberno ten lugar unha nova reforma neoliberal do sistema público de pensións (2010) que volve a afectar a base reguladora (o período de cotización computable pasa de 15 a 25 anos), ampliouse de 35 a 37 o número mínimo de anos para cobrar o 100% e aumentase a idade de xubilación (co obxectivo de chegar aos 67 anos no 2027).Cambios que en numerosos casos ían supor un recorte medio das pensións superior ao 38%.
Como é ben sabido o sistema público español de pensións é un sistema de reparto o que significa que si financia en base as cotizacións sociais. Os ingresos, xa que logo, dependen tanto do número de cotizantes como do importe medio das cotizacións quen a súa vez dependen do número de empregos e do nivel medio dos salarios. Variables que durante os mandatos anteriormente citados tiveron evolucións mais dispares que influíron nos ingresos ao par que, loxicamente, aumentaban os gastos debido fundamentalmente ao incremento do número de pensionistas.
Tanto durante os mandatos de Felipe González como de Jose Luís R. Zapatero as políticas neoliberais foron as que predominaron con escasas e raras excepcións. Políticas que, como mostran tódalas evidencias históricas, inciden negativamente nos salarios e no emprego. Os salarios reais tanto durante a presidencia de F. González como a de J. L. Rodríguez Zapatero medraron sempre moi por baixo da produtividade producíndose no primeiro caso (1982/1997) o que se entende por unha estabilización dos salarios e no segundo un claro estancamento (1998/2011) que en realidade foi unha caída. En ámbolos dous períodos os salarios estiveron entre os grandes sacrificados polas políticas neoliberais pois se pode afirmar con rotundidade que os traballadores españois perderon capacidade adquisitiva: si a principios dos anos oitenta os traballadores españois recibían o 73% da renda no 2012 a proporción foi do 61%. Unha realidade que ten moito que ver co carácter cada vez mais dual do mercado laboral español no que os traballadores temporais (que son os que cobran menos e son mais fáciles de despedir) supoñen unha proporción crecente. Unha dualidade impulsada polas reformas laborais neoliberais. A evolución do emprego nos dous períodos considerados foi calquera cousa menos positiva. A pesares de ter declarado que o desemprego era a principal preocupación gobernamental este adquiriu valores moi elevados oscilando durante os gobernos de Felipe González, entre o 16% e o 25% da poboación activa movéndose cando os gobernos de J.L. Rodríguez Zapatero entre o 8% e o 22%. Claro está que, en xustiza, hai que subliñar que o record absoluto acadouse durante o goberno de Mariano Rajoy (PP) cando o paro chegou a superar a cifra de 6.300.000.
Con estes índices de desemprego, nun estado que xa de por si ten unha moi baixa taxa de actividade (58,5%), e uns salarios reais que medran por baixo da produtividade e perden poder adquisitivo resulta compresible que os ingresos por cotizacións se resintan e afecten negativamente ao financiamento das pensións públicas. Dinámica que pon en evidencia que os problemas fiscais do sistema público de pensións en España non deriva duns gastos excesivos, por unhas pensións moi xenerosas, senón duns ingresos escasos derivados dun mercado laboral castigado polas políticas neoliberais que turran a baixa nos salarios e frean o crecemento do emprego.
Neste marco histórico, e con estes precedentes socialdemócratas cabe preguntarse si Pedro Sánchez (PSOE) cambiará a historia da socialdemocracia española postfranquista con relación ao sistema público de pensións?. Axiña o saberemos pero o movemento sindical e os propios pensionistas, que están a espreita, non parecen fiarse moito.