A revitalización do nacionalismo contemporáneo apareceu procurando a unión do pobo galego, a esquerda sempre procurou l'Unitá coreando que o pobo unido xamais será vencido, E pluribus unum di o lema nacional USA, e Juan Pardo cantaba claro: "Xuntos máis fortes, non haberá quen poida, miña nai querida, xa o sabemos ben". A unión sempre é bonita, fai a forza e convirte a esa xente unida nun suxeito colectivo potencialmente invencible. O problema é quen se xunta a quen, quen ampara da unión, se debe haber pau de palleiro, cales son os presupostos da unión. É habitual comprender a unidade como que os outros se aveñan ao que digo eu, xa se sabe que son eu o que quero a unidade e se non se suman é porque non son unitarios, poden ser irresponsables, traidores, esquizofrénicos, pero unitarios non.
Unidade orgánica
Houbo un tempo no que a administración da unidade se xogaba no plano organizativo, contando maiorías militantes. A hexemonía social -gañar a batalla política e das ideas na sociedade- era un obxectivo secundario, entendíase que a fortaleza interna era a que permitiría o avance das posicións políticas, a cohesión e a suma de militantes era o importante, a correlación de forzas internas determinaba quen era unitario e quen disidente, á marxe do que acontecese de portas para fóra. Deste xeito, as loitas faccionalistas operaban coa lóxica d'A vida de Brian, non tanto pola grupusculización en si, canto pola súa derivada principal: os únicos a quen se odia máis ca os romanos é aos disidentes, e chega un punto que xa non sabes ben se o traidor do traidor é un aliado ou un recontratraidor. Hoxe pódese situar a posición política de moita xente por algunhas palabras fetiche pero sobre todo observando a quen detesta máis. Os romanos tanto ten.
Unidade liquida e gasosa
O tempo da xestión orgánica da unidade rematou, e Amio foi un símbolo dese cambio de época. Por suposto pasaron cousas politicamente máis importantes como o 15M e había moita máis vida fóra que dentro de Amio, pero si que foi un punto de inflexión importante se temos en conta a 'autonomía da política'. O BNG, moito máis alá de que se comprendese na súa versión nacionalista, deixaba de ser o grande espazo onde se articulaba a unidade o cambio político. A desorientación posterior é coñecida, sabíase de que se escapaba pero non cara onde se ía, hoxe sabemos que non era unha simple crise interna, o propio tempo histórico era un momento de apertura e confusión.
As eleccións galegas premiaron a proposta da Alternativa Galega de Esquerdas, pero logo se viu que o vello aguanta máis do que se pensa
As eleccións galegas premiaron a proposta da Alternativa Galega de Esquerdas, pero logo se viu que o vello aguanta máis do que se pensa. Tamén se pensou que a aceleración do tempo histórico tiña que que ver cun suposto momento destituínte, como se o tempo xogara só en contra do adversario. Houbo quen pensou que abondaba sentarse a esperar a caída do réxime, nunha nova versión teleolóxica do materialismo histórico, deixar que aconteza, empuxar un pouco, e agardar a levantar sobre as ruínas, iso si, coller boa posición para o día despois. Témome que non vai así. Temos que vencer, e non está tan claro que poidamos, é posible, pero precisaremos toda a forza e a intelixencia que poidamos xuntar. En todo caso sabemos que a aceleración do tempo aféctanos a todas, acumulamos experiencias varias que aguantan mal os momentos posteriores aos trunfos electorais. Pasámonos de moda. Dicía o antropólogo E. Gellner que as sociedades tradicionais esaxeran o seu inmobilismo, e as modernas a súa mobilidade, isto mesmo esta acontecendo cos partidos tradicionais e as forzas emerxentes, non só polo interese, tamén pola diferente concepción da realidade e do tempo. Desde logo agora como dicía a canción de Manu Chao vai "mu rápida la vida", de feito esta unidade orgánica que era o marco de xogo hai poucos anos semella xa doutro século.
No noso país temos un escenario privilexiado para comprender o que está pasando, e saber o que facer. Vou contar o avance político último como 4 momentos de unidade (3+1 por vir): AGE, Podemos, Mareas, unidade popular complexa, pode parecer como unha mesma evolución por fases e na realidade non é iso, mais si que os momentos posteriores incluíron e aprenderon das experiencias previas.
Unidade 1.0. AGE
Logo de big bang de Amio non estaba claro como debía ser o big crunch, parecía que o sensato era reconstituír ese espazo e amplialo, pero non se sabía como. Esta nova apertura activou distintos rumbos, a procura da centralidade como centrismo por parte de CxG abrindo campo cara o galeguismo moderado, e a procura da centralidade mudando o foco a través da crítica do bipartidismo existente con AGE, abrindo o campo cara a esquerda rupturista. AGE removeu as mansas augas da política galega, era unha proposta política moi precaria, sen apenas novidade programática nin organizativa, pero rompeu un molde, o encontro de nacionalistas e non nacionalistas, xunto a unha crítica ácida á política de sempre e Beiras canalizando a rabia social.
A unidade 1.0 alimentaba unha esperanza: deixar de lado os ideoloxismos, o encontro entre esquerdas plurais e romper coa resignada aceptación do existente. Reducir AGE a unha coalición de partidos non permitiu comprender a súa potencia como movemento de cambio. O fenómeno emerxente xestionouse pola vella, cos apaños tácticos dos vellos e novos aparatos. A xente quería moito máis que unha boa coalición, ofrecéuselle bastante menos.
Unidade 2.0. Podemos
É un lugar común comprender AGE como un antecedente de Podemos, Anxo Lugilde xa nos contou que Pablo Iglesias aprendeu por aquí como se podía. Podemos foi moito máis alá de AGE, a cuestión era darlle cauce non só á rabia senón tamén á pulsión cidadá de participar no cambio, e rompeu outros tres moldes: a redución da participación á forma partido ou sucedáneos, o encasillamento discursivo que sempre situaba o transformador como marxinal, e a falta de ambición renunciando resignadamente a vencer. O clamor polo novo premiou a experimentación, falaban idiomas que entendía calquera e facían verosímil a ambición maioritaria. Non está claro que era nin se esta vía servía, pero estaba claro que as outras era o de sempre, retornaba o principio de esperanza. Todo era moi precario pero moita xente dáballe -nunca mellor dito- un voto de confianza, era osíxeno nun aire viciado. Miles de persoas que non participaran en política facíano e tiña todo o encanto dos momentos constituíntes, xente facendo algo novo en común.
A hexemonía só se gañaría xerando un novo sentido común no que se conectase a alternativa coa pulsión social de cambio. Non se trataba de que a sociedade asumise ideoloxemas-programa-tradición de esquerdas, para romper o marco dominante había que polarizar a dinámica política entre unha pequena elite privilexiada e a xente vítima da inxustiza. Ocuparon unha nova centralidade ao sintonizar coa rúa, comprendemos que eran alternativa cando foron ameaza real aos poderes fácticos, ao entremado de corrupción, a esa casta que nos abocaba á miseria. Todo semellaba crible. Os inimigos eran poucos, poderosos pero vencibles. O Grândola enchía as prazas, esperanza 2.0.
A aceleración do tempo volveu actuar. O que era emerxente pronto parecía detido, non avanzaba
A aceleración do tempo volveu actuar. O que era emerxente pronto parecía detido, non avanzaba. O maldito Gadamer volvía ter razón: non hai nada máis obsolescente ca o novo. A proposta líquida comezou a espesar. O que se concibía como unha ferramenta coas formas da nova política entendeu que debía xogar coas regras da competición electoral. E xa se sabe que se te organizas como un partido, actúas como un partido, se dirixe como un partido... se percibe como un partido. A ferramenta cidadá unitaria acabou tendo unha dobre natureza, un lugar para o wishful political thinking, un espazo de participación cidadá onde cadaquén proxecta o que desexaría, e ao mesmo tempo un actor político, sólido e ríxido coma os croios. A lei da gravidade electoral tira dos obxectos políticos cara o chan, aínda que sexan non identificados. O efecto realidade das autonómicas e municipais situounos nun 15-20%, moi loable, pero moi escaso para vencer. Hai tempo reclamei para a nova política a formulación misteriosa da física cuántica para pensar conxuntamente a política da organización e o movemento, as nosas 'luces' precisan que as partículas se comporten como ondas, e viceversa. O que comezou a abrirse con Podemos rematou sendo máis real en diversas iniciativas municipalistas.
Unidade 3.0. Mareas.
O misterio das mareas podería ser este, operar a un tempo coa materialidade e posición das partículas, xunto a velocidade e ausencia de masa das ondas. Igual que na física cuántica cando aplicas métodos de observación -diriamos aquí demoscópicos- só detectas os corpúsculos, pero as ondas están aí aínda que non se vexan, ao mesmo tempo. Penso que isto é máis que un símil, as mareas non foron comprendidas porque só se apreciaban as partículas partidarias, militantes, organizativas..., e non se percibía a intensidade e extensión da vitalidade cidadá, da intelixencia colectiva, da enerxía colaborativa. Comprendelo en clave dinámica, na intelixencia o importante non son tanto as neuronas como as conexións neuronais. As experiencias da Marea Atlántica, Compostela Aberta e outras están sendo a grande experiencia de innovación democrática deste tempo. Diriamos que inclúen e superan a unidade 1.0 e 2.0, non é unha simple oferta para o mercado electoral, é un movemento cidadán/iniciativa política que desborda a suma das partes.
Os definidores do posible sempre ridiculizan como cándida calquera iniciativa que pretende innovar. Ben sexa polo interese, ben por ten a cabeza formateada en códigos binarios a conclusión era semellante: o que dicides é moi bonito pero non serve para o mundo real
Todo isto ten relevancia práctica, non só teórica ou analítica. Os definidores do posible sempre ridiculizan como cándida calquera iniciativa que pretende innovar. Ben sexa polo interese, ben por ten a cabeza formateada en códigos binarios a conclusión era semellante: o que dicides é moi bonito pero non serve para o mundo real. A política de verdade sempre era para quen sabía, xente madura, para quen tiña oficio curtido na real politik, para homes; os experimentos con gasosa. Agora resulta que a política liquida e gasosa non só erosiona senón que derrota a pétrea. As mareas gañaban en terreo inimigo, trunfou o que parecía un lastre: ética, coherencia, política a escala humana, honestidade, sen promesas de cemento, candidat@s sen oficio na política tradicional, democracia aberta nas prazas, xente falando, escoitando e colaborando nun desexo común. E por que non dicilo, ás veces as mareas tamén adoeceron de moita precariedade, que non era opción era carencia, reflectindo a brutalidade social do contexto, a política como a vida mesma. Iso aínda a facía máis real, a verdade era verosimil. O capital intanxible da cooperación, da ilusión, da imaxinación, a potencia da multitude valía máis ca os orzamentos, a militancia, a influencia mediática ou o know how electoral. Invertíase o razoamento, innovar e apostar polo que cres tiña recompensa fronte as receitas e a política impostada. A sintonía coa sociedade viña pola vía da empatía, o cotián e a implicación plural da xente en vez da prédica ideolóxica ou os cálculos de marketing sobre o votante medio.
A diversidade das mareas tamén nos serviu para comprender o seu alcance, houbo algunhas que foron unha versión ampliada de AGE (en versión +/- Podemos), outras con centralidade cidadá non conseguiron a confluencia, a casuística é ampla. As elección municipais permitiron ponderar a súa forza: con carácter xeral as propostas AGE (son) ou Podemos situáronse por baixo do 15% cando foron soas, a suma AGE+Podemos andou no 20%, o protagonismo cidadán con confluencia por riba do 30%. Este non é só un debate cuantitativo, a clave está na capacidade de vencer, disputarlle o primeiro posto ao PP sendo alternativa principal de goberno. Iso só se consegue canalizando toda a ambición democrática de recuperar as institucións para a xente.
Unidade 4.0. Unidade popular complexa
Agora sabemos que a proposta mareas non só é desexable, tamén é exitosa. Tamén sabemos que as mareas non son reducibles a receitas, mostran o sentido pero non hai fórmula. A política a escala humana ten moito de artesanía, establecendo dinámicas colaborativas entre xentes e comunidades concretas. A alquimia nunca se aclara sobre o elixir do trunfo popular, non coñecemos as doses nin sequera ben todos os compoñentes.
Porque de que falamos cando falamos do protagonismo cidadán? Cidadáns somos todos e todas, as persoas afiliadas non son menos cidadáns, mesmo é posible que teñan un plus de dedicación ao colectivo, pero todo o mundo comprende o que significa combater as lóxicas dos partidos como vella política. Máis difícil é comprender o que é iso das mareas e que a cidadanía manda, vou explicar -para xente ben intencionada- o que a min me parece, diriamos as características chave que na realidade sempre son imprescindibles ma non troppo:
1. creación colectiva: a proposta política é froito da participación da xente, o proxecto é unha creación común na que o resultado non está predefinido nin é unha suma de individualidades;
2. participación aberta, a xente implícase coa lóxica dos movementos, a organización é porosa sen saber ben onde está o dentro e o fóra, que busca a apertura no territorial, no temático, nas redes, fronte a suma de militantes;
3. democracia inclusiva, o proceso está baseado na confianza baixo o principio calquera pode participar, ninguén pode controlar, a través de dinámicas de participación democrática horizontal, evitando a súa captura ou bloqueo por parte de partidos, trolls, grupos de interese...
4. igual participación, todas as persoas participan en calidade de cidadáns en pé de igualdade, a xente que non milita intégrase de xeito non subalterno, ou sexa, a política non é só para iniciados;
5. autonomía social, as iniciativas e movementos cidadáns son axentes clave para a cambio social, as iniciativas políticas cidadáns contan coa súa intelixencia e enerxía de transformación, desde o maior respecto;
6. espazos deliberativos, os debates son lugares amables nos que a xente razoa, se emociona e decide en común, as persoas transforman e se transforman no proceso sen sensación de renuncia, fronte as formulacións gañar-perder;
7. proxecto compartido, a construción de alternativa non é unha agregación de demandas, de propostas ou de forzas, tratase de articular un relato que ten sentido, os participantes senten que son parte dese desexo común;
8. sentido común, trátase de xerar un relato con vontade hexemónica capaz de mudar o marco de interpretación da realidade -situación e alternativas posibles- sintonizando coas razóns e emocións comúns da xente;
9. confluencia cidadá, as organizacións transformadoras e cidadanía sen adscrición deben confluír nunha proposta de cambio no que se aceptan as regras de xogo da democracia participativa aberta, sen preeminencia dos partidos;
10. as persoas primeiro, os problemas e as inquietudes da xente son o centro da acción pública, definidos nos termos das persoas implicadas, o labor dos gobernos é promover o desenvolvemento humano;
11. praxe, ata agora os militantes políticos dedicáronse a predicar a importancia do pobo, do que se trata é de practicar a democracia coa cidadanía como protagonista.
A clave hoxe está na credibilidade e a cidadanía aquí cobra un papel primordial na percepción da proposta
Non pretendo facer outra gracieta coas teses sobre Feuerbach, o que quero dicir é que boa parte 'rupturismo' da mareas foi facer o que dicían. Non tanto contar o que pasaría o día que tomaran o pazo de inverno senón mostrar no outono e na primavera outra forma de facer, e facelo nas prazas. A clave hoxe está na credibilidade e a cidadanía aquí cobra un papel primordial na percepción da proposta: quen enuncia, con que palabras, en que lugares, sobre que, con que sensibilidade e as mareas significaban unha honestidade brutal, política de proximidade mirando aos ollos. Claro que se podía, non era unha promesa, a democracia non era un conto, era unha práctica, a materialidade da esperanza. A radicalidade das mareas non era por extremista era por ir raíz. Cos pés na terra e paxaros na cabeza. Hoxe tamén se pode, sempre e cando se comprenda que o importante para o trunfo da marea galega sería o protagonismo cidadán, esa cousa etérea e incomprensible que supuxo a pequena diferencia entre vencer e non importar.
Unidade sen hexemonía: pannacionalismo, panesquerdismo e outras empanadas
A alternativa debe recoller toda traxectoria emancipadora dos galeguismos e das esquerdas, pero penso que debe evitar calquera formulación que pretenda reducir esta creación cidadá plural a un ecumenismo de igrexas vellas ou novas, nin sequera a unha suma de tradicións valiosas. É habitual que sexamos dependentes da traxectoria propia -path dependency-, diriamos que pesa moito máis de onde vimos, a secuencia das decisións previas, que a realidade do momento. Ninguén é alleo a súa historia ou a do seu grupo, nin se trata de prescindir da mesma ou enmascarala, a clave é pensar que o futuro o facemos nós, non está escrito de antemán. Tampouco deberamos comprender o encontro como cesión. A metáfora da parcelaria non é moi útil, pensa nunha realidade acoutada na que só hai que reordenar aos propietarios existentes e xuntar fincas, sabemos que o mar non ten cancelas, as mareas tampouco.
O problema aparece cando se establece un perímetro que limita quen debe de arrexuntarse, de partida ou de chegada. Isto é unha opción perfectamente lexítima por suposto, pero segundo eu o vexo ese límite sería limitativo da potencia cidadá que permite vencer
Por outra parte, o problema aparece cando se establece un perímetro que limita quen debe de arrexuntarse, de partida ou de chegada. Isto é unha opción perfectamente lexítima por suposto, pero segundo eu o vexo ese límite sería limitativo da potencia cidadá que permite vencer. Ben sexa xuntar aos nacionalismos ou as esquerdas tal e como as coñecemos, deixaría de lado o carácter verdadeiramente innovador e a súa aspiración maioritaria. Esquerdismo e nacionalismo -nas súas versións reducionistas- poden converterse en enfermidades senís da democracia. O problema non é a súa irresponsabilidade xuvenil, é máis ben a súa esclerose discursiva, que acaba convertendo as identidades partidarias en fetiche, o activismo en patriotismo militante e burocracia, a vitalidade transformadora en maquinaria.
Se formulamos a proposta como a unión dos e das nacionalistas -máis ou menos ampliada- significa concibila como unha nova parcelaría, unha nostalxia cara os soñados momentos onde estabamos 'todos' xuntos. A min paréceme que calquera tempo pasado foi antes. Opera unha idealización que é comprensible en momentos de crise, pero non está de máis lembrar que o BNG só acadou nunha ocasión o 18% en 2004 do voto galego para o congreso -a certa distancia por tras do PSOE e cando o PP alcanzou o 54%-, eran uns magníficos resultados cando semellaban unha progresión cara un novo período, pero logo se viu que era a excepción a unha serie histórica que se mantivo no 12%. O asunto hoxe non pode ser aspirar a xuntar todas as forzas galeguistas e ser a grande representación do pobo galego, do 12% do pobo galego. O peor aínda é pensar que ser coherente implica non aspirar a máis, entender o encontro e a mestura como renuncia. Podendo ter 0/2 deputados para que imos ter 10, grupo parlamentario e determinar o próximo goberno do Estado.
Opera unha idealización que é comprensible en momentos de crise, pero non está de máis lembrar que o BNG só acadou nunha ocasión o 18% en 2004 do voto galego para o congreso
Outra deriva posible é o panesquerdismo, comprendelo como a unión de todo o que queda para alá do PSOE. A pauta é similar, encaixar á sociedade nuns esquemas predefinidos que confunden a sociedade: dis anticapitalismo e enténdese abolición da propiedade privada e o mercado, dis loita de clases e enténdese defensa corporativa dos obreiros fabrís ou o desprezo dos traballadores precarios e autónomos. Por favor que ninguén me explique que isto non é certo, o que quero dicir é que claman pola maioría pero non falan con palabras recoñecibles por esa maioría. Igual a alienación non está do lado da xente, senón de quen articula as propostas transformadoras. O pobo non é contrario aos cambios, o que sucede é que determinadas etiquetas impiden unha formulación hexemónica. Se calquera modificación se ve como revisionismo gatopardista xa estamos noutra deriva marxinalizadora, igual menos marxinal que a anterior pero que se contenta con ser a terceira forza e a verdadeira esquerda. Rupturismo que nunca chega a romper. Por suposto que os valores da esquerda deben inundar as propostas pero temos que evitar que nos encasille o adversario, recuperar moitas palabras para nós, liberdade ou democracia e tamén iniciativa ou responsabilidade. Temos que ocupar a centralidade, claro que si, e iso significa construír un novo sentido común sobre a base do sentir popular, a loita pola hexemonía implica entrelazar a comprensión popular da realidade coa emancipadora, de xeito que a realidade deixe de percibirse como un estado natural ou de resignación sen-alternativa para adquirir unha dimensión política, pode cambiar e está na nosa man facelo. Eu como Žižek tamén "Estou farto desa esquerda marxinal que non só sabe que nunca chegará ao poder, senón que secretamente nin sequera o desexa". Por sorte hoxe aspirar a vencer compréndese como 'poder para' transformar, e non como arribismo.
Por último outra actitude que impediría a unidade popular é a crenza nos salvadores, eu si que creo nos liderados e aínda máis nas persoas que son referentes sociais. Hai un par de anos comentaba tamén en Praza a respecto de Beiras "Moitos non buscamos un mesías, nin un heroe, nin un líder que nos guíe, que saiba o que hai que facer en cada momento. Beiras ten unha enorme intelixencia política e intuición pero eu non penso sentar a esperar o que pensa, o que opina ou o que di, eu quero facer en común con el e coa maioría social". O mesmo me acontece con Pablo Iglesias, teño unha alta consideración e quixera colaborar con el e toda a súa xente nun proceso de transformación profunda, pero ten que operar como un catalizador do cambio e non como un guía. Moitas e moitos queremos participar nese proceso con ilusión, e hei de facer todo o posible para xuntarme a maioría cidadá que sabe que só podemos se o facemos xuntos. Eu penso traballar en común, non seguir a ninguén, como dicía o chiste do señor que recibía a uns mormóns na casa: "home, xa non creo no meu, que é o verdadeiro...".
Hoxe sabemos que Podemos só non pode, vímolo en moitos lugares de Galicia e en Madrid. Para que unha alternativa na que participe Podemos trunfe en España ha de haber unha alternativa de unidade popular maioritaria en Galicia
Hoxe sabemos que Podemos só non pode, vímolo en moitos lugares de Galicia e en Madrid. Para que unha alternativa na que participe Podemos trunfe en España ha de haber unha alternativa de unidade popular maioritaria en Galicia, é dicir, se Podemos se presenta só tería uns resultados que non irían moito máis alá do 15%, o que supón frustrar o desexo de cambio no noso país, pero ademais podería significar a imposibilidade de articular un cambio a nivel de Estado. Eu quero crer o que dixo Podemos desde o comezo e que a unidade popular é posible.
O vello Z. Bauman contábanos que as realidades políticas sólidas vense superadas polas líquidas, e mesmo polas gasosas. Pero hai que ter coidado cos estados da materia e os seus cambios, chamamos sublimación ao paso de sólido a gas, e ao paso inverso denomínase 'deposición'. Todo o gasoso pode reificarse e facerse fetiche, máis cousa que movemento. Obviamente a política actúa en todos os estados: todo o sólido esvaece no aire (Marx), agora vemos como partidos pétreos fan augas, con desgastes que van máis alá da erosión; tamén vemos unha 'nova' real politik na que o que semellaba máis etéreo opera coa contundencia da tectónica de placas. Coas mareas comprendemos que a implicación da xente non quere partidos, un novo patriotismo de partido coas lóxicas, as marcas e as lealdades partidarias bloquearían a potencia cidadá. Se prima a fidelidade sobre a confluencia vai disuadir a moitos e moitas que queremos camiñar xuntos, non sei se será prepotencia actual, o que será seguro é impotencia futura.
As forzas políticas están actuando para que a unidade se faga nos seus termos. Dá un pouco de pudor ver como grandes defensores dunha marea galega a xentes que non só foron escépticos das mareas existentes, senón que as combateron de forma activa, dicindo -e facendo- cousas bastante feas. Nada máis lonxe de min que preservar o mundo mareas para as/os cidadanistas, ten que ser un espazo hibrido onde nos remexamos xentes diversas, pero no que as regras do xogo son as das iniciativas cidadás. É magnífico que se comprenda a vía marea como (a única) alternativa capaz de vencer á dereita, aínda que sexa por sobrevivir. É unha alegría ver que podemos coincidir na pluralidade e que van quedando de lado vetos como a escisión nacionalistas-non nacionalistas. A clave é conseguir o marco cidadán de confluencia, onde forzas políticas e militancia actúen como cidadáns, se operan como soldados, como lobby ou de xeito instrumental non vai funcionar. A experiencia amósanos a abundancia política dos reis Midas, que converten en metal todo o que tocan, a auga, o pan, as bandeiras ou a xente. E pensan que lle dan valor.
Desde Galicia para o mundo
Un programa clásico da televisión, Desde Galicia para o mundo, dá conta do país trasladando unha visión do mesmo un tanto edulcorada. Eu que son un gran valedor dun relato positivo do país paréceme un tanto inefable esa lectura na que calquera 'recanto da nosa terra' sempre é 'o máis' nalgunha cousa, o máis insólito sempre. Galicia oscila entre alcaldes facendo publirreportaxes naif e intelectuais contando que o país non dá para máis, co síndrome que chamei noutro lugar identidade negativa de segundo grao. O bo sempre pasa noutro lado. Teño para min que nestas eleccións Galicia está na cabeza das experiencias municipalistas máis interesantes, Barcelona abriu camiño e prendeu a mecha en moitas cidades españolas, pero moi poucas co nivel de ilusión, de innovación, de éxito da Coruña e Compostela. O universo municipalista foi un espazo colaborativo en código aberto e fomos aprendendo todas, unhas das outras. Mais fronte a esa concepción mimética na que se pensa que por aquí sempre se fan versións adulteradas do que pasa en Madrid ou Barcelona, os experimentos das mareas foron un referente, e desde logo hoxe mostran camiños posibles.
Os mellores exemplos, os maiores saberes, a maior lexitimidade e as enerxías máis poderosas para o cambio están aquí. A potencia dunha posible marea galega é enorme, mesmo para irradiar o cambio a nivel de Estado. En Galicia están pasando as cousas politicamente máis interesantes e o ámbito español é onde poden acontecer cousas máis relevantes a nivel europeo. Con Nunca Máis o mundo mirou para Galicia, co 15 M o mundo mirou para España, esa corrente ten moito recorrido. Eu si quero ser protagonista dese cambio que recupere o goberno das nosas vidas, quero que a cidadanía galega, que aposta maioritariamente polo cambio, conflúa nunha iniciativa conxunta. A min si que me importa o que pase no Estado e o que pase en España. Son habituais as posicións dicotómicas sobre a representación do pobo galego no congreso, por unha parte, quen comprende como valedor de Galicia de Madrid, desentendéndose do goberno do Estado; e quen se concentra en soster ou combater o goberno español, desentendéndose da consideración de Galicia como suxeito político.
Os mellores exemplos, os maiores saberes, a maior lexitimidade e as enerxías máis poderosas para o cambio están aquí. A potencia dunha posible marea galega é enorme, mesmo para irradiar o cambio a nivel de Estado
Ao meu xuízo as propostas de marea galega que recoñecen ao pobo galego como un suxeito político nacional e promoven un grupo galego no congreso deberían integrar ambas dimensións. Por unha parte, representar á cidadanía galega como suxeito político autónomo ao que se deben e han de render contas e, por outra, participar activamente na grande onda de cambio que agardemos chegue neste inverno. Nin reducionistas nin subalternos. Penso que debemos ser máis ambiciosos e proactivos na relación co Estado, hai que ir máis alá do tradicional 'facer valer a nosa voz en Madrid', demandar competencias, e contar para que nos traten como Cataluña e o País Vasco, para non perder posicións e descender a rexional preferente... Non debemos permanecer nunha posición defensiva. O importante sería que de xeito práctico a maioría social galega operase como un suxeito político autónomo, facéndoa partícipe do cambio a nivel estatal e incorporando a vindicación de Galicia en canto comunidade nacional nos procesos constituíntes que se aveciñan. Que a cidadanía galega sexa protagonista na conformación complexa dun modelo de Estado no que a xente manda, tamén como galegos e galegas, non só nos investimentos territorializados ou nas políticas 'que nos afectan', cales non nos afectan?. Claro que importa o goberno do Estado, e ten que estar Galicia pero sobre todo debe estar o pobo galego. Demos, plebs, populum.
Penso que as ondas da marea deberían chegar ata as eleccións galegas, non me fagades moito caso que son de terra a dentro, pero eu vexo que moita xente está clamando por esa grande iniciativa cidadá de encontro
Penso que as ondas da marea deberían chegar ata as eleccións galegas, non me fagades moito caso que son de terra a dentro, pero eu vexo que moita xente está clamando por esa grande iniciativa cidadá de encontro. Non se trata de apaños tácticos para saír do paso: nesta que estou débil imos xuntos, a seguinte que é a miña xa vou eu só, unha xeometría da confusión variable que conduza a unha xestión posterior exclusiva dos partidos. A demanda é clara: iniciativas cidadás de confluencia con capacidade para vencer, non instrumentos de conveniencia para pasar apuros, uns nas xerais outros nas autonómicas. As forzas políticas deben xogar o seu papel, e teñen moito que gañar se facemos caso dos seus idearios e programas, ninguén está pedindo que se suiciden. Por iso creo que o principal sería poñernos a facer desde agora iso que prometemos para o día despois, mellor dito deixar de prometer e poñerse a facer. A democracia non se conta, practícase, se a xente vai estar no centro da proposta política a participación aberta da cidadanía terá que ser o fundamento da súa construción.
Todo o mundo fala da unidade, todos e todas imos ser unitarias, sensibles, xenerosas e a marea é o modelo, pero falamos de cousas ben distintas. A unidade é a resposta, a marea galega é a solución. A cuestión hoxe non é unidade si ou non, a cuestión é que unidade, está claro que o capital simbólico da unidade e do protagonismo cidadán son moi importantes, lonxe deles podes quedar fóra de xogo. O detalle non está en predicalo ou acoplarse a iniciativas exitosas, o detalle está en activar procesos nos que a cidadanía poida participar de verdade na xeración da alternativa. Demostrar a nova política na práctica, mobilizando a ilusión, a enerxía e a intelixencia da multitudes. E non habemos poder!. No Atlántico, no Cantábrico, no Miño, no Sil, somos a terra dos mil ríos e de máis quilómetros de costa. A lúa atráenos a todos, o sol tamén, toda a Terra se move, toda a Terra é dos homes e das mulleres. Hai marea!