A vella loita de clases

“A historia de todas as sociedades que existiron deica os nosos días é a historia da loita de clases”. K. MARX, F. ENGELS: O manifesto comunista, 1848.

Que a dereita económica e social, así como os seus altofalantes, teimen en negar que a loita de clases segue viva na actualidade é algo que resulta comprensible, como  tamén que incluso queiran negala súa existencia. Tamén o resulta que un sector do autoproclamado centroesquerda fuxa de recoñecela e mesmo non queira falar de clases sociais. Pero o que resulta patético é que moitos de aqueles que din defender as clases traballadoras apunten a que ese concepto xa está anticuado. Resulta patético por que supón implicitamente recoñecer o dominio cultural da dereita económica e social que non quere que se utilice o concepto de clases sociais. Resulta patético por que a realidade dinos, un día si e outro tamén, que a pesares das reiteradas negativas a loita de clases esta aí. Que as evidencias son continuas, especialmente en épocas de crise como na actualidade. Vexamos esas evidencias en Galicia i España.

Como xa escribín no seu momento o ano 2015 pechou de moi mala maneira para as clases traballadoras galegas e españolas. Pechou mal para as chamadas rendas do traballo tanto dende o punto de vista do emprego como dos salarios reais. Uns salarios cuxo peso na riqueza nacional respectiva (43% en Galiza, 46,7% en España) e o mais baixo de sempre e tamén da Unión Europa onde nos países mais desenvolvidos roldan o 60%. Seguindo cos salarios sabemos grazas a GESTHA –técnicos de Facenda- que o número de traballadores empregados que teñen un salario inferior ao SMI (648,60 euros mensuais no 2015) non para de medrar nin en Galiza (30%) nin en España (34%). Que  sucede o mesmo co número de traballadores que sofren o que se coñece como pobreza laboral xa que teñen uns ingresos polo seu traballo inferior a metade do SMI, ou sexa 325 euros (12,6% en España, 18,5% en Galiza).

Un ano o 2015 que, nembargante, non pechou de igual maneira para as rendas do capital. Recollendo a información que elas mesmas nos facilitan vemos que as empresas do IBEX35 –non está incluída INDITEX- gañaron en conxunto 20.372 millóns de euros         –equivalentes ao 2% do PIB español-. No sector da grande banca, que tivo unhas ganancias globais de 8.700 millóns de euros, repartíronse, entre os seus directivos, retribucións millonarias. A presidenta do Banco Santander cobrou 7,5 millóns de euros, o do BBVA tivo unha remuneración de 5,6 millóns de euros, o do Banco Sabadell 2,84 millóns, o do Banco Popular 1,45 millóns e o de Caixa Bank gañou 1,15 millóns de euros, por citar algúns dos mais grandes. No sector eléctrico as grandes compañías tiveron un beneficio conxunto de 5.009,6 millóns de euros, gañando uns  9,5 millóns de euros o presidente de IBERDROLA, 2,8 millóns o de ENDESA e 1,8 millóns o de GAS NATURAL. No sector das comunicacións o presidente de TELEFÓNICA gañou 8,69 millóns de euros. Finalmente no sector inmobiliario mentres o grupo FERROVIAL obtiña un beneficio neto de 720 millóns de euros o seu presidente ganaba 5,9 millóns, o grupo ACS declaraba uns beneficios de 725 millóns de euros e o seu presidente cobraba 4,6 millóns de euros. Se falamos da empresa “galega” de confección téxtil INDITEX entón entramos noutra galaxia. Con uns beneficios de 2.875 millóns de euros, o presidente do grupo cobrou 12 millóns de euros.

Se agora sumamos o cobrado polos directivos (12) aquí citados –unha pequena pero escollida representación do IBEX35-, atopámonos co que o total das súas retribucións equivaleu aos ingresos anuais de 6.900 traballadores que cobraran o SMI. Claro que so o presidente do grupo INDITEX xa ganou mais que 1.300 traballadores galegos que cobraran ese SMI. E que dicir do propietario de INDITEX cuxo patrimonio estimado, o maior de España, equivale a multiplicar por 5 millóns o patrimonio medio dos galegos?, ou o patrimonio das 20 maiores fortunas españolas  –entre as que hai 3 galegas- que, segundo OXFAM, acumulan a mesma riqueza que o 30% da poboación española: ou sexa, que 14 millóns de persoas?

Non debera resultar, xa que logo, estraño que nestes anos as rendas do capital en Galiza e en España non paren de gañar peso na renda nacional (45,5% en Galiza, 42,9% en España, mentres, nos estados mais desenvolvidos, ese peso xira en torno ao 30%). Unhas rendas do capital que “aportan” o 70% dun fraude fiscal que, en España, acada os 60.000 millóns de euros anuais. Unhas rendas que posúen o 94% do diñeiro español oculto en paraísos fiscais (19 billóns de euros) segundo a Oficina de Responsabilidade Social Corporativa e o sindicato GESTHA.
Isto señores é a vella loita de clases. Unha loita de clases que as rendas do capital están ganando por goleada. Unha loita de clases que explica as enormes desigualdades sociais existentes en Galiza e en España.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.