No medio do enorme ruído e confusión ós que asistimos nos últimos días acerca dos achegamentos que puideran propiciar un pacto de investidura, unha vez máis Podemos toma a iniciativa.
Ante a inactividade e a ausencia de ideas duns e doutros, semella que estes días o partido morado traballou arreo para, como fixo dende a súa irrupción na política española, orientar e centrar a axenda política e de paso facerse coas portadas de todos os xornais. Cómpre recordar a manida frase de Oscar Wilde “Hai soamente unha cousa no mundo peor que falen de ti, e é que non falen de ti” e nisto o que está claro é que Podemos leva vantaxe. Poñendo as cartas sobre a mesa, Pablo Iglesias obriga os demais actores deste proceso a facer xogo.
Aínda que non puidemos ver as caras de sorpresa entre os responsables dos outros partidos, as rápidas reaccións nas redes sociais dannos idea da sorpresa xeneralizada.
Pacto de perdedores, Irán e Maduro, faltou ETA e xa teríamos ós protagonistas habituais dos argumentos populares. Xa levaban días movendo as cloacas do estado intentando presionar o PSOE para que aceptara a Gran Coalición, porque ó máis puro estilo Esperanza Aguirre, só foi necesario que houbera eleccións para escoitarlles que populares e socialistas son case o mesmo e que polo ben de España deberían xuntarse. Ou nosoutros ou o caos.
Liña semellante á que quere aferrase Ciudadanos. Unidade de España e reparto de sillóns critica un cada vez máis irrelevante Rivera que se esforza por interpretar o frustrado papel de árbitro entre o PP e o PSOE.
Tampouco puidemos ver a cara de sorpresa de Sánchez, que, ironías da vida, semella que tivo coñecemento de que podía ser presidente por boca de Felipe VI. Alén do seu entendible desexo de ver a Rajoy queimarse no lume dunha truncada sesión de investidura, falta por ver se a súa insistencia nos tempos (que todo indica van con atraso) non intenta ocultar o estupor que a proposta dun goberno de cambio provocou nas filas socialistas. En todo caso PODEMOS colocou o PSOE nunha situación complexa, a de quedar ante o electorado como único responsable da ingobernabilidade.
A quen seguro que desconcertou menos a proposta sería a Alberto Garzón, que dende o primeiro momento apostou polo diálogo necesario que fixera posible un goberno progresista alternativo ó Partido Popular. Que acabara sendo ministro dun gran goberno de coalición sería un enorme motivo de alegría para os que vimos con tristeza que a unidade da esquerda non se tivera materializado para o 20D.
Dende o establishment e numerosos medios de comunicación había días que sinalaban a necesidade de abandonar o infantilismo que presupoñían a un partido inexperto nas artes da política. A pesares das sorpresas que nos deparen os artigos de opinión que vamos ler estes días, será difícil ocultar a brillante escenografía do partido morado presentándose ante a cidadanía como o único capaz de antepoñer o interese xeral ós intereses partidistas.
Aínda que é evidente que a posibilidade de pactar un goberno co Partido Socialista causará división de opinións tamén entre os propios votantes de Podemos (non podería ser doutro xeito entre unha base social tan ampla e heteroxénea coma a que lle deu o seu apoio) cómpre ter presente que “a política é a arte do posible”. Sen importar demasiado se foi Aristóteles, Maquiavelo ou Bismarck quen enunciou a frase, resulta indicativa das enormes dificultades que implican as negociacións políticas, onde sempre, para gañar, haberá que estar disposto a renunciar. Programa e políticas por diante, por suposto, pero haberá que aceptar que para poder garantir a xustiza e os dereitos sociais, a igualdade, unha verdadeira xustiza independente, un sistema electoral proporcional e o encaixe plurinacional do estado, será preciso negociar e pactar con voces e sensibilidades diferentes.
Está por ver se este movemento é o primeiro paso para un goberno de cambio ou a primeira parada dunha nova campaña electoral. En todo caso, é o tempo das apostas: Recollerá Sánchez este guante?