Tamén podería dicir que a ultradereita mola pero xa me parece sinistro de máis utilizar unha palabra calé, a lingua xitana, para referirme a este tema. Mellor usar o inglés, que é a lingua imperial por antonomasia.
Entre moita xente, a percepción do fascismo e o nazismo está influída pola recreación de películas e libros: imaxinan un mundo gris, cheo de soldados e campos de concentración, psicópatas que matan porque si... E todo isto tróuxoo o fascismo, abofé, pero para gran parte dos que viviron naquel tempo, especialmente en Galicia, que é o que coñezo, o recordo é outro: “Antes podías andar de noite pola rúa que ninguén te molestaba”.
“Antes había un respecto, os alumnos non insultaban os profesores; o que tiña un comercio e roubaba na pesa ía preso na hora”. “O ladrón non tiña a cara de pau de agora, que entra por unha porta do xulgado e sae libre pola outra, porque o collía a Garda Civil e dáballe unha boa tunda antes sequera de levalo ao cuartel”. A ideoloxía fascista mantense no substrato galego como unha posibilidade de orde, de protección da maioría traballadora, decente, emprendedora, fronte ás minorías preguiceiras, desordenadas, sucias ou equivocadas.
Sei que estas ideas son de vellos pero a ultradereita conseguiu reformular moitas delas, actualizalas, matizalas sen rabuñar sequera o cerne da maioría delas para que hoxe en día parezan aceptables. Sempre se definiu o totalitarismo como o sistema no que o poder se exerce sen contar coas leis. Non é certo. Tanto a Alemaña nazi coma a España de Franco tiñan leis e xuíces; moitas desas leis contaron co apoio de moitos colectivos e outras, caso da norma de matar persoas deficientes ou con enfermidades “sociais” (caso do alcolismo) no Reich, foron combatidas publicamente. As presións do cardeal católico Clemens von Galen, entre outros, obrigaron a Adolf Hitler a deter o programa de eutanasia T4 no 1941.
A maioría totalitaria
A democracia real non é a que lle dá todo o poder á maioría do pobo senón a que limita, xustamente, os poderes da maioría a respecto das minorías
Pensabamos que a democracia nos podería librar de leis terroríficas coma esa pero o sistema político non o pode conseguir por si só. A democracia real non é a que lle dá todo o poder á maioría do pobo senón a que limita, xustamente, os poderes da maioría a respecto das minorías. O vello conto do grupo de doce persoas que se pon de acordo para matar o décimo terceiro é ben ilustrativo. Acaso non é unha decisión democrática? Non se tomou por maioría?
No mundo de hoxe en día, o concepto de maioría manipúlase a diario como coartada para a redución de dereitos e liberdades. A canle para crear opinión (ideoloxía) en cambio non se basea nunha construción colectiva maioritaria senón nun férreo control da minoría que controla a economía. Ollemos a quen pertencen os principais medios de comunicación do Estado español. Podemos facer o mesmo co resto dos países do noso contorno.
Analicemos a axenda informativa dos medios públicos galegos. É ben doado comprobar que a axenda é moi homoxénea, xa non só nas noticias que se destacan senón tamén nas opinións que se dan acerca do que pasa a diario. A disidencia queda para as marxes do sistema de comunicación; no centro a discrepancia dáse no superficial. Como ben explica o economista estadounidense Richard Wolff, no centro do sistema protéxese un “consenso” sobre o noso modo de vida (é dicir, o sistema de relacións económicas) que en realidade é imposición das elites dominantes.
En nome dese consenso fannos crer que é razoable que nos rexistren de arriba a abaixo nos aeroportos, que teñamos que andar polas frías baldosas descalzos, cos zapatos dados de si na man. Vemos isto tan lóxico coma que o Pentágono teledirixa un drone que poida matar a calquera en calquera parte desa parte do mundo que quedou ao sur dos muros da civilización. Debo ter moi mala memoria porque non recordo ver ningún telexornal español abrir coa nova de que un avión non tripulado (anxo da morte) aniquilara unha familia que se reunira para celebrar calquera boa nova en Paquistán ou no Iemen.
E cando hai que renovar o consenso, faise sempre en favor dese statu quo. Non lle entrou pudor ao primeiro ministro israelí Beniamin Netaniahu manifestarse a favor da liberdade de expresión nas mesmas rúas nas que meses atrás se manifestaran miles de franceses en contra da matanza do seu goberno en Gaza. Ben ao contrario, os árabes, que nada tiveron a ver nos ataques contra a redacción de Charlie Hebdo e o supermercado parisino, víronse “obrigados” a amosaren explicitamente o seu rexeitamento á barbarie. Non quedaramos en que a democracia é un sistema onde os dereitos e as obrigas, tamén perante a lei, son individuais? Que culpa teñen os alxerianos de Francia do que fagan dous deles?
En realidade, o racismo convive co actual sistema democrático. Moitos pensan que foi Adolf Hitler o primeiro que impuxo leis raciais. Non. Ao igual que fixo ao aprobar a lei de euxenesia, que obrigaba os diminuídos psíquicos e demais marxinados á esterilización, o seu réxime inspirouse –incluso copiou– leis do país que presume de ser o máis democrático do mundo, os Estados Unidos. Cando eu estudaba no colexio, a Sudáfrica do apartheid aparecía no libro como un Estado democrático; tamén Israel.
Prohibido ser pobre
Na actualización do ideario da ultradereita, tan cool, o racismo segue a ser o motor da ofensiva para conseguir ou manter o poder en dúas direccións complementarias: a maioría que ten o poder é agresiva fronte ás minorías, especialmente se estas esixen respecto, e, en segundo lugar, o clasismo que culpabiliza o pobre de selo.
Sería fantástico un mundo no que poder rirmos de todo, no que poder publicar caricaturas de Mahoma ou do rei Felipe VI de Borbón fodendo na raíña Letizia coma se fose unha cadela. Pero na realidade, a liberdade de expresión é unha forma máis da loita de clases. Cando un xornal de dereitas dinamarqués fixo burla de Mahoma non tiña unha inocente intención de cachondeo; canalizaba o crecente antiislamismo, antiarabismo que daquela abrollaba na Europa rica. O periódico que “tivo a valentía” do retrato burlesco, o Jyllands-Posten, é “un diario conservador dirixido á sensibilidade relixiosa dos seus principais lectores: granxeiros luteranos e clase media de provincia”, segundo definición da socióloga Jytte Klausen. Esa porción da poboación que se considera “maioría” por fin puido rir a gusto da minoría pola que se consideraba ameazada. O xornalista e creador de cómics Joe Sacco explicouno moi ben nas últimas datas: a sátira como impulsora da liberdade non é a que se constrúe debuxando negros chuchando bananas no alto dunha árbore nin esaxerando o narigón do xudeu que conta moedas con ollos de gaio.
En España, cando El Jueves satirizou a relación sexual dos daquela príncipes de Asturias cun machista debuxo, a resposta institucional foi inmediata: un xuíz ordenou o secuestro da publicación
En España, cando El Jueves satirizou a relación sexual dos daquela príncipes de Asturias cun machista debuxo, a resposta institucional foi inmediata: un xuíz ordenou o secuestro da publicación por considerar que a portada era unha inxuria á Xefatura do Estado. A mensaxe era clara: se o pobre quere rir do rico, que o faga dentro dunha orde. Sempre me preguntei por que na maioría dos casos xudiciais onde hai acusación popular andan detrás organizacións da ultradereita caso de Manos Limpias ou Dignidad y Justicia. Pensei primeiro que os demócratas andamos faltos de diñeiro para avogados mais quizais a resposta hai que buscala nun corpus legal que protexe especialmente os intereses das clases máis altas e da ideoloxía máis reaccionaria.
A guerrilla de clases
Mais cando falamos de loita de clases, non podemos imaxinar dúas frontes: os ricos perante os pobres nunha infinda trincheira que circunda o planeta. Non. A estratexia é máis propia das guerrillas. Desde sempre, os ricos empregan os propios pobres para combater os máis pobres. O historiador Howard Zinn estudou como nos Estados Unidos se empregaron emigrantes coreanos como cultura dique para que os brancos non tivesen que lidar cos negros. Os indios fixeron o propio no modelo colonial británico, como narran algúns libros do escritor V. S. Naipaul. Non sei até que punto representaron tal papel os galegos de Avión en México.
Hoxe en día podemos observar como o antiislamismo medra en Alemaña. Acaso non terá a ver con iso que o país “máis rico de Europa” está a vivir un empobrecemento xeral?
Hoxe en día podemos observar como o antiislamismo medra en Alemaña. Acaso non terá a ver con iso que o país “máis rico de Europa” está a vivir un empobrecemento xeral? Non será o odio ao musulmán a válvula de escape para unha sociedade amedoñada durante anos para que aceptase menores salarios, menores dereitos a cambio de esquivar o desemprego? Desde a reforma laboral do socialdemócrata Gerhard Schröder, o número de alemáns con traballo non deixa de aumentar. No 2013 bateuse a marca histórica, con 42,1 millóns de ocupados. Mais curiosamente, o número de horas traballadas está hoxe a niveis do 1991. Ao redor do 20% deses traballadores ten contratos a tempo parcial; a pobreza media aumentou o 1% nos últimos cinco anos pero se nos fixamos nas faixas de idade de menos de 25 e de máis de 55, a pobreza medrou un 3%, o que supón que un de cada seis alemáns pasa mal. É dicir, non chega con traballar para vivir. Ao mesmo tempo, os ingresos dos máis ricos do país aumentan, ao igual que os beneficios empresariais. A esperanza de vida entre os alemáns de clase alta e os de clase baixa difire en once anos.
É obvio que o país está inquedo. Mais outravolta o “consenso” do sistema fai máis aceptable o argumento de que non hai traballo porque hai demasiados inmigrantes que porque hai unha repartición desigual da riqueza. E iso que a comunidade islámica máis numerosa, a dos turcos, vive no país desde hai cincuenta anos, polo menos. A Fronte Nacional en Francia é a forza máis votada entre as clases baixas, a que menos ferramentas críticas ten para esquivar o discurso primario da ultradereita que sinala os estranxeiros (a minoría) como responsable dos fracasos das súas propias vidas. O discurso é tan tentador que até se lle desliza, veadamente, de cando en vez, ao primeiro ministro francés, o socialdemócrata Manuel Valls.
Raza non, relixión
O único racismo que é globalmente perseguido é o antisemitismo. Está moi ben que se persiga. Oxalá pasase o mesmo co que mantén os negros nos guetos de Baltimore ou São Paulo
O único racismo que é globalmente perseguido é o antisemitismo. Está moi ben que se persiga. Oxalá pasase o mesmo co que mantén os negros nos guetos de Baltimore ou São Paulo; o que pecha os palestinos en illas rodeadas de checkpoints; o que aceptan xa case sen protestar os xitanos. O asasinato de ao redor de seis millóns de crentes xudeus durante a II Guerra Mundial en campos de concentración é un resorte cun duplo rostro: funciona como culpa íntima para as sociedades capitalistas, que poden admitir o xenocidio sempre e cando non sexa sistemático, como ocorreu en Auschwitz e outros lugares, e tamén como seguro de vitimismo por parte do Estado de Israel, que se envolve nunha traxedia que a maioría dos seus habitantes non viviron, como ten explicado en repetidas ocasións o xornalista Miguel Anxo Murado.
“É difícil que exista no mundo nación ningunha na que o instinto da propia conservación se ache tan desenvolvido como no do “pobo escollido”. A mellor proba disto constitúea o feito de que esta raza continúa a existir. Que pobo experimentou no transcurso dos últimos dous mil anos tan contados cambios como os que exhibe a raza xudía? Que outra raza debeu soportar transformacións máis revolucionarias ca as que soportou esta e logrou, non obstante, sobrevivir intacta ás máis terribles catástrofes? Que ben expresan estes feitos a súa resolta vontade de subsistir e de conservar o tipo!” Quen escribiu este texto? Quizais alguén da Asociación Galega de Amizade con Israel? Algún pai do sionismo? Non. A cita é d’A miña loita, de Adolf Hitler. Considerar os xudeus unha raza e non unha crenza relixiosa foi unha perversión da ultradereita para así mellor poder “desprenderse” desa parte que sobraba na súa sociedade ideal. Ese imaxinario, desafortunadamente, foi recollido por Israel, que en efecto pensa que pode vivir en Palestina coma hai dous mil anos.
E desgraciadamente estalle a pasar o mesmo ao islamismo. A crenza muslime é un trazo relixioso, non nacional. Mais acotío vemos que conceptos como árabe, africano, asiático ou magrebí se confunden na relixión común. O policía francés asasinado logo do asalto á sede de Charlie Hebdo, Ahmed Merabet, foi definido como musulmán desde o primeiro minuto. Non sei nin me interesa se era ou non crente. Alguén explicou cal era a relixión dos debuxantes asasinados? O outro día Jairo Dorado, tradutor e bo coñecedor do Mediterráneo Oriental, explicábame que o gran debate en Palestina era xustamente a diverxencia entre as visións laica, que busca a unidade cultural e política dos árabes; e a islamita, que procura unha rede identitaria baseada unicamente na relixión. Algo así, víñame dicir, como un sionismo musulmán.
Vivimos na parte do mundo segura, a do norte do muro. Loitemos por ampliarlle os marcos, non por reducilos
A ultradereita non volverá ao poder con fanfarrias, bandeiras, botas militares e películas ao estilo de Leni Riefenstahl. Ese folklore ensáiao Amencer Dourado en Grecia, unha caricatura brutal nun país esnaquizado. Na Europa que arrastra a peor crise económica desde o crack do 1929 (punto de inflexión para a toma do poder do nazismo), o fascismo vaise inoculando silencioso, primeiro nos comentarios “inocentes” sobre os xitanos, os romaneses ou os negros e mouros de Melilla; máis tarde en leis que limitan dereitos e por último a través da rendición da sociedade diante da policía, na ofrenda da liberdade a cambio de sentirnos protexidos. O medo é un motor histórico tan potente coma a esperanza da felicidade. O poder sabe administrar moi ben a doutrina do shock da que fala a xornalista Naomi Klein. Non é casualidade ningunha que se organizase un cumio de ministros de Seguridade poucas horas despois dos atentados de París. As medidas que se levaron e aprobaron naquela mesa de poder levan moito tempo escritas, esperando no caixón a hora precisa na que poñelas en práctica. A promesa de seguridade completa é unha utopía. Vivimos na parte do mundo segura, a do norte do muro. Loitemos por ampliarlle os marcos, non por reducilos porque por moito que pensemos que nós formamos parte da maioría que decide, cando menos nos deamos de conta, outra maioría decidirá que facer contra nós.