Todos os avances sociais ao longo da historia son consecuencia da unidade popular. Iso é así porque a unidade permite acumular as forzas necesarias para que se dean as transformacións; sen ela, hoxe aínda viviríamos na sociedade escravista.
Dous exemplos: a conquista da xornada de 8 horas polos traballadores americanos en 1886 foi posible grazas á unidade de acción sindical dos sindicatos -socialistas e anarquistas- que aparcaron as súas lexítimas diferenzas e se mobilizaron xuntos en pos dese obxectivo.
En febreiro de 1936 as candidaturas unitarias do Fronte Popular, nas que participaban as forzas de esquerda e de progreso (socialistas, comunistas, republicanos e Partido Galeguista en Galicia), conseguiron gañar as eleccións. Galicia puido conseguir a aprobación do seu estatuto de autonomía grazas a unidade de todas as forzas políticas galegas nacionalistas e non nacionalistas.
Que ninguén se engane, ningunha forza política de esquerdas en solitario ou que impida a concreción dunha única candidatura unitaria no estado e en Galicia vai gañar as eleccións
Hoxe en Europa, no Estado Español e en Galicia estamos a vivir un estado de excepción neoliberal que pretende arrasar todas as conquistas políticas, económicas, laborais e sociais que tantos anos e tantos sacrificios nos costaron conseguir. Pois ben, derrotar as políticas de austeridade neoliberal só é posible se nas vindeiras eleccións xerais somos capaces de concitar a unidade popular en base a candidaturas de unidade en Galicia e no Estado. A non concreción desas candidaturas só serviría para impedir a derrota da dereita e para frustrar o cambio político que demanda a maioría social. Que ninguén se engane, ningunha forza política de esquerdas en solitario ou que impida a concreción dunha única candidatura unitaria no estado e en Galicia vai gañar as eleccións.
Non pretendemos inventar nada: aí están as experiencias das pasadas eleccións locais e autonómicas de maio. Nos concellos en que se articularon candidaturas de unidade popular, estas lograron, en moitos casos, acadar o goberno e aplicar políticas favorábeis á maioría social. Contrariamente, nas eleccións autonómicas, onde non houbo esas candidaturas , gañaron o PP ou o PSOE.
Nos concellos en que se articularon candidaturas de unidade popular, estas lograron, en moitos casos, acadar o goberno e aplicar políticas favorábeis á maioría social
É obvio que a situación de emerxencia que estamos a vivir esixe de todos e todas que fagamos os esforzos necesarios para conseguir unha candidatura galega de unidade sen exclusións; é dicir, unha candidatura nacional galega que inclúa a todas as forzas políticas de esquerdas e de progreso nacionalistas e non nacionalistas, mareas, movementos sociais e persoas independentes.
O obxectivo debe ser conseguir un grupo parlamentar nacional galego soberano no parlamento español que defenda e promova o cambio de modelo produtivo, a potenciación dos nosos sectores produtivos, a creación de emprego con dereitos e rematar coa precariedade e a potenciación dos servizos públicos esenciais, entre outros. No mesmo sentido, o grupo parlamentar debe colaborar con todos os grupos do parlamento que se opoñan as políticas neoliberais e que defendan o dereito a decidir das nacións que conforman o estado español facilitando e apoiando o cambio político de goberno.
Os tempos son chegados, ninguén nega a necesidade da unidade popular, hai moitas coincidencias entre as plataformas que coexistimos en Galicia. O lóxico sería fundírmonos nunha soa e, de non ser así, a nosa misión ten que ser coordinármonos e actuar unitariamente
O momento político que vive Cataluña pode favorecer un escenario político que leve a novos recoñecementos dos dereitos das nacións (nacionalidades históricas na linguaxe constitucional) no que o grupo parlamentar debe xogar un papel fundamental para evitar calquera discriminación sobre o noso país. Lembremos que xa na Transición intentaron impoñernos o “Estatuto da Aldraxe” que foi rexeitado pola cidadanía galega na máis importante mobilización política de Galicia.
En fin, os tempos son chegados, ninguén nega a necesidade da unidade popular, hai moitas coincidencias entre as plataformas que coexistimos en Galicia. O lóxico sería fundírmonos nunha soa e, de non ser así, a nosa misión ten que ser coordinármonos e actuar unitariamente para facilitar que todos os interlocutores atopen a vía de encontro para unha candidatura nacional galega á que aspiran a maioría das galegas e dos galegos. Se alguén, por intereses espurios, pretende poñer atrancos as rodas da unidade ou pretende evitar a unidade popular estará causando un grave dano a Galicia, á posibilidade real de cambio político no estado e, por tanto, a maioría social.