O motor do cambio social é o pensamento utópico, é dicir, a imaxinación. Sermos capaces de soñar un mundo mellor, diferente, outro, ou sexa, algo utópico segundo o (tristeiro) pensamento común, é unha capacidade que bebe na mesma fonte que a poesía. E gústame o que veño de escribir na frase anterior, porque debe de ser certo, daquela, que a poesía é unha forza inevitablemente revolucionaria.
E dende sempre foi así: se teñen acontecido cambios sociais importantes é porque unha idea utópica andaba por detrás, alimentando músculos para a loita e corazóns para o sacrificio. E Platón soñou a súa utopía. E logo, no Renacemento, filósofos como Tomás Moro (autor, precisamente dun libro titulado Utopía), Francis Bacon ou Campanella, deseñaron os seus mundos ideais dende o convencemento racionalmente fundado de que o mundo real estaba cheo de erros e, sobre todo, de inxustiza e que, daquela, había que imaxinar un mundo diferente con vocación de mellor. No XIX, Marx pretendeu afianzar científicamente o materialismo histórico que anunciaba a chegada inevitable dun mundo futuro igualitario e xusto. Logo, tivemos que esperarnos á grande utopía colectiva dos anos sesenta, para coñecer as posibilidades festeiras que dende a contracultura se soñaba para unha humanidade precisada de soños. E polo medio, utopías baseadas na ciencia de todas as cores e sabores.
Tivemos que esperarnos á grande utopía colectiva dos anos sesenta, para coñecer as posibilidades festeiras que dende a contracultura se soñaba para unha humanidade precisada de soños
Levamos, digan o que digan os pensadores -é un falar- neocóns, defensores brutais das Cousas Como Están (ou sexa, o Capitalismo como modelo único, que prima aos cartos por riba das persoas) programados para sentir a necesidade da utopía. E por iso simpatizamos máis co Braveheart que co inglés, e a emoción turra de nós diante dunha boa historia de soñadores revolucionarios. Necesitamos, dalgunha maneira, vivir instalados emocionalmente na crenza do cambio posible, na esperanza da transformación para mellor.
Sen embargo, semella como que esa necesidade de utopía, agora, ou se nos morreu ou está absolutamente aletargada. Porque non vexo o discurso utópico artellado por ningures. Nin sequera en movementos ilusionantes coma o 15M, interesante, moito, digno de apoio, por suposto, mais no fondo, planteado coma receitario de boas prácticas (indiscutibles) para corrixir dende un punto de vista ético as fendas democráticas actuais e que, no fondo, non se atreve a soñar un sistema diferente senón a mellorar este, que nòn é pouco.
Cara onde camiñar serán outros os que terán que pensar. Pero hai que soñar utopías. É urxente soñar mundos posibles de mellor calidade
A evidencia mais evidente de que o capitalismo triunfou e que polo de agora nada nin ninguén poderá ameazalo é que o corpus teórico utópico está ou baleiro ou planteado, como dixen, para parchear o actual sistema. Eu non sei cal é o sistema alternativo. Mais o que si que sei é que este está esgotado, que é inxusto, criminal e inhumano. Cara onde camiñar serán outros os que terán que pensar. Pero hai que soñar utopías. É urxente soñar mundos posibles de mellor calidade. Mentres non fagamos ese traballo imaxinativo común, ilusionante e plausible, todo seguirá igual, é dicir, peor. Cómpre facelo ou seremos todos arrasados por un sistema económico e social que ten como primeiro e único obxectivo a súa propia perpetuación ata as últimas posibilidades. E mentres non se lles obrigue a cambiar, non se moverán nin medio milímetro da súa posición de privilexio.
Eu,a día de hoxe, vivo na reivindicación da Utopía da Utopía.