É este un momento tan dramático como o vexo e sinto? Tal que pagou e paga a pena deixar momentaneamente os plans da vida cotiá e implicarse nun proceso de construción política, en pular por un grupo parlamentar soberano nas Cortes? E estaremos erradas as persoas que pensamos así?
A mobilización do 'Prestige' liberou enerxías durmidas ou afogadas na sociedade e deu a medida das posibilidades do noso país
Certamente non afrontamos unha desgraza manifesta, como aconteceu cando o Prestige, que obrigou a tanta xente a transformarse en militante da cidadanía. Aquela mobilización liberou enerxías durmidas ou afogadas na sociedade e deu a medida das posibilidades do noso país.
E, está ben que se saiba logo de tantos anos algo que non foi contado. Aquela loita deixou equipos de persoas que, tras asumir responsabilidades e cargar con custos persoais, tiveran un madurecemento político considerábel e, vendo as insuficiencias dos partidos e da política existente, algunhas consideraron o transformar Nunca Máis nunha ferramenta política. Particularmente, naquel momento tiven claro que non correspondía e finalmente esa posibilidade foi desbotada. Pregúntome agora se ese punto de vista era correcto. Pode que si, probabelmente teriamos creado un movemento político cunha nova cultura e novos xeitos, ilusionante nun principio, mais teriamos a capacidade organizativa e a implantación social e territorial para sostelo? De non ser así, o máis probábel, remataría finalmente en frustración, cousa da que o noso país xa ten abondo.
Non enfrontando algo tan evidente como aquela catástrofe entendo que estamos perante un desafío histórico que vai condicionar o futuro da Galiza. Enfrontamos un custionamento da nosa mesma existencia como país viábel, pódenos conducir a unha extinción da nosa identidade, a unha desertización demográfica e a unha inviabilidade económica semellante a que actualmente padecen varios territorios dentro do Estado español. A que a Meseta semi deserta que rodea Madrid se estenda e sume outras catro provincias. Estou a esaxerar?
Non insisto na evidencia do desastre demográfico, político, económico, cultural..., que ten sido a través dos séculos e das décadas pasadas a falta de dirixencia nacional e a dependencia da Galiza. Abondaría con ollar o que queda do que puido ser o mar e o campo galego e as posibilidades de vida e traballo directas e indirectas, a través da industria de transformación, abondaría constatar as cifras de emigración da nosa mocedade, emigrantes dun país rico ao que se lle impide dispor dos seus recursos, abonda con constatar a desesperación que mostra esta última tractorada.
Non se trata do “sector leiteiro”, esa é a ollada cortesana que non ve que é moito máis que iso, trátase dun desastre histórico nun país en perigo
Non se trata do “sector leiteiro”, esa é a ollada cortesana que non ve que é moito máis que iso, trátase dun desastre histórico nun país en perigo. Non insisto nos nosos problemas que non existen nos medios de comunicación madrileños, o que explica a urxencia da nosa situación está na actualidade española, basta dicir “Catalunya”.
Tras este mes de setembro, tras a Diada e as elecións catalanas, España vai recoñecer que non pode ser a mesma, se é que quere existir. Ese é o marco político das próximas elecións e non ningún outro. Nos próximos días veremos que todo o anterior é vello, a cidadanía galega como tal debe estar ben atenta ao que ocurra.
Tanto ten o que digan ou oculten os medios de comunicación madrileños, o presente e o futuro, tamén o pasado, da política española é a cuestión nacional
Tanto ten o que digan ou oculten os medios de comunicación madrileños, o presente e o futuro, tamén o pasado, da política española é a cuestión nacional. España e o poder político no Estado van ser redefinidos este ano próximo, as novas cortes con probabilidade van ser constituíntes ou atinxir aspectos fundamentais da estrutura do Estado. O que se defina aí vai ser decisivo para o noso país e vai ser decisivo nas nosas vidas. Terá expresión propia a Galiza nese novo tempo? Existirá como un ente político? Seguirá a ser insignificante e obviada neses pactos? Ou teremos forza para negociar? Esas son as preguntas que corresponde contestar e non ningunha outra.
O que a cidadanía galega debe atender non é a axenda dos partidos madrileños, senón unha axenda propia
O que a cidadanía galega debe atender non é a axenda dos partidos madrileños, senón unha axenda propia. Se, representando os intereses dos partidos estatais, o que lle presentamos á sociedade son as súas necesidades destes partidos, as súas cábalas e pactos, daquela estamos a ocultarlle as nosas propias e graves necesidades.
Ademais, iso xa non é posíbel, queirase ou non xa estamos noutro momento porque estes dous meses pasados houbo unha novidade política entre nós. E a proba de que esa novidade era unha necesidade sentida está en que naceu de lugares distintos para confluir nun proxecto común que agora vai nacer. Moitas persoas comprendemos sen volta que é urxente que o noso país teña poder político de seu.
A única novidade é a procura da unidade en torno dunha candidatura nacional galega. Esa é a única esperanza que ten por diante este país. E todo o demais é vello e caducado
A política española non tivo, nin ten en conta os nosos problemas e necesidades e a política galega é unha paisaxe baleira e unha frustración, o único debate político existente na política galega, a única novidade é a procura da unidade en torno dunha candidatura nacional galega. Esa é a única esperanza que ten por diante este país. E todo o demais é vello e caducado. Xente que hai un par de meses aínda consideraba como un camiño posíbel as estratexias madrileñas hoxe está comprometida nun debate para fraguar unha unidade, e xente que pensaba posuír unha patente exclusiva a conservar agora escoita e conflúe con humilidade.
Os cálculos electorais que se facían hai un ano, as enquisas que predicían isto ou aquilo, son un pasado remoto que xa nunca chegou a ser. Fantasías. O bipartidismo español vai ser refrendado apuntalado por dous partidos novos, un a cada lado, e así e todo iso non vai impedir que a Constitución se vaia licuar definitivamente. E entre nós temos un fenómeno novo que non entrou aínda en enquisa electoral ningunha, a nosa candidatura de unidade galega.
Cando se fan cálculos e previsións electorais sen ter en conta que esa candidatura vai existir, que xa é unha realidade en curso de presentarse perante a sociedade, o que se fai é enredar, enredármonos nunha fantasmagoría, en espectros que xa non existen, ficar atrapados no que xa é un pasado que nunca foi.
As cábalas electorais non deben existir por elas mesmas nun espazo abstracto, deben estar ao servizo de proxectos políticos. O matemático Arriola indicoulle ao PP un camiño electoralmente produtivo mais as consecuencias sociais dese camino son temíbeis, que os nosos cálculos electorais estean ao servizo das necesidades sociais deste país tan cheo de capacidades que abrollan cando se lles convoca como necesitado de ser convocado a un proxecto colectivo.
Confluír nunha candidatura propia é tan novo como inexorábel, por necesario para o noso país
Fronte aos vellos cálculos que se baseaban na derrota asumida ou no entreguismo a submisión, o proceso de confluír nunha candidatura propia é tan novo como inexorábel, por necesario para o noso país. As resistencias só nacen de intereses particulares que unha vez e outra introducirán as doses de miseria precisas para dividir. Dun lado estará o tuzarismo histórico, que pretenderá disputar a posesión de esencias imaxinadas, e doutro lado un novo tuzarismo coa soberbia de novos ricos que xa están a especular co que aínda non gañaron.
Uns e outros desvirtuarán os esforzos, sementarán sospeitas, caricaturizarán e estigmatizarán o que pretendemos, porén son anécdotas, o decisivo é o desexo de unidade que xa existe desde hai uns meses nos sectores sociais máis críticos e implicados no cambio social na Galiza. O decisivo é a esperanza de termos un grupo parlamentar propio que pode contar con entre seis e oito deputados que leven alí a nosa voz, os nosos intereses e o noso apoio ás políticas progresistas e solidarias. E non nos han parar. Ese impulso vai reunir tanta enerxía que conducirá inevitábelmente a hexemonizar á sociedade con esa nova cultura cívica, ese novo galeguismo republicano que deberá aspirar a gobernar o noso país.
A boa fe, a limpeza de intencións, a claridade de quen non ten dobre xogo e só ten o único propósito da confluencia da diversidade nunha unidade nacional galega non van ser derrotadas. A necesaria boa fe, a mudanza de actitudes apartando vellos e novos sectarismos, vai ser o que cree ese novo espazo cívico creado por un propósito: servir a este país que tanto o precisa.
Esta fin de semana vaise dar unha confluencia de enerxías para dicirlle algo moi simple á sociedade galega: imos ofrecer unha candidatura unitaria para que a Galiza exista
Desta volta, non van ser derrotados o orgullo de sermos cidadáns e cidadás galegas e a ambición política, por iso esta fin de semana vai nacer unha esperanza que haberá que traballar. Esta fin de semana vaise dar unha confluencia de enerxías para dicirlle algo moi simple á sociedade galega: imos ofrecer unha candidatura unitaria para que a Galiza exista. E vai ser unha aventura tan imprescindíbel como apaixonante.