Hai momentos nos que o tempo acelera, iso está a ocorrer na política galega desde as pasadas elecións locais: tanto os presupostos das candidaturas municipais como o mesmo resultado desas elecións xa
envelleceu e o que foi novo xa é pasado. Aqueles resultados abriron incógnitas e, sobre todo, esperanzas no resultado de sumar forzas para un cambio desde aquí.
Mais a dereita tomou nota da súa derrota e xa reaxe e está a revisalo todo: Rajoy está disposto a revisar a súa Constitución, un PP que teme perder a Xunta e está disposto a apartar a Feijóo e buscar candidato novo…Mais todo segue en movemento e dentro dun mes, tras as elecións catalanas, todo será aínda moito máis vello. O resultado desas elecións non só cuestiona a forma do estado e abre sen volta un proceso de negociación e remodelación que afecta á existencia mesma do noso país, tamén vai someter a proba a viabilidade dos partidos estatais en Catalunya. O qué vai acontecer co PP, PSOE e Podemos alí está por ver.
Dentro deste tempo no que todo está a ser revisado, a historia vai marcar os días que van entre o pasado 25 de Xullo pasado, pola unidade da nación galega, e este 23 de Agosto, do Banquete de Conxo 2.O. no que se cerra todo un proceso aberto de deliberacións.
Non ten sentido xa vir con retesías resesas, con acusacións de contas vellas, usar as desconfianzas como pretextos. Se temos visión de país e se estamos a altura das esixencias da historia só cabe incorporarse a este proceso de creación política de envergadura
E ninguén pode dicir que ve as cousas hoxe como as vía hai dous meses, cando puxemos a correr esa arela de unidade. Tras o vivido estes días ninguén pode honradamente dicir que todo está como estaba e que un se mantén no que estaba, pois os futuros que imaxinabamos hai tres meses xa son pasado. Ten sido un verán de transformación.
Non ten sentido xa vir con retesías resesas, con acusacións de contas vellas, usar as desconfianzas como pretextos. Se temos visión de país e se estamos a altura das esixencias da historia só cabe incorporarse a este proceso de creación política de envergadura. Unha candidatura nacional galega cun programa social que non só nos vai representar nun novo tempo político no estado senón que é o comezo dun proceso máis amplo, a modificación do mapa político galego cunha forza social emerxente que debe gobernar a Galiza. Porque outras políticas sociais son precisas e porque este país o precisa.
Porque non haberá democracia nin ideais de xustiza social se non son construidos desde aquí e sen submisión. E para iso non é preciso ser nacionalista galego, nin sequera galeguista, abonda con non ser
españolista, con ser demócrata e constatar as inxustizas desde aquí.
Estaremos o domingo en Conxo, que chova que non, a brindar novamente pola liberdade das persoas e da nosa nación
E xa estamos para parir, a urxencia histórica obríganos e está a ser a parteira dunha sobrevida ilusión. E digo da historia porque este país noso non ten estado pero temos capacidade para levar conta da nosa historia. Estamos a facelo e os nosos feitos serán lembrados dentro dun relato histórico. A historia pode estar feita por mans e bocas alleas ou polas nosas, a Galiza non consta como tal na historia española, son catro provincias da corte, porén na nosa historia constan e constarán estes días que estamos a vivir. Nos momentos históricos decisivos somos sometidos a proba e vémonos obrigados a escoller de que lado estamos, e nós tomamos partido e escollemos estar da parte galega. No inmediato futuro seremos interrogados por onde estivemos cada un, cada unha de nós, nestes momentos. Estaremos o domingo en Conxo, que chova que non, a brindar novamente pola liberdade das persoas e da nosa nación. Ese día remata un tempo de deliberacións e arranca un proceso político creado desde aquí e con raíces na nosa historia e no noso país. Quen acuda terá o honor de partillar na construción dun novo tempo, quen non queira estar ese día sempre terá as portas abertas para sumar.
Quen pense só en términos de candidatura de unidade non pensa xa cabalmente, iso xa está para nacer: vaina haber, desde o día 23 sairá de círculos reducidos e grupos de debate e comezará a estenderse pola xente e polo país todo
Quen pense só en términos de candidatura de unidade non pensa xa cabalmente, iso xa está para nacer: vaina haber, desde o día 23 sairá de círculos reducidos e grupos de debate e comezará a estenderse pola xente e polo país todo, construindose de abaixo arriba e de cidadán a cidadá, de aldea a vila a cidade. Trátase de moito máis que dunha candidatura nacional galega, non se trata de facer contas de resultados electorais, nesta conxuntura histórica iso é unha cativeza indefendíbel, hai que pensar a Galiza no Estado, no mundo e no noso tempo en termos históricos. Se non se comprende isto é que non se comprende por que asasinaron naquel Agosto a semente que lembramos neste Agosto.
A única distorsión que vexo nese proceso de debate son as mensaxes que chegan desde a política madrileña, a man de “Podemos” a enredar por atrás e debaixo con mensaxes confusas. Quen pretende verdadeiramente a unidade, a participación da cidadanía e as deliberacións públicas non teme falar claro e en alto, así pois cómpre situar o papel deste novo partido entre nós.
“Podemos” naceu aproveitando as enerxías desencadenadas polo 15-M e upandose na crítica á política practicada e aos partidos existentes, porén nesta altura e xa antes de comparecer nunhas primeiras elecións ten mostrado unha práctica non só distinta do que prometeu senón mesmo contraria nalgúns aspectos fundamentais. Isto provocou un enfriamento e un distanciamento de sectores que inicialmente puxeron nesa equipa de profesores madrileños as súas esperanzas. Hoxe xa se ten mostrado como un partido de ambición política desmedida, antipático e desprezativo da esquerda existente, a que, cos erros e defectos que teñan, ten loitado polas causas sociais. Segue a ser aínda unha marca con certas perspectivas no mercado electoral que pode ofrecer oportunidades a persoas que queiran incorporarse á política como actividade e tamén como profesión. Mais xa están moi lonxe do soño dunha maioría para gobernar e resituada nunha franxa que era a que tivo antes IU, de feito hoxe o seu obxectivo real é conseguir ocupar o seu espazo.
A única distorsión que vexo nese proceso de debate son as mensaxes que chegan desde a política madrileña, a man de “Podemos” a enredar por atrás e debaixo con mensaxes confusas
A equipa dirixente dese partido, que desde que apareceu demostrou gran capacidade de mutar e adaptarse en cada momento e en cada lugar ofrecendo unha cousa e a contraria, vive angustiada o momento electoral. O que para nós é un momento decisivo na historia da Galiza que afronta unha nova revisión da estructura do estado e como lle afecta para “Podemos” é a súa reválida electoral, o seu éxito ou o seu fracaso dependen do resultado electoral. Arestora co que soñan é cun número de deputados suficiente para, de perder o PP a maioría absoluta, condicionar ao PSOE e obrigalo a pactar un goberno de coalición. De non ter deputados bastantes ficarían fóra do goberno e terían que conformarse con dar os seus votos para a investidura dun goberno socialista.
Ese é o problema dese partido angustiado polos seus resultados e que está disposto a prometer unha cousa ou a contraria, xa se verá logo, e non o das clases traballadoras e do conxunto da sociedade galega. Por iso resultaría inconcebíbel que ninguén que fale de unidade, unión ou do noso país axude a dividir e entregar recursos políticos galegos á submisión ao centralismo. Os enredos por atrás e as conversas entre cúpulas non terán froito entre nós. Ese sería o triunfo da máis vella política que tanto se ten criticado e con razón.
Nós traeremos desde abaixo a nova política: diálogo, transparenza, participación cidadá e unidade. Sumaremos o que é diverso, distinto e vaino seguir a ser. Uniremos as diversas tendencias culturais, organizativas, que comprenden que é preciso construir xuntos.
Como esa candidatura xa é unha realidade aí nas portas hai que enxergar futuro práctico, pensar programas de construción social e nacional
E como esa candidatura xa é unha realidade aí nas portas hai que enxergar futuro práctico, pensar programas de construción social e nacional. Programas para a candidatura que vaian máis aló dunha cita electoral. Pensar a nosa economía, o mar e o campo, o sector lácteo e agro industrial, a nosa cultura, as nosas comunicacións, a ordenación do territorio, pensar a relación con Portugal, o resto da fachada atlántica peninsular, a conexión por terra con Europa, as comunicacións todas, os aeroportos e os dous grandes portos, o teatro, o audiovisual, a literatura, a asistencia social,…A vida enteira nunha nación que se pensa por ela mesma, non submetida a visións e estratexias alleas e contrarias a nós.
Non se trata dunha candidatura soberana, trátase de deseñar un país, estamos convocados a soñar unha nación. Que ninguén teña medo a soñar, os nosos soños son o noso combustíbel e o único que verdadeiramente temos.